Pronto podemos comprobar o caótico que é Pekín, unha cidade enorme, desproporcionada e deslucida por un ceo brumoso procedente da contaminación ambiental. Do aeroporto ó hotel a primeira impresión é a dun lugar feo e con moitos chinos. Todo marcha segundo o previsto e estou tranquilo porque aínda non me podo comunicar con España, non son horas. Primeira ducha en territorio chinés e un rato para repasar as cousas e meditar, paso uns segundos de angustia aínda que xa sei que o teléfono funciona. Comeremos todos xuntos nun restaurante preto do hotel, só entrar baixa a alma ós pes, non podo soportar o cheiro e asumo que non poderei aguantar un mes sen xantar. Neste primeiro contacto coa comida chinesa, como puiden fun metendo algo. Despois deste xantar frugal hai cansazo e sono pero trátase de aproveitar a tarde nesta cidade visitando a Praza de Tianamen e a Cidade Prohibida, non son aínda moi consciente de onde estou pero fago un montón de fotos para lembrar cando todo pase. Neste lugar grandioso recibo novas de Quiroga e poderei aguantar ata a noite. A visita á Cidade Prohibida déixame un pouco desacougado, é inmensa e hai pouco tempo e moita xente. No solpor visitamos unha das rúas típicas do centro de Pekín; inmenso bazar con todo tipo de postos para xantar: ¡¡ese cheiro…xa non sairá do meu nariz en moito tempo!!. Para cear, pasta picante, no medio da rúa e con palillos. Esto está mellor, hai ambiente e parécese ó que eu tiña na cabeza. Nova comunicación con Quiroga e moi animado métome na cama despois de 34 h. sen durmir, con boas sensacións a pesar dos demos interiores. Estou canso e persiste unha tose moi fea que ameaza con arruinalo todo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario