Despois de dous días no C.B ultimando os preparativos xa hai gañas de baixar. O día de hoxe empeza pronto, toca ter as cousas preparadas antes das 8h para almorzar e agardar a chegada dos camelos, despois todo se atrasa, como sempre e non sairemos ata pasadas as 10h. Cústame meter o material no petate e véxome na obriga de baixar cunha mochila demasiado cargada. Levo dous días sen poder comunicarme síntome oprimido aínda que hoxe pola tarde dende a civilización comunicarei o meu estado. Despois de presenciar con curiosidade a carga dos camelos, sempre un espectáculo rechamante e de outra época, a marcha do campo base empeza lentamente unha vez realizadas as despedidas protocolarias. A vista atrás continuamente, como se tivéramos o “síndrome de Estocolmo”, para ver por primeira vez dende a nosa chegada, a grandeza dunha montaña enorme pero que non se deixou facer. Hoxe é o primeiro día dende que viñemos que pode contemplarse sen a nube chantada no seu cumio, consola un pouco saber que a neve caída durante a noite tampouco será boa para escalar nesta xornada. Baixada lenta e con moitas fotos interesantes. Por momentos o pouco peso da mochila faimo pasar mal e semella como se tivera problemas para respirar, que parvada se estou perdendo altura. Ás 14h aproximadamente chegamos a Subash con grande alivio, rematou o sufrimento, aínda que non sentín o mesmo que na saída do Parque do Aconcagua, estou satisfeito. Xantar improvisado na pradería a carón da aldea de Subahs, a estas alturas da expedición xa se come de todo, incluso salchichas chinesas sen cociñar. Despois de media hora cargamos o autobús e empezamos a viaxe rumbo a Kashgar, últimas vistas das montañas e ás 18 h estamos novamente na cidade, en principio a noite de hoxe pasarémola nun hotel diferente. Primeira cea na cidade, a morrer, moito, máis do necesario. Noite sen sono.
No hay comentarios:
Publicar un comentario