miércoles, 13 de marzo de 2024

ESQUÍ DE MONTAÑA NO CAUREL: CAMPA DO ABEDUL - PÍA PAXARO

Levo varios días vendo como a neve non acaba de marchar das zonas máis altas, seguro que aínda chega para dar un paseo. Creo que con estas condicións a solución pasa por ir a Formigueiros, seguro que alí aínda será posible esquiar... para ir máis rápido decido ir por Folgoso e Seoane... de camiño penso, e si vou pola pista das canteiras de Pacios dende o alto do Boi ata que atope neve. 

Esta opción sempre era boa ata que o gran incendio de xullo de 2022, o peor da historia de Galicia, que levou por diante e para sempre unha boa parte das nosas paisaxes; de feito, podo comprobar con asombro, por primeira vez, como é agora esta paisaxe... só nos primeiros metros da pista que vai do Boi ás canteiras de Pacios da Serra, a miña vista traslada o horror da realidade actual, non me imaxinaba que agora fora así... centos de paseos entre os piñeiros que, aínda sabendo que non lles correspondía este sitio, eran a miña paisaxe de sempre, e dicir sempre supón xa unha morea de anos. En canto é posible, para defenderme desta desolación, os meus ollos crávanse no Pía Paxaro, a neve que cubre a súa parte superior afasta de momento a fonda ferida que deixou o lume. 

Polo demais foi un magnífico día de esquí nestas montañas. Ceo azul, cero vento, neve algo transformada... e varias horas de furia. 
Unha vez no cumio do Pía Paxaro o panorama é grandioso: Manzaneda, Trevinca, as Médulas e os Montes Aquilanos, o noso Montouto sempre inquietante, Pena do Seo; cara o norte Formigueiros, o Faro e os Ancares. 
Dende arriba vexo a pa de neve inmensa que baixa pola Muralla cara ao norte e logo cara o leste, sobre o camiño clásico que subira o pasado domingo... non se fale máis... só deixarse deslizar facendo xiros coma poucas veces nestas montañas; inclinado con neve regular na parte superior e inclinado con cañotos do monte sen cubrir na parte inferior, de todos os xeitos uns minutos sublimes que recordan outros tempos e outras montañas... coa boca seca chego ao camiño que ven de Vilarbacú para volver para arriba. Si, foi certo, é posible baixar facendo xiros por alí.
O resto xa foi produto do efecto bolboreta e a velocidade coa que se espallan agora as cousas, aínda que sexan pouco significativas... nós esquiamos por aquí dende os anos 90 do século pasado. Moitas grazas a todos polo voso interese. 




Pía Paxaro dende a pista principal

Cara norte do Pía Paxaro


O mundo dende o Pico do Pozo, detras a caseta do Pía Paxaro

Un terreo de xogo perfecto, moitos quilómetros para gozar sen quitar os esquís; ao fondo o monte Formigueiros. Dende o Pico do Pozo

O Montouto e Rinán no primeiro plano, ao fondo os montes de Trevinca

Camiño tradicional que sube dende a mina de Vilarbacú a Campa da Lebre

Pía Paxaro

A chamada Barreira, na cara NE do Pía Paxaro


Os montes de Trevinca dende o Alto do Boi




https://www.lavozdegalicia.es/video/lemos/2024/03/17/esquiando-cara-norte-pia-paxaro-courel/0031_202403toKZDwFe.htm


HORA GALEGA 12'17'': https://www.agalega.gal/videos/130986-clip-hora-galega-18-03-2024/


No hay comentarios:

Publicar un comentario