jueves, 24 de agosto de 2006

Muztagh Ata 2006: C.B. 4.445 m. – Glaciar Kartamak ata 4.550 m. – C.B.

Todos sabemos que a nosa estancia no base chega ó seu remate. Hoxe será un día tranquilo, hai pouco que facer; só resta gardar as tendas de altura e organizar a comida sobrante. O labor ocúpanos pouco tempo, entre todos axiña o tíñamos preparado. Reclama a nosa atención a marcha da expedición inglesa, a máis numerosa do campo base, empregarán para baixar ás súas cousas preto de 40 camelos e como sempre é un espectáculo ver ós porteadores colocar a carga. Sorpresa, os ingleses, moi potentes, tiñan ó seu servicio a catro sherpas nepalís. Fer achégase ata eles e despois do preceptivo “namasté” inicia unha conversa en inglés: que xente máis amable, estivemos un bo cacho cambiando impresións sobre o Muztagh con eles. Cando marcharon achegáronse ata o noso emprazamento para despedirse… Fíxome moita ilusión. A cabra está morta e os “kebabs” cocíñanse xa sobre as brasas, ademais haberá deliciosos “chapatis”: vaia enchenta, tratábase de comer ata non poder máis e penso que acadamos o noso obxetivo con éxito. O estómago… non pode máis. Hoxe tampouco irei ata as antenas, mañá cando chegue á civilización xa tratarei de contar algo. Empezo a sentir medo… pero medo de que?, medo terrible do que poda vir… pero a expedición está a piques de rematar?, xa, pero hai outro mundo, hai outras cousas… ¿qué pasa gallego?: no pasa nada… o depende… Non resisto dentro da tenda e vou ata as antenas, mágoa, non hai cobertura, canto chego de novo ó C.B entérome de que fai dous días que non funciona o teléfono. Está unha tarde bastante boa e decidimos dar un pequeno paseo ata a parte superior da morrena do Glaciar Kartamak: os corpos doídos polo esforzo dos días pasados camiñan lentamente aínda que non hai demasiada distancia. Dende esta parte da montaña, as vistas, son novamente espectaculares sobre a parte superior do glaciar e sobre a Meseta do Pamir; anoitece e a multitude de regatos que percorren o fondo do val reflicten as derradeiras raiolas do sol… teño medo. Aínda fomos quen de cear, non moito pero algo metémoslle ó corpo; risas e máis risas na sobremesa e cediño no saco, mañá haberá que iniciar o regreso á civilización.

No hay comentarios:

Publicar un comentario