lunes, 18 de enero de 2010

SIKKIM NO CORAZÓN DO HIMALAIA, CAMIÑO DO KANCHENJUNGA.

Publicado no periódico o Sil, no número de decembro de 2009.

Cara surleste de Kanchenjunga.



Everest e Lothse.

O espertador sona pouco antes das seis despois dunha boa noite dun sono que xa non se recuperará en toda a expedición. Non penso demasiado no voo interior que nos ten que conducir de Katmandú a Bhadrapur, no leste de Nepal na fronteira coa India. Este voo realízase nunha avioneta de hélices da compañía Buddha Air, dura algo menos dunha hora e como foi moi tranquilo puiden gozar de marabillosas vistas cara o Himalia. Ao carón do avión desfilan Pumori, Everest, Lotshe, Makalu e Kanchenjunga: esta visión non parece demasiado real. Dende o aeroporto de Bhadrapur, que é unha pista non demasiado larga e un alpendre, unha hora de coche ata a fronteira de Nepal coa India: primeiro control de inmigración en Kakarbhitta e logo paso fronteirizo e primeiro contacto coa nefasta burocracia india en Ranigans. Vai un calor espantoso e a estrada aparece rodeada da triste realidade da India; miseria, campos de arroz e a medida que gañamos altura campos de té.
A xornada de hoxe remata en Darjeeling despois de atravesar os deprimentes arrabaldes da cidade de Siliguri (estado de Bengala Occidental) e de gañar altura ata ós 2200 m por unha estrada literalmente infernal.
Estou despistado polo cansazo e sobre todo sorprendido polas vistas cara ao norte: dende aquí xa pode contemplarse en toda o seu esplendor o macizo do Kanchenjunga, que é a única montaña que se pode contemplar así dende as cidades do norte da India e Sikkim.
Un pouco de organización e paseo por unha ateigada rúa central en festas, como sempre chea de tendas nas que pode mercarse de todo. O olor imponse aos demais sentidos. Eu gozo nestes sitios, encántanme estas cidades nas que podes camiñar e mesturarte coa xente sen maiores problemas.
Estou aloxado nun modesto “lodge” cun encanto especial, rexentado por amabilísimos tibetanos: a comida non suporá ningún problema nesta viaxe, todo o contrario, será un aliciente máis.
Ao día seguinte os meus paos encamíñanse a Tiger Hill, outeiro nas inmediacións de Darjeeling; centos, eu case me atrevería a dicir miles, de persoas congréganse para ver a saída do sol e de paso como se vai iluminando pouco a pouco o Kanchenjunga co Jannu como testemuña. Nun estado de catarses colectiva todas estas persoas aplaudiron cando saíu o sol e logo cando se tinguiu de rosa a cara leste do Kanchen. Cando xa todo parecía ter rematado levei a maior sorpresa desta experiencia atávica: o sol iluminou na lonxanía unha montaña da que só se vía o pico sobre unha liña de montañas máis baixas, a xente que estaba ao meu carón empezaron a gritar: Makalu, Makalu…!. Si, era o Makalu (8.463 m). A eles o nome e a altura das montañas dálles igual, penso que o que veneran e a súa aparenza de lugares máis próximas ao ceo que á terra.
Mañá viaxarei a Pelling, xa en Sikkim. Na actualidade Sikkim é un estado da India emprazado no corazón da cordilleira do Himalaia. É o estado menos poboado da India e o segundo máis pequeno en superficie. Sikkim foi un estado independente gobernado por unha monarquía ata 1975, cando decidiron nun referendo converterse no vixésimo segundo estado da India. Este verde e escarpado estado limita ao oeste con Nepal, ao norte e ao leste co Tíbet, ao surleste con Bhutan e ao sur co estado de Bengala Occidental. O idioma oficial é o nepalí, as relixións predominantes son o Hinduísmo e o Budismo, o 80 % da poboación é nepalí, o resto son indios pero tamén hai un bo número de tibetanos. A súa capital e cidade máis grande é Gantok.
