Estou tranquilo dentro da miña tenda a 6.000 m de altura, mesmo consigo durmir un cacho, inquedo pero descansando que é o importante. Non preciso saír para saber que a noite está espectacular, a noticia corre polo campamento como un regueiro de pólvora. ¡¡Ben!!, agora hai que fiar fino e o soño do Aconcagua converterase en realidade. Os preparativos son lentos, malia estar no saco medio vestido invisto un bo rato en equiparme. Fóra vai un frío de morte, segundo o meu termómetro -26ºC e facilmente baixará algo máis, son as 4 h e 30'. En Quiroga a xente xa estará no traballo, no outro lado do mundo eu inicio a xornada máis dura e decisiva desta teima; os primeiros pasos custan pero as sensacións son boas. Sorprendentemente pouco despois o meu estado cambia de xeito repentino, teño unha espectacular dor de estómago: ¡¡agora non!!. Estou desesperado e triste, terei que dar volta. Alborexa e as vistas son espectaculares, sentado na pendente vexo como a miña aventura no Aconcagua está a piques de rematar. Quito as gafas e as primeiras luces do día amósanme o camiño: non darei volta sen sufrir, lémbrome de moitas historias que oín contar. Ben feito, un pouco máis arriba estou mellor, xa é día grande e o tempo segue inmellorable. ¿Pasou o peor?. Chego ao refuxio abandonado de Independencia (6.370 m.), trato de analizar como están as cousas: o estómago mellor, as costas ben, o tempo non cambia e aínda é cedo. Hai que seguir, Portezuelo de los Vientos, Gran Acarreo e por fin la Cueva (6.660 m). Fai dúas horas que conto os meus pasos; primeiro 40 e na entrada a Canaleta, 5. O corpo non vai, preciso un descanso. Estou contento, aquí xa non podo volver; seino, queda a temida Canaleta pero entregarei o resto. Un paso, outro paso, hai xente ausente que sube comigo os últimos metros... estou... estou... na Cresta del Guanaco, un metros máis e vexo a cruz de alumino que indica que estás no cumio do Aconcagua 6.962 m. Son as 13 h 30' hora local, as 17h 30' hora de Quiroga. Rematou a subida. ¿Canto custou...?. Parabéns, fotos e asinar no libro de piadas. Levo 20 minutos no punto culminante de América. O anunciado empeoramento do tempo faise patente, non vai aire pero as nubes e a néboa apodéranse de todo, mágoa de vistas. ¡¡Baixar!!. ¡¡Teño que baixar!!. Os delicados pasos da Canaleta custan o dobre que na subida por culpa do cansazo, hai que esforzarse a tope. Despois de esvarar varias veces, felizmente sen consecuencias, chego de regreso á Cueva. Neva copiosamente, o resto da baixada ata Cólera (C2) está clara pero endurecida por unhas condicións meteorolóxicas bastante difíciles. A previsión non podía ser máis precisa, de contado o vento fará insoportable a estancia nesta parte da montaña e imponse chegar á tenda do C2 canto antes. Son as 20 h, estou dentro da carpa vermella medio sepultada pola neve. Quito a roupa exterior e métome no saco, estou esnaquizado: sei que teño que beber e comer pero non podo. Pecho os ollos e paso unha noite inesquecible.
No hay comentarios:
Publicar un comentario