sábado, 6 de febrero de 2010

ENTROIDOS TRADICIONAIS EN QUIROGA: OS TOUROS DA ENCIÑEIRA E BENDILLÓ E O MECO DOS NOVAES.

Publicado no Especial de Entroido en febreiro de 2010 do Períodico O Sil.
O entroido na meirande parte das parroquias do Concello de Quiroga xa non é o que era, mellor dito, xa non é; desapareceu por completo aínda que permaneza na memoria da xente como un laio de que todo tempo pasado foi mellor, polo menos no que as diversións se refire. En cada recuncho desta terra tiña as súas particularidades pero o mesmo denominador común: o entroido, como outras festas, aínda que resulte evidente era un xeito de diversión. Resulta curioso que dende o punto de vista actual, os encargados de manter vivas na memoria estas ancestrais tradicións, pensen en buscar unha especie de desculpa diante dos nosos ollos modernos, sempre é algo así como: “-entón, era o único xeito que tíñamos de divertirnos”. Moi lonxe deste enfoque, só nos resta escoitar atentamente como os nosos devanceiros próximos é remotos artellaron un entroido baseado en valores sólidos e encantadores que son difíciles de atopar na sociedade moderna: a terra, o medio natural, a amizade, a solidariedade, o enxeño… e en definitiva: as gañas de disfrutar da vida “-co que había” que sempre resultou máis que suficiente.
A tradición oral fainos chegar estes rituais de entroido que acudían puntuais a súa cita anual ata a súa desaparición, unha desaparición que sempre presenta as mesmas causas comúns: -a Guerra Civil, -os duros anos da posguerra, e –a despoboación das aldeas como consecuencia da emigración. A celebración do entroido sempre loitou contra as adversidades, as gañas de divertirse impuxéronse a outras necesidades, pero como os propios participantes din: “-foi indo a menos ata que desapareceu porque chegou un momento en que xa non había mocidade”.
Nesta ocasión analízanse as particularidades dos desaparecidos entroidos que tiñan lugar en tres aldeas da metade sur do Concello de Quiroga: Enciñeira, Bendilló e os Novaes. As dúas primeiras presentan un elemento común característico de varios entroidos de Galicia e habitual de moitas costumes semellantes existentes en todo o mundo: a participación na festa dun animal que persegue e atemoriza á xente. E na última unha figura lendaria e cargada de significados: o meco, presente neste, noutros entroidos e noutras festas celebradas en distintas datas e parroquias de Quiroga.
As festas do entroido da Enciñeira reunían nesta poboación aos veciños e veciñas de todas as idades procedentes das aldeas desta parroquia: Sesmil, Meiral, Vacariza e Aldea. As fontes consultadas non recordan dende cando se celebrou o entroido deste xeito, a memoria dos maiores alcanza ata a segunda metade do século XIX, pérdese durante a guerra e volve a recuperarse, a pesar das restriccións e da dureza destes anos, durante a posguerra ata a década dos 60-70 do século XX, cando definitivamente deixan de celebrarse debido o despoboamento das aldeas provocado pola emigración.
Como preludio do día máis grande e particular que era o martes de entroido, a festa empezaba cos tradicionais xoves de compadres e comadres que nesta parroquia recibían o nome de “llardeiras”. A “llardeira” era un boneco ou boneca de tela e palla montado sobre un soporte de madeira coa cabeza de nabo ou de pataca do que penduraban unhas tiras de cores para axudar a suxeitalo, que representaba a un home ou a unha muller dependendo de quen foran os encargados de confeccionalo e defendelo. O xoves de compadres as mozas da Enciñeira facían unha “llardeira” coa caracterización masculina para rirse dos homes, que tiñan que tratar de quitarllo para queimalo alí onde o conseguiran. Ao seguinte xoves, os homes facían unha “llardeira” caracterizada de muller e eran as mozas as que tiñan que intentar quitarlla para queimala. Tanto homes como mulleres recordan con nostalxia as carreiras polas rúas, as hortas e mesmo polo monte para conseguir capturar a “llardeira”.O martes de entroido era a xornada grande da festa da Enciñeira, era o día no que saía o touro acompañado pola figura do “piqueiro”. Estas dúas figuras eran os protagonistas principais dun xeito distinto e entrañable de entender esta data festiva á que se sumaban todos os veciños e veciñas da parroquia, xa foran novos ou vellos.
O corpo do touro da Enciñeira estaba feito cun armazón de madeira recuberto por unha tea. A cabeza, tamén de madeira, sostiña unha poderosa cornamenta de touro ou de vaca: este disfrace levábao un só mozo. O “piqueiro”, que era unha figura masculina que ía cando o touro, vestía máscara, un traxe de cores vivos adobiado cun cinto de campaíñas e levaba unha vara na man.
O touro e o “piqueiro” saían polas rúas e camiños da Enciñeira para perseguir á xente, que en moitas ocasións tiñan que saltar dos valados onde se atopaban empoleirados para non ser alcanzados polos cornos da figura do animal. A función do “piqueiro” era a de facer o percorrido ao carón do touro para axudalo a protexerse dos participantes na festa, sobre todo daqueles que se lle achegaban polas costas para identificar á persoa que levaba o disfrace.
Case todos os participantes nesta algarabía ían disfrazados e antes de que saíra o touro divertíanse enfarelándose ou emborrallándose uns a outros. Ao cabo do día todo remataba nunha festa con música e baile.
Para confeccionar esta información falei con Isidoro Gómez Vicente e a súa dona Guadalupe Rodríguez Martínez, veciños de Sesmil na parroquia da Enciñeira.
En Bendilló, como en outras aldeas desta terra, as características celebracións do entroido enriquecéronse ata onde se perde a memoria coa participación da figura do touro e o toureiro convertidas nas personaxes centrais dunha festa que tamén neste lugar deixou unha fonda pegada e que contaba coa participación de veciños que viñan dende Vilaster, Vilar de Mondelo e Chao da Casa.
Como era característico en toda a bisbarra, en Bendilló, o entroido tamén comezaba cos xoves de compadres e comadres e o domingo fareleiro no que mozos e mozas enzoufábanse canto podían de farelo ou borrallo. Nestes enfrontamentos lúdicos tamén empregaban o restroballo que queda despois de tascar o liño para botalo enriba da cabeza ou outras partes do corpo despois de queimalo e aínda ardendo. O enfrontamento entre homes e mulleres mantíñase durante os xoves de compadres e comadres; estes días mozas e mozos facían bonecos ou bonecas con esqueleto de palla recuberto de papel e teas de cores rechamantes. A figura masculina ou feminina, dependendo da data, enganchábase nun rascallo e desfilaban en procesión polas rúas da aldea acompañados de música; rapaces e rapazas tentaban quitarlle a figura os seus opoñentes para queimala.
O martes de entroido era o día grande, a xornada máis esperada por maiores e pequenos: era o día do touro e o toureiro. O disfrace de touro que sostiña un só mozo, tamén aquí, estaba feito cun armazón de madeira recuberto por unha tea de cores, da que sobresaían os afiados e feros cornos do animal. Cando o touro, ía neste caso, a figura do toureiro: con máscara e calzas brancas adubiadas con fitas de cores. Os dous personaxes percorrían sen descanso cada recuncho da aldea saíndo da parte superior ata ter atemorizados a todos os veciños participantes na algarada. Este día do entroido en Bendilló case todos os veciños aparecían cos disfraces máis orixinais que eran quen de confeccionar. Saía tamén a “pampórniga” que era alguén cun disfrace de xigante cunha altura que chegaba ata os aleiros dos tellados e varias montadas sobre os carros dos bois. As portas das bodegas estaban sempre abertas e non faltaba a música cos mellores grupos daquel tempo, nunha aldea, na que abundaban músicos propios do pobo para os días de festa máis pequenos.
Aquí como nos outros sitios cada quen trataba de divertirse o mellor que podía, pero seguindo os mesmos pasos que nas parroquias veciñas, os costumes do entroido foron perdéndose ao longo do século XX: primeiro a Guerra, logo as prohibicións e restriccións da posguerra e xa na década dos 50-60 a mocidade abandonou a aldea para ir traballar fóra. Rematou: xa nunca máis se volveu a correr o entroido.
Esta información foi tirada do artigo asinado por Xosé P. Mondelo, O touro de Bendilló, publicado na páxina de Cultura do diario A Nosa Terra en febreiro do ano 2007.