Neste estado nótase un gran cambio con respecto ao resto da India, todo está moito mellor coidado e hai máis organización e sobre todo limpeza, en definitiva nótase que queren coidar o que teñen. Marabillosos e inmensos bosques condúcennos dende os 450 m no fondo do val ata os 2100 metros de Pelling.
O camiño de aproximación a pé ao Kanchenjunga por esta vertente empeza en Yuksom (antiga capital de Sikkim) xa se pode ver dende Pelling ao outro lado do val; só hai uns 30 quilómetros por unha destas endiañadas estradas. O día igual que todos dende a chegada a Darjeeling pola mañá as vistas sobre o Kanchenjunga e o seu macizo son espectaculares, nin unha soa nube, a media que avanza a xornada desaparece da vista oculto polas nubes. Resultou impresionante ver tan cerca dende a fiestra da habitación a terceira montaña máis alta da terra.
Yuksom (que significa lugar de encontro dos tres Lamas) é unha poboación pequena con moito encanto. Aquí está a Stupa de Norbugang, lugar onde foi entronizado o primeiro rei de Sikkim, que conserva os asentos de pedra como probas da consagración ademais da pegada que fixo un dos lamas ao bater contra a pedra despois de chegar voando dende o Tíbet. Non entendo todos os matices do budismo pero resulta claro que unha relixión así só pode entenderse con estas montañas como telón de fondo. O máis interesante destes percorridos é o contacto coa xente: amosan un modo de vida sinxelo pero enxeñoso como debeu ser nas nosas aldeas hai máis de cen anos.
Últimos preparativos antes de marchar cara a montaña e reunión co equipo que nos acompañará durante o camiño de aproximación á montaña “dos cinco tesouros de neve”.
O Kanchenjunga ou Kangchen Dzö-nga 8.586 m, é a terceira montaña máis alta da terra, a primeira da India e a segunda de Nepal. O nome nepalí tradúcese como “cinco tesouros de neve” xa que a montaña ten cinco picos que superan os 8.000 metros. A primeira ascensión ao seu pico principal tivo lugar no ano 1.955 por parte dos británicos Gerge Band e Joe Brown; por respeto ás crenzas do pobo de Sikkim, para quen o cumio é sagrado, detiveron o seu ascenso poucos metros antes da cima, costume que se ven respectando pola meirande parte das expedicións posteriores. A cara surleste, na que aínda ninguén puxo un pé pola súa salvaxe dificultade, cae dende a cume sur (8.476 m) ata o Glaciar Talung. O seu impresionante aspecto pode apreciarse na súa totalidade dende o collado de Goecha La (5.140 m), destino da miña expedición a este lugar tan apartado da inmensa cordilleira do Himalaia.
Os primeiros días de aclimatación sempre por riba dos 4.000 m, lávanme despois de superar a impresionante gorxa do río Rathong polo magnífico bosque húmido do Himalaia con multitude de especies (magnolios, rododendros, fentos e numerosas variedades de orquídeas), ata o campo de Dzongri a 4.020 m; dende este emprazamento xa poden contemplarse as primeiras vistas da impoñente corda que forman os montes Pandim, Tenzing Khan, Lama e Lamini, que non chegan aos 7.000 metros pero relocen impresionantes. Para completar a aclimatación e recoñecer outro espectacular val atraveso o collado de Dzongri La e instalo un campamento en Bikhbari, onde remata o Glaciar Rathong, baixo a mole que forman os catro picos do Kabru de máis de 7.000 metros. Entre a mesta brétema achégome ata o mesmo glaciar para visitar a zona da Escola India de Alta Montaña onde adestran montañeiros procedentes de todos os estados da India.
Cando o corpo xa está bastante afeito a desenvolverse entre os 4 e os 5.000 metros deixo atrás o val do río Rathong para meterme no val do río Prek Chu que me levará ata o mesmo pé da cara surleste do Kanchenjunga polo Glaciar Zemu despois de volver a atravesar o paso de Dzongri La.
