Non é o momento, pero non soño, só lembro… estou tan lonxe, que este lugar case non aparece nos mapas. A noite non foi a peor malia o pouco espazo da tenda e que non estivemos moi finos a hora de achaiar a plataforma. Aínda é cedo 7h30’ pero os preparativos para ir ó C3 son lentos e complícanse por momentos; hai que subilo todo e a carga da mochila asusta… Cando todo está listo, a mesma rutina de sempre, un pé diante do outro e a mente voando. Por riba do C2 a montaña convértese nun deserto de neve e xeo sen puntos de referencia, afiándose cada vez máis entre os glaciares Kamatolja e Kartamak ata desaparecer no cumio en tremendos abismos. Din que un fachuzo de bambú sobre rochas negras indican o punto culminante do “pai das montañas de xeo”, igual ninguén estivo nunca alí… Progreso lento pero firme, tentando gozar do que está a pasar, demasiado pronto Oc vaise esgotando, o resto do grupo semella non ter problemas e o día non permite moitas alegrías, como sempre, as veces neva e hai moita brétema. Unha mochila abandonada sinalizada con bambú, dúas tendas perdidas sobre 6.500 m e moitas dúbidas. Agora Oc e Gus camiñan moi, moi lento, haberá problemas porque terán que chegar ó C3, decidimos que eu vaia esperando por eles coa radio aberta e o resto do grupo irá o seu ritmo cara ó último campo. Vou ben fisicamente pero cando perdo de vista a xente, entre a brétema, sinto medo. Pasan as horas, o altímetro sinala 6.850 m, xa non pode faltar moito, os mexicanos desanímanse pero agora hai que chegar como sexa. Nun intre a néboa desaparece e vexo o emprazamento do C3, a radio anuncia que os compañeiros xa chegaron e hai boas plataformas para montar as tendas, ben, non todo vai ser negativo. A chegada a 6.900 m foi emotiva, nos últimos metros ata o campamento adiántome dos mexicanos e vexo como sofren para chegar ata aquí, uf!!, veñen problemas: “¡¡Esto es un chingo gallego, esto es un chingo…!!”. Fotos, risas, non estou mal. Chamo o meu irmán, non vai e o pouco devólveme a chamada, comunicamos dende case 7.000 m, no mesmo Himalaia dos soños, nunca pensamos unha cousa así. Monto parte da tenda mentres Oc e Gus collen folgos, vexo con preocupación como Oc ten mala cara; as cuncas dos ollos empezan a poñérselle amarelas… Hostia…!. Dende o base Akbar fala con Fernando: hai un alemán desaparecido cando baixaba do cumio… Son un pouco máis das 18 hora chinesa: “Que chingadera carnal, case no me puedo mover…”. Intento apurar o que podo para rematar de montar a tenda. Vai un frío do diaño, haberá que meterse dentro aínda que o tempo mellorou durante a tarde e hai unhas vistas espectaculares. Gus e Oc xa están dentro, non se atopan demasiado ben, case non se moven… teño que fundir neve e preparar polo menos unha infusión para meter algo quente no corpo aterecido. Hoxe probarei o té de coca que veu de México, non está mal pero crávaseme no estómago… Intento durmir, contento, sen pensar demasiado no día de mañá… preséntase outra noite realmente inesquecible.
No hay comentarios:
Publicar un comentario