Nas aldeas dos Novaes e o Castelo da parroquia quiroguesa de Sequeiros, o entroido escribiu páxinas gloriosas cargadas dunha tradición fonda e senlleira. Igual que en case toda a bisbarra o entroido tamén arrancaba cos xoves de compadres e comadres e os veciños disfrutaban abondo o martes de entroido disfrazándose de máscaras e bailando sen descanso ao son da música dos grupos máis populares que había naqueles anos, pero o que singulariza este entroido e marca a diferenza con outros lugares da contorna e un personaxe denominado o meco.
O meco era unha figura artellada con palla, do tamaño dunha persoa ou incluso un pouco máis grande, fabricábana os mozos dos Novaes no barrio da Carreira uns oito días antes das xornada grande do entroido. Este boneco de palla amarrábase a unha galla de castiñeiro canto máis alta mellor; mesmo algún ano un grupo de mozos desprazouse a Soutordei na outra beira do río Sil (no Concello de Ribas do Sil) á procura dunha viga de considerable tamaño; para transportala de cara aos Novaes tiveron que cruzar a ponte do tren que está nas inmediacións do que hoxe é o Salto de Sequeiros, co risco que entrañaba realizar unha operación así. A teima por conseguir un soporte o máis alto posible formaba parte importante da esencia desta tradición: os Mozos dos Novaes tiñan que colocar a figura no extremo superior para evitar que os do Castelo o puideran coller para queimalo eles antes de que llo foran queimar ao seu pobo. O “xogo” de intentar coller o boneco daba lugar a multitude de intrigas e liortas, nalgunhas ocasións os mozos da aldea de Caspedro sumábanse aos do Castelo para aumentar as posibilidades de éxito no asalto e os mozos da aldea de Sequeiros axudaban aos dos Novaes na súa tarefa de defendelo. Esta tradición chegou a ter tanta importancia para os veciños, que nos anos de máis necesidade, unha muller da aldea chegou a ofrecer a palla do seu xergón para que non deixara de facerse o meco pola falla do material necesario para a súa elaboración.
A tradicional costume marcaba que a corta vida do meco rematara nunha fogueira no curro da Fortaleza de Torrenovaes, aínda poden verse alí fincadas no chan as pedras que servían para facilitar o soporte da galla de madeira da co penduraban para queimalo. O martes de entroido, día culminante da festa, os veciños dos Novaes ían queimar o meco ao Castelo, descolgábano do seu soporte e levaban o boneco de palla subido nun burro adobiado con mimosas e cun gran cartel de cartón co seu testamento no que podía lerse a satírica copla: “Don Diego meco me llamo, de Andalucía vengo, repartiendo cascabeles, a todos los animales, que en el Castillo los tengo”. Deste xeito partía a comitiva de gaiteiros e mozos e mozas armados con paos a percorrer o treito de 600 metros que separa, polo Camiño Real, as dúas aldeas. Ao chegaren a praza do Castelo tiñan que cruzar un pequeno regato, alí os estaban agardando os veciños do lugar para impedírllelo paso cara ao curro do Pazo, nalgunha ocasión mesmo chegaban a pelexarse. As rivalidades do ano remataban nesta fogueira e a partir da desaparición do meco no lume a festa continuaba no baixo dalgunha casa dos Novaes cun gran baile ao que a maioría da xente acudía disfrazada. A música era parte importante da festa e nunca faltaron grupos de moda da época como os Padernes e antes, a finais do século XIX, xa había na vila gaitas, tambores, bombos e requintas para animar os festexos.
Os máis vellos do lugar recordan esta tradición dende sempre ata varias xeracións antes da súa, o que sen dúbida nos ofrece a testemuña de que xa existía nos primeiras décadas do século XIX; a Guerra Civil supuxo, como nos outros entroidos tradicionais da bisbarra, un freo considerable xa que faltou algunha xente e esmoreceu definitivamente nos duros anos da posguerra. Os bailes de máscaras seguiron a celebrarse pero xa sen a lendaria figura do meco de palla, a despoboación da década dos 60-70 rematou definitivamente coa troula entroido.
Esta información foi tirada da conversa cos veciños dos Novaes e o Castelo, Antonio Quiroga Rodríguez e a súa dona Manuela Fernández Pardo.

1 comentario:

  1. Ostias nin o sabia. Pois molaria tratar de recuperalo pouco a pouco se se poidese

    ResponderEliminar