Ao chegar a Lamuney, preto de Samiti Lake (4.500 m), vexo con preocupación como Kesher o “sirdar” da expedición inicia a “puja” (cerimonia budista) para pedirlle aos deuses que mellore o tempo e nos permitan seguir ascendendo para admirar a súa morada. O protagonista principal desta cerimonia é unha especie de altar-forno onde se queiman ramas e follas verdes para producir moito fume. Á fogueira tamén son arroxados alimentos para agradar os deuses: arroz e sobre todo fariña mesturada con graxa de iac. Cada un dos participantes na expedición coloca sobre as pedras do altar algunha parte do seu equipo como sinal de respecto e arroxa ao vento un puñado de arroz. Outra parte desta solemne cerimonia consiste na colocación das bandeiras de oración no punto máis elevado do campo.
O monzón este ano tardou en retirarse do Himalaia, cando baixo coñezo a sorte doutras expedicións noutras partes da cordilleira. Esta zona por atoparse próxima ao Golfo de Bengala sofre con máis crueza os efectos do clima monzónico; choiva, neve, vento e sobre todo brétema acompañáronme, ata resultar esgotadoras, durante todos os días na montaña.
Goecha La está a 5.127 metros, e chégase ata este punto despois de ascender pola morrena do Glaciar Zemu, deixando sempre á dereita as cristas dos montes Pandim e Tenzing Khan, á esquerda os impresionantes Kabrus e pechando o val cara o oeste a vertixinosa cara surleste do Kanchenjunga, na que destaca un impresionante esporón formado por torres de rocha e xeo que semella desafiar as leis da gravidade.
Dous días enteiros nevando e chovendo, sen poder saír da tenda de campaña resultan bastante desesperantes. Non hai máis alternativa que agardar unha melloría que intuímos que non chegará; a esta altura (4.500 m) unhas condicións climatolóxicas normais de neve, choiva e brétema non son determinantes para deixar de subir pero o problema é que non conseguiremos ver nada unha vez chegados ao punto máis alto. Sei que será así pero a inactividade desespérame e aínda restan algúns días para chegar ao remate do camiño; subirei ata o collado sagrado de Goecha La, deixarei as miñas bandeiras e volverei ata o campo de Lamuney para recoller as cousas nunha xornada esgotadora pola distancia, a altura e as condicións meteorolóxicas. Algo positivo, unha vez superado o Lago Samiti non me atoparei con ninguén… Como en moitas outras ocasións na montaña esta xornada dura e sen sentido transcorreu coma nun soño; dezaseis horas concentrado en dar un paso e logo outro, outro, outro… sen fotos e sen falar co sherpa nada máis que o imprescindible; o seu traballo é acompañarte pero seguro que lle pareceu moi absurdo subir ata alí envoltos na neve e na brétema pola cobiza de non renunciar ao punto máis alto dos previstos nesta ocasión. Non foi así?.
Realmente a vertente surleste do Monte Kanchenjunga é espectacular, tiven oportunidade de admirala en toda a súa grandiosidade ascendendo novamente por riba dos 5.000 metros no campo de Lampokhari; este tempo caprichoso concedeu varios días a oportunidade de ver “os cinco tesouros de neve” coas primeiras luces do día, cando a brétema estaba no fondo dos vales.
Deixo atrás o mundo das grandes alturas despois do campo de Chantray, última noite por riba dos 4.000 metros para internarme, por un sendeiro moi escarpado e nada frecuentado, nunha selva aparentemente impenetrable camiño do refuxio forestal de Kasturi Odal. Esta espectacular selva ateigada de sambesugas lévame ata a aldea de Labdhang e despois dunha maratoniana xornada á vila de Tashiding que marca o punto final deste alucinante paseo preto nubes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario