Hoxe toca quedar no C.B traballando arreo para organizar todo o que levaremos ós campos de altura: comida, gas, tendas, cordas… e material persoal, deberán quedar perfectamente listos para a xornada de mañá. Non quero ser moi optimista pero agás pequenas molestias atópome perfectamente. Como sempre aquí, toca madrugar, ás 8 h xa estou na tenda comedor almorzando. A perspectiva dos preparativos nun principio asusta un pouco pero con calma as cousas veñen ó seu sitio; primeiro racións de altura e marcha, gas e material colectivo, logo o material persoal, á tarde as tendas e os fornelos. Arriba compartirei tenda con Gus e Oc, os dous mexicanos. A alimentación en altura consistirá no mesmo de sempre, ademais de embutido que trouxemos de España e que a bo seguro saberá a gloria. O contacto coa neve e o xeo e inminente e cáusame ansiedade pero en definitiva é o que viñemos buscando. Os vindeiros días serán decisivos para o desenvolvemento da expedición, hai dúbidas pero estamos animados e as risas son continuas o que facilita moito as cousas. Ceo pouco porque non me gustan os “nudels”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario