miércoles, 27 de octubre de 2010

ECUADOR: VOLCÁNS.


Sangay, Altar, Tungurahua, Cayambe, Antizana e Cotopaxi. Non parecía unha imaxe real, máis ben semellaba algo tirado dun conto fantástico: abrir os ollos e mirar algo así será unha das imaxes desta expedición. Dende a fiestra do avión intento facer a mellor foto posible, non había que compoñer nada, só disparar; estaba tan nervoso que non fun quen de baixar a sensibilidade da cámara para poder limpar mellor as imaxes, cando atinei dos botóns axeitados xa era demasiado tarde.


Laguna Mojanda e cordal do Pico Negro dende o Fuya Fuya, primeira das ascensións programadas nesta expedición. Este pico faise comodamente partindo do lago, que está a menos dunha hora (en coche) da cidade de Otavalo.


Camiño do Volcán Imbabura que dá nome a unha das provincias do norte de Ecuador, para chegar ata aquí dende Otavalo hai que cruzar a cidade de Ibarra, a máis grande do norte do país. Dende un pouco máis arriba da aldea de Chirgüasi xa se pode admirar boa parte da caldeira deste volcán.


Nun dos cumes do Imbabura, ás costas o maxestoso cráter do volcán: é doado imaxinar a impresionante forza que se tivo desenvolvido aquí cando estourou a caldeira.


En acción durante a ascensión ao Cotacachi, ao fondo a laguna de Cuicocha. Antes, para chegar ata aquí, pasamos polo lugar de Quiroga (na provincia de Imbabura), ao pé dos volcáns Imbabura e Cotacachi. Foto: Juan B.


Agora que vexo as fotos da ascensión ao Ilinizas norte resúltame imposible recoñecer esta montaña; cando estaba alí non fun capaz de asimilar a súa beleza. Son dous picos de máis de 5000 metros separados por un amplo val e unha pequena lagoa. Fixemos a ascesión dende o refuxio dos Ilinizas a 4700 m, pareceume incríbel unha instalación así practicamente a mesma altura do Mont Blanc; nas súas inmediacións tiven a oportunidade de fotografar ao lobiño do páramo. A lixeira nevada da noite fixo que a parte superior da montaña tivera un aspecto aínda máis surrealista, todo dentro do territorio que marca a imponente presenza do volcán Cotopaxi.


Este é o territorio do Volcán Cotopaxi. Realmente a atmósfera desta zona ten algo especial, a vista está tomada dende a golada que separa os Ilinizas. Unha e outra vez as miradas escapaban cara a "cabeza da montaña sen cabeza" aínda que o lugar polo que baixábamos do Ilinizas Norte era abraiante dabondo. Soñaba con subir. Foto: Juan B.


O Cayambe foi malo con nós?, non as montañas non son boas ou malas. Durante os dous días que permanecimos nos seus dominios a tempestade sobre este marabilloso volcán non se afastou nin un minuto. Segundo, o garda do refuxio, cando lle preguntei si estaría así moito tempo ao primeiro non quixo decir nada por non amolarme, pero ante a miña insitencia só dixo: non hai nada que facer, durará dous ou tres días máis. Pois a outra cousa... mágoa.


Día de descanso. Estamos aloxados en Tambopaxi, en pleno páramo andino, no medio do triangulo que forman os volcáns Cotopaxi, Sincholagua e Rumiñahui. Para non durmirse despois de que o Cayambe nos rexeitara, intentaremos o cume central do Rumiñahui: seguro que dano non nos fai. Neste foto estamos arriba de todo contemplando sen falar a inmensidade do páramo e como non, outra vez a impoñente presenza do Cotopaxi entre as nubes. No medio e a esquerda da foto pode verse a lagoa de Limpiopungo: non falta de nada para que teñamos que dar as grazas unha e outra vez.


Como case sempre, baixo correndo desta montaña, despois os xeonllos renxen. A esquerda ábrese un val; fondo e verde. A dereita o esporón rochoso da corda do Rumiñahui central, e máis a dereita outro val fondo e verde. Detéñome a mirar, na pradeira pacen cabalos salvaxes, vacas e touros bravos: este moi ben podería ser o val dos cabalos de Ayla no libro de Jean M. Auel, "Los hijos de la tierra". Máis abaixo un profundo regato rompe o páramo. Vagaría sen descanso por esta inmensidade ata non poder máis, lembro ben a luz deste lugar.


O Cotopaxi (nome quichua en galego a traducción aproximada sería "pescozo quebrado") é unha montaña coñecida e fermosa que domina o impresionante páramo andino e destaca entre os seus veciños. Machachi e Latacunga son as cidades máis próximas, a última sufriu varias veces ao largo da historia a violencia das súas erupcións. O seu reflexo na Lagoa de Limpiopungo ("paso dos limpos") e unha das fotos máis repetidas deste volcán perfecto.


A ascensión ao Cotopaxi empeza as 00 h, durante toda a subida non se pode ver nada, só un pé diante do outro; como sempre!. En canto empeza a clarexar os sentidos ateiganse de beleza; cando estás abaixo e miras, o glaciar é bonito. Cando te metes nel, non sabes para onde mirar; toda, absolutamente toda a ruta de neve e o xeo, deixa sen palabras. 

 


Disfrutando no cume, hai pouco que engadir. Mágoa que o enorme cráter deste volcán perfecto de elegantes liñas estivera parcialmente cuberto dunha brétema que entraba e saía. Un soño.


Chimborazo, do quichua ao galego: o nevado que hai que cruzar. A traducción do nome é bastante evocadora para min, sabía que tería que cruzar por algo así despois da desfeita do 2006. Pero... a cabeza, que xoga un papel definitivo nestas situacións foi suficiente para complicalo todo; xa dicía a miña avoa que a soberbia é moi mala. Non fun capaz de comprender que era necesario, que as cousas xa non son o que eran e que algo así sería fermoso aínda que estivera sempre cos pés do lado do sol, sen cruzar a "delgada liña vermella". O camiño tiña, necesariamente que pasar por aquí, polo "nevado que hai que cruzar". Poucas veces unha noite se pon tan a favor para chegar o cumio, para que na cabeza soara ese clik liberador que soluciona os problemas cando falta o aire; até a lúa quixo saír para achandar un camiño que había que percorrer.
Saín a aresta rápido, o famoso castelo quedaba moi por baixo de min; na miña cabeza xa estaba sulucionado un problema que levou moitos anos formular, así sen traumas, sen saborear na gorxa o sabor do aire que ten pouco osíxeno. A soberbia completa golpeoume de cheo canto estaba a piques de chegar ao primeiro domo: -tranquilo señor, estamos saíndo ao primeiro domo, -non podo, teño que baixar.


Retírome desconcertado, triste, non son capaz de comprender o motivo. Analizo todas as posibilidades pero non atopo unha solución concreta moito máis alá da mala cabeza: non son un nativo, non estaba en Formigueiros, eu non podo correr a esa altura; si, a esa altura!. A posibilidade de algo máis alto sempre pasaría por ser capaz de facer ben as cousas aquí. É imposible pasar de nada a moito sen consecuencias: lembra, un pé despois o outro.
Do diario do Aconcagua 2005: "O Aconcagua ensinoume a camiñar e a pensar de vagar, a modiño, sen présa...".
Aquí, outra vez nos Andes, curei a humildade, xa non hai dúbida. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario