lunes, 29 de diciembre de 2025

CAIAC NA RÍA DE FOZ: SAN COSME DE BARREIROS - PRAIA DE ANGUIEIRA.

Sempre que remo pola ría penso nos Elcano chegando ao porto de Foz. Non podo evitar pensar como sería entón...
Agora, dende que o mellor regalo do mundo en forma de caic inchable, chegou a miña colección de "vicios", todos os 29 de decembro paso a tarde remando, non importa como esté a marea. 
Polo tipo de nubes e o bo tempo, presentía que ía ser un espectáculo... o resto xa o vedes, foi como estar dentro dun cadro de Vincent Van Gogh. 
Ademais, ao pouco de empezar a remar, cando aínda case nin estaba colocado, tiven a oportunidade de fotografar malamente ao esquivo Martiño peixeiro... aínda que tardei en reaccionar fun capaz de facer algunha foto. Seguro que é un dos paxaros máis fermosos da creación. Case sempre o vexo de lonxe remando no río Sil e algunha vez o tíñamos visto na ría de Foz... nesta ocasión estaba tan cerca que o puiden fotografar. 


O esquivo Martiño Peixeiro, picapeixe o peixeiro común










Foz






viernes, 26 de diciembre de 2025

ESQUÍ DE MONTAÑA NO CAUREL: VILARBACÚ - CAMPA DO ABEDUL. CAMIÑO DA MINA AO PÍA PAXARO

Clásico camiño da mina de Vilarbacú ao Pía Paxaro.
Hai neve rara, amoreada, e conxelada, nun camiño que cada vez está peor. Xa non é o dos anos anteriores. De todos os xeitos subo sen problema, aínda que vou algo tarde, ata a mítica Campa do Abedul. 
Fun vendo pegadas de raquetas ata máis ou menos a metade, logo nada, como sempre... A parte superior, na Barreira é o máis frío e "alpino" que se pode facer nestas montañas. Os últimos metros, sempre venteados, costan ata sair pola outra cara, ao sol...
Son algo menos de 2 Km, con 300 m de desnivel positivo, sempre intensos si hai pouco tempo.

Vilarbacú

Pía Paxaro

Montouto e Rinán, aquí sempre están presentes. A neve cura un intre a ferida do incendio deste verán

Montes Aquilanos






Serra de Roxa Longa







jueves, 25 de diciembre de 2025

ESQUÍ DE MONTAÑA NO CAUREL: O TERREIRO - ALTO DO CAMBEIRO (PACIOS DA SERRA)

Día de circunstancia no que non fixen unha boa previsión... de todos os xeitos percorrín unha zona na que non estivera nunca: o importante é estar!
A idea era subir todo o posible pola pista dende o O Boi para dar un paseo tranquilo ata ao Pía Paxaro pero había demasiada neve e foi imposible chegar máis arriba. Antes, por aquí calquera paseo facíase entre piñeiros, agora, despois do incendio de 2022 a paisaxe está moi transformada e... non é o mesmo. Volvo a dicir o mesmo, os piñeiros aquí non pintaban nada, mais era a miña paisaxe dende sempre...
Pasar unha tarde deslizándose sobre a neve nestas montañas sempre é positivo...
Un percorrido de máis ou menos 8 Km dende a pista e e volta ao coche.
O resto foi como moitas veces, un solpor luxurioso coas impensables luces que deixa a neve. 


Pacios da Serra

Rinán e Montouto

Pía Paxaro



Pía Paxaro

Val do río Ferreiriño

Val do río Lor

Altos do Boi e do Convento, ao fondo

Vilar e val do río Lor

lunes, 22 de diciembre de 2025

ESQUÍ DE MONTAÑA NO CAUREL: A GOLADA (A SEARA) - FONTE DE CAIS.

Estaba un día bastante duro e con moitísima neve recén caída.
Penso que despois do incendio de agosto por fin limparon a pista pola que no seu día circulábamos nun coche normal e pola que, nos dous últimos anos, non se pasaba nin a pé... entón estaré ben para pasar por alí unha tarde de neve de primeiro día. 
Dende a Golada ata Fonte de Cais hai 2,4 Km, logo se sube e a baixada é bastante tranquila aínda que coa néboa case non se distinguía o relevo. 
Repetida unha e mil veces, pero cando hai temporal, esquiar na casa é o máis axeitado. 









Val do Soldón, na hora dos lobos

domingo, 21 de diciembre de 2025

O ÚLTIMO OUTONO... O DERRADEIRO OUTONO?

Hai un mantra recorrente na miña cabeza: tirado fronte a tenda no campo base do Aconcagua, ao que chaman Praza de Mulas, respiraba coma un peixe fóra da auga, recentemente chegado e cun aspecto que supoño sería lamentable. Por diante de min pasou un guía arxentino que regresaba do cumio, parouse, observoume e díxome... "-no se abandone", mirou para adiante e seguiu camiñando. 
Agora que custa arrancar, o non se abandone e algo resoa na miña cabeza cada vez que penso en non facer nada.
Durante este outono, o último outono, o derradeiro outono?, dende a primeira saída sentín que era un outono especial; ata cheguei a pensar que sería por non ter saído moito... pronto me decatei de que non, estábamos vivindo un dos outonos máis espectaculares dos vividos, coma aquel que aínda está cravado na mirada (https://ramonvilaanca.blogspot.com/search?q=aquel+outono&updated-max=2016-11-02T13:36:00%2B01:00&max-results=20&start=2&by-date=false)... Finalmente todo o mundo o dixo: o último outono, o derradeiro outono?, foi sinxelamente espectacular... tal vez irrepetible, tal vez en compensación polo mal que tratamos as nosas montañas, montañas ás que, lamentablemente, as últimas veces só subín para ver con impotencia como se queimaban...
As fotos están tiradas onde sempre, en Augas Mestas, na Ermida, na estrada que vai dende Quiroga á Seara, na Seara, en Vieiros, na estrada que vai da Seara ao Alto do Couto, en Visuña, na Devesa das Valiñas, no Rego das Maseiriñas... lugares que para min son espazos vitais aos que volvo sempre... espazos nos que sempre foi outono... espazos nos que quedar a descansar... 

As imaxes pódense ver en silencio e tratando de imaxinar o son de cada lugar... para seleccionalas eu estaba escoitando esta música: https://www.youtube.com/watch?v=YYvLQKzDuCI&list=LL&index=44