miércoles, 9 de agosto de 2017

CHOGORI, ENDLESS KNOT, O GRANDE CRISTAL, K2...

O xogo repítese como en todos os grandes vales do Himalaia.
Xogas a ver pronto, a adiviñar onde rematan os xigantes, a agardar o vindeiro xiro do camiño para sorprenderte cun novo panorama... xogas a imaxinar como será en realidade...
Ten sucedido que cando estás diante dunha panorámica que contén, por exemplo, montañas lendarias, nin te decatas do que tes de diante por mil veces visto... quero dicir que é un: ah, xa!; a realidade correspóndese demasiado coa imaxe que temos interiorizada, entón hai menos ou non hai sorpresa inicial.
En canto entras no val do río Braldu, sabendo que se alimenta dos xeos de moitas montañas máxicas antes e despois de Concordia, a vista e a mente están sempre crispadas... cando aparecerá? será aquel que asoma alí? Error...
O primeiro que se ve é o Broad Peak... en canto os ollos se enganchan na súa parede negra tinguida de branco neve e brétema, sabes que é unha montaña moi alta. Logo a peculiar silueta do seu cumio delátano pronto. Si, é o Broad Peak... vese na segunda xornada de aproximación aos xeos do Baltoro.
Unha vez hai unha referencia clara só é cuestión de agardar... o paso dos días e a ascensión polo grande Baltoro ata Confluencia acaban de situarnos.
Si, cara alí... ten que estar cara alí. Coa cámara na man, no campamento baixo o Paiju Peak, intento ver os picos que asoman detrás dos grupos do Trango e Catedral; non creo... apoiado na parede de barro da rústica construción que fai as veces de mesquita decido que non se pode pretender correr máis que as nubes.
Cada metro de ascensión suave polo Baltoro é unha sorpresa. Imos deixando a esquerda e dereita montañas que alteraron o soño de grandísimos alpinistas... Paiju Peak, Uli Biaho, Torres do Trango, Masherbrun, Muztagh Tower... e dende hai uns días a inquietante presenza do G IV... penso en Walter Bonatti... levo pensando nel dende que entramos hai días nas gorxas do río Indo. Penso como serían aquelas primeiras veces... Penso en Jerzey Kukutshka...
Concordia... con choiva, con néboa, ao lonxe... o mesmo circo: Mitre Peak, Broad Peak, Muztagh Tower... distinta luz e de novo crispación. Seis, sete, oito días de bo tempo e agora que? Karakorum é Karakorum... agora igual xa está, nada máis, tamén niso hai que pensar.
Pasos cansos para avistar unha pequena cidade de lona de cores, alí no medio do xeo sucio de moitísimos fríos e calores...Nun momento, na impresionante praza que forma a confluencia de varios glaciares monstruosos só vexo a negra silueta do Mitre Peak e... séntome no camiño como fixera algunha vez na Mer de Glace a imaxinar como será o que me rodea e a buscar algo de paz... sorrío e síntome cómico alí no medio dos colosos que sei que hai.
O temporal segundo chegou empezou a marchar dende o fondo do val. Paseniño as agullas de rocha rompen as nubes de tormenta nun espectáculo sublime e dantesco pola potencia que atesoura. A melloría marca o noso ritmo de aproximación ao campamento de Concordia... lembro poucos sons: algunha avalancha, o renxido do xeo do glaciar e o continuo clic, clic, clic da cámara... A boca seca... e de pronto a miña esquerda, entre brétemas espeluxadas pola violencia dunha pirámide perfecta... Chogori, endless knot, o grande cristal... K2...
Lembro todos os músculos do corpo en tensión, lembro repetir en alto con crispación: K2, K2, K2... Lembro ter chegado demasiado tarde. Lembro que non tiven nin a máis mínima duda pola súa perfección... igual que outras montañas, o K2, cando aparece golpéate con toda a súa grandeza e non admite confusión.
Día 12 de xullo de 2017, máis ou menos a medio día hora Pakistaní, mirei e sentín que chegara demasiado tarde. Cando vin o monte K2 sentín que chegara demasiado tarde...

K2 dende Concordia