miércoles, 9 de agosto de 2006

Muztagh Ata 2006: C.B. 4.445 m. – C.1. 5.450 m – C.B. 4.445 m.

Paso unha noite estupenda, sorpréndeme e non quero confiarme. Ás 7h40’ empezan os preparativos, o almorzo ás 8h. Cando aínda non son as 9h estou listo para saír cara arriba. Sinto as primeiras molestias no estómago, nada serio. A subida ó C1 é larga e hai que gañar uns 1000 m de altura, vou confiado pero moi a modo, sen carga e tratando de beber todo o posible. A subida difire pouco daquela pendente infernal do Aconcagua ata Niño de Cóndores, tal vez un pouco máis tendida; a vista dos glaciares e a proximidade da neve por arriba fano distinto e impresionante. Avanzo sen ningunha molestia e na parada para o aperitivo podo comer e beber sen problemas, incluso moito. Por momentos voume crecendo aínda que non quero confiarme. Un novo empuxón e xa estamos nas primeiras tendas do C1, outra vez nas alturas, atópome como se non fóra comigo, como, bebo e móvome sen molestias. A altura aquí semella menos severa que no Aconcagua. Baixo moi satisfeito, como nunha nube, pensando que con humildade pode saír ben. Ás 14h 30’ estou novamente no base sen correr na baixada e despois dunha parada no glaciar para coller auga; en canto chego bebo coma un tolo, hai que manter a disciplina. Despois do xantar e aproveitando que non vai moito frío tocará coidar algo do aseo persoal, nun pequeno porraco do regato que baixa do glaciar Kartamak, consigo lavarme enteiro cunha boa dose de vontade e gracias a almofía dun italiano moi amable. As cousas aquí vense de xeito ben distinto, vólveste completamente primario e canto antes o asumas máis doada resulta a vida; a modiño, como sempre, vou comprendendo onde estou.

No hay comentarios:

Publicar un comentario