miércoles, 13 de marzo de 2024

ESQUÍ DE MONTAÑA NO CAUREL: CAMPA DO ABEDUL - PÍA PAXARO

Levo varios días vendo como a neve non acaba de marchar das zonas máis altas, seguro que aínda chega para dar un paseo. Creo que con estas condicións a solución pasa por ir a Formigueiros, seguro que alí aínda será posible esquiar... para ir máis rápido decido ir por Folgoso e Seoane... de camiño penso, e si vou pola pista das canteiras de Pacios dende o alto do Boi ata que atope neve. 

Esta opción sempre era boa ata que o gran incendio de xullo de 2022, o peor da historia de Galicia, que levou por diante e para sempre unha boa parte das nosas paisaxes; de feito, podo comprobar con asombro, por primeira vez, como é agora esta paisaxe... só nos primeiros metros da pista que vai do Boi ás canteiras de Pacios da Serra, a miña vista traslada o horror da realidade actual, non me imaxinaba que agora fora así... centos de paseos entre os piñeiros que, aínda sabendo que non lles correspondía este sitio, eran a miña paisaxe de sempre, e dicir sempre supón xa unha morea de anos. En canto é posible, para defenderme desta desolación, os meus ollos crávanse no Pía Paxaro, a neve que cubre a súa parte superior afasta de momento a fonda ferida que deixou o lume. 

Polo demais foi un magnífico día de esquí nestas montañas. Ceo azul, cero vento, neve algo transformada... e varias horas de furia. 
Unha vez no cumio do Pía Paxaro o panorama é grandioso: Manzaneda, Trevinca, as Médulas e os Montes Aquilanos, o noso Montouto sempre inquietante, Pena do Seo; cara o norte Formigueiros, o Faro e os Ancares. 
Dende arriba vexo a pa de neve inmensa que baixa pola Muralla cara ao norte e logo cara o leste, sobre o camiño clásico que subira o pasado domingo... non se fale máis... só deixarse deslizar facendo xiros coma poucas veces nestas montañas; inclinado con neve regular na parte superior e inclinado con cañotos do monte sen cubrir na parte inferior, de todos os xeitos uns minutos sublimes que recordan outros tempos e outras montañas... coa boca seca chego ao camiño que ven de Vilarbacú para volver para arriba. Si, foi certo, é posible baixar facendo xiros por alí.
O resto xa foi produto do efecto bolboreta e a velocidade coa que se espallan agora as cousas, aínda que sexan pouco significativas... nós esquiamos por aquí dende os anos 90 do século pasado. Moitas grazas a todos polo voso interese. 




Pía Paxaro dende a pista principal

Cara norte do Pía Paxaro


O mundo dende o Pico do Pozo, detras a caseta do Pía Paxaro

Un terreo de xogo perfecto, moitos quilómetros para gozar sen quitar os esquís; ao fondo o monte Formigueiros. Dende o Pico do Pozo

O Montouto e Rinán no primeiro plano, ao fondo os montes de Trevinca

Camiño tradicional que sube dende a mina de Vilarbacú a Campa da Lebre

Pía Paxaro

A chamada Barreira, na cara NE do Pía Paxaro


Os montes de Trevinca dende o Alto do Boi




https://www.lavozdegalicia.es/video/lemos/2024/03/17/esquiando-cara-norte-pia-paxaro-courel/0031_202403toKZDwFe.htm


HORA GALEGA 12'17'': https://www.agalega.gal/videos/130986-clip-hora-galega-18-03-2024/


domingo, 10 de marzo de 2024

ESQUÍ DE MONTAÑA NO CAUREL: VILARBACÚ - PÍA PÁXARO (SENDEIRO CLÁSICO)

Si hai un sendeiro montañeiro clásico nestas montañas, este é un deles: dende as casas da antiga mina de Vilarbacú ao Pía Paxaro.
A tarde non pinta demasiado ben, non.
Chego con calma a Vilarbacú despois de sair sen rumbo fixo, no peor dos casos pasar a tarde pola Seara e darlle unha volta á casa. No coche mesmo, despois de pasar Bustelo e ver como está o tema da neve, decido ir a Vilarbacú coa idea de subir dende a aldea polo camiño da mina... unha vez alí corrixo o rumbo e tiro para as casas da mina coa intención de subir polo sendeiro clásico ao Pía Paxaro, ou bueno, mesmo dar a volta unha vez arriba e baixar polos Carballois. 
Equípome rápido e tiro para arriba.
No inicio do camiño a tarde parece que se compón un pouco e deixa ver un panorama coñecido e espectacular, despois do incendio non tiña estado por alí e a neve cura momentaneamente esta ferida tan fonda. A situación cambiou axiña, tanto que tiven que por as gafas pechadas por que a tremenda cifra case non deixaba ver nada. Sempre que pasa algo así nestas montañas penso que parece mentira o duro que se pode por un simple paseo a esta altura...
Chega un momento en que case non vexo nin a punta dos esquís, a brétema mesta e pesada complica saber onde estou... hai moitísima neve, moitísima... ademais na parte que supón a saída do camiño á pista, na Campa da Lebre, coma sempre, está completamente conxelada... na saída á pista atopo un dos sinais do circuito permanente de carreiras de montaña case tapado por completo...
Abonda, é hora de baixar con moitísimo coidado.











As casas da mina sempre serán un lugar especial para min.

Vilarbacú, aldea épica.





Remata un día perfecto na montaña, entra a borrasca pola Cruz de Outeiro. 

sábado, 9 de marzo de 2024

ESQUÍ DE MONTAÑA NO CAUREL: ALTO DA GOLADA - PENOUCO (A SEARA).

É unha clásica, deixando o coche na Golada e collendo a pista que vai cara a Xetoso. 
Teño que padexar durante un bo rato para facerlle sitio ao coche fóra da estrada.
Lamentablemente a neve xa non é a que era pero a pista tampouco... as xestas dificultan tanto o paso que non é posible progresar nin andando; lembro cando pasábamos nun coche normal ata por riba de Xestoso, a única dificultade estaba nos piñeