miércoles, 1 de abril de 1998

REFLEXIÓNS SOBRE O CRISMÓN DA ERMIDA.


Na actualidade non se pode falar da existencia galega de núcleos cristiáns fortemente arraigados ata o século IV. Nos albores, o proceso de crisitanización hai que vinculalo ós centros de poboación máis importantes, non obstante, hai que ter en conta o feito de que a meirande parte dos habitantes se asentaban en lugares marcadamente rurais, extremo que dificulta unha adecuada expansión deste novo pensamento relixioso.
As pegadas artísticas que, polo de agora, podemos valorar dos primeiros tempos da cristiandade son moi escasas e non permiten precisar sobre as posibles áreas de expansión do cristianismo en Galicia, a intensidade do fenómeno, o nivel cultural e artístico destas comunidades, etc.
A nivel artístico poderiamos dicir que, dentro do século IV, a produción paleocristián se estende nun conxunto romanizado, e unido, a núcleos de poboación onde a romanización está máis afirmada.
Unha peza clave no estudo da produción artística e o contexto paleocristián en Galicia, é o denominado Crismón de Quiroga, pertencente á Igrexa Parroquial de Santa María da Ermida.

HISTORIA E DESCRICIÓN.

Segundo numerosas referencias bibliográficas, ata 1.887, esta peza realizaba función de ara no altar maior da igrexa de Nosa Señora dos Remedios da Ermida, e descoñécese dende cando tiña esta función. Co paso do tempo, a “pedra” acadou un valor máxido entre a xente; ata tal punto que os fieis da comarca, furtivamente, raspron o crismón para facer coas partículas obtidas unguentos máxico-medicinais. Habería que buscar nesta circunstancia o motivo polo que en 1.887 se retirou do altar para protexela desta mal entendida e desviada espiritualidade, á que cabe culpar dos pequenos deterioros que amosa a peza na actualidade.
No ano 1.925, Luis Martí, fundador do Museo Diocesano de Lugo conseguiu que pasara a formar parte dos seus fondos, converténdose deste xeito na peza máis valiosa e valorada por tratarse, ata o de agora, dun exemplar único no mundo da cristiandade.
Esta peza da que vimos falando é un gran disco de pedra, de 95 cm de diámetro, e 6 cm de espesor, realizado en mármore gris veado, posiblemente procedente das canteiras existentes nas veciñas terras do Incio.
O seu centro aparece ocupado polo monograma de Cristo: o “P” de 72 cm e o “X” de 70 cm cada pau. Cabe sinalar que todas as letras do crismón realizanse en negativo, e dicir, mediante un afondamento na pedra. Tanto o pau do “P”, como cada un dos do “X”, teñen forma de cravos sen punta, unidos entre si e coas cabezas para fóra.
Situase o crismón entre as letras gregas a e ω, primeira e última do alfabeto grego.
No bordo, lixeiramente máis elevado, aparece unha inscrición enmarcada no medio de dúas sartas de posible perlas que conforman o perfil interior e exterior da inscrición.
O texto epigráfico circunscribe totalmente o cristograma que empeza cun pequeno monograma, pero sen alfa e omega, continuando co seguinte dístico (estrofa de dous versos) latino:
AVRVM VILI TIBI EST ARGENTI PONDERA CEDANT/ PLVS EST QUOD PROPIA FELICITATE NITES (“El oro es vil para ti, las riquezas de plata abátense, más es lo que brillas por tu propia felicidad”).

QUE SIGNIFICADO TEN O SEU CONTIDO?

Non é moi doado seguir os pasos precisos da evolución que levaron a este símbolo, tan só a arqueoloxía e a literatura da época nos permiten intuír o significado do cristograma.
Xa, dende os primeiros anos do século IV, o crismón se converte no símbolo de Cristo, aínda que como abreviación; pero non será ata a súa aparición no estandarte de Constantino cando o cristograma aparece, con toda seguridade por primeira vez, como símbolo. A partir de aí temos noticias del tanto nas fontes literarias como nas arqueolóxicas.
Brevemente, tal e como sintetizou Xaime Delgado Gómez despois da transcrición do texto de Eusebio de Cesarea “De vita Constantini”, Constantino antes de librar a batalla de Ponte Milivio en Roma, no ano 312, na que derrotou a Majencio, elevou unha fervente oración a Deus. O Todopoderoso obsequiouno coa visión dun signo e as verbas: “con este sinal vencerás”. Pola noite, nunha nova visión, recibiu o encargo de facer unha bandeira que contivera o mencionado símbolo. Daquela, o estandarte que mandou facer constaba dun mástil atravesado por unha “antena”, ao xeito dunha cruz, e sobre a asta unha coroa dentro da que ían superpostas as letras gregas r e c. A partir deste momento o símbolo consolídase entre a cristiandade, e xorden, cara ao ano 350, sartegos que conteñen na súa fronte unha coroa dentro da que aparece o crismón.
Nun afán de resumir aínda máis o contido deste símbolo, o crismón vén a ser na súa esencia un “idiograma” da vitoria e apoteose que transmite o estado de ánimo daquela comunidade cristián, libre dende o ano 313 (Edicto de Milán), para expresar a súa Fe en Cristo, vencedor da morte. Pasando da sinxela abreviación (Jesu-Cristo) a símbolo de Cristo vitorioso.
Non debemos esquecer os símbolos engadidos que completan a peza, xa que nas beiras do crismón, dende o século IV, aparecen as letras gregas “alfa” a, e “omega” w, o motivo hai que buscalo no libro do Apocalipse, onde Cristo aparece nomeado como “Alfa e Omega” (primeira e última letra do alfabeto grego), APOCALIPSE, 1, 8: “Yo soy el Alfa y la Omega... Aquel que es, era y que ha de ser, el Todopoderoso”. Deste xeito tan sinxelo e ao mesmo tempo tan complexo, lémbrase a Cristo, personificado no crismón, como “principio e fin de todas as cousas”.

DE CANDO É A OBRA?

Os numerosos estudos realizados, sobre todo por H. Schlunk, que ten en conta o contido iconográfico, e por J. Fontaine, que se centra no estudo do texto literario, engadido ás distintas hipóteses sobre a función desta peza, levan a pensar a case todos os autores que se trata dunha obra realizada cara ao ano 400 ou nos primeiros decenios do século V.

QUE FINALIDADE TIÑA O CRISMÓN?

Son moitas as hipóteses manexadas polos historiadores pero polo de agora ningunha é definitiva. Se temos en conta as distintas liñas de investigación, o crismón tería unha das seguintes finalidades:
-Para os historiadores A. del Castillo, Vives e De Palol, sería o adorno principal da fachada dunha igrexa paleocristián.
-García Villada, sinala esta peza como mesa de altar ou dedicación dunha igrexa.
-Os partidarios da liña aberta por H. Schlunk e Fontaine opinan que a peza da que vimos falando empregaríase como mesa de ofrendas. De confirmarse esta tese, suporía a primeira mesa deste tipo nos primeiros pasos da cristiandade.
A estas propostas, que poderíamos considerar clásicas, tamén habería que engadir a liña aberta por Xaime Delgado, que considera incluso unha profanación colocar ofrendas sobre o símbolo de Cristo, e incluso en moitos casos personificación deste. Para este historiador, a función do crismón de Quiroga podería relacionarse co culto funerario, xa que son moitos os exemplos da súa presenza en espléndidos sartegos.
A partir de aquí, a continuidade nos estudos deste exemplo e dalgún outro achado no mesmo contexto, arroxarían luz sobre a función desta peza.

QUE HABERÍA NO LUGAR QUE HOXE OCUPA A IGREXA DA ERMIDA?

Non quixera rematar esta reflexión sen facer referencia ás outras pezas, presuntamente da mesma época, que atopamos nesta igrexa.
O santuario da Ermida edifícase sobre un magnífico castro alterado na actualidade polas vivendas e cultivos que ocupan a parte superior do outeiro. Esta circunstancia pódese vincular coa presenza das numerosas explotacións mineiras existentes nas terras de Quiroga e Caurel, que centraban a súa actividade sobre todo na extracción de ouro, sen descoidar outro tipo de metais e minerais. Este extremo leva directamente a admitir a posibilidade da presenza na zona da importante figura dun “Procurador Imperial” e polo tanto dun asentamento da categoría do mencionado dignatario. Pero para os romanos, tan importante como unha boa vivenda era a preparación dunha boa morada para a vida do máis alá, o que conseguían coa construción de espectaculares mausoleos.
Cabe pensar na presencia dunha construción deste tipo na zona de Quiroga? Os restos arqueolóxicos que atopamos na igrexa da Ermida así parecen indicalo: tirado de H. Schlunk: “... en ella [a igrexa] se conservan no sólo dos basas romanas de mármol y otra gran placa del mismo material, sino además un gran capitel de pilastra, igualmente de mármol, de respectivamente 58 y 50 cm. de ancho y 36 cm de alto. La factura del mismo, su disposición general con collarinos y dos filas de hojas, la forma de las mismas con “ojos”, como lo conocemos de capiteles del este del Imperio desde finales del siglo IV y del V, hace probable que la pieza date aproximadamente de la misma época que el disco, o sea hacia el 400 o de la primera mitad del V”.” …otro capitel de mármol, no idéntico, pero del mismo estilo (se halla) en los fundamentos de la fachada del edificio”.








CONCLUSIÓN.

Despois do repaso polas propostas de varios historiadores que centraron parte da súa actividade neste contexto, só hai, na miña modesta opinión, unha posible conclusión: é difícil atopar verdades absolutas para este tipo de materiais illados. Polo que atinxe aos restos arqueolóxicos da Ermida trabállase con postulados producto da observación e a experiencia dos investigadores, que chegan nalgúns casos a conclusións sorprendentes pero que verían facilitado o seu traballo se puideran chegar a elas a través dun plan integral de estudos arqueolóxicos en todo o territorio de Quiroga que permitira descubrir un pasado que é o de todos.

 
-BIBLIOGRAFÍA:
.EL CRISMÓN DE QUIROGA. Jaime Delgado Gómez. Boletín do Museo Provincial de Lugo. 1.984. Servizo de Publicacións da Exma. Deputación Provincial de Lugo. Páxinas 85-105.
.HISTORIA DEL ARTE GALLEGO. Varios autores. Editorial Alhambra. Páxinas 71-76.
.ACTAS DEL COLOQUIO INTERNACIONAL SOBRE EL BIMILENARIO DE LUGO. Patronato del Bimilenario de Lugo. 1.977. Páxinas 199-205.
.CATÁLOGO DA EXPOSICIÓN GALICIA NO TEMPO. Páxina 128.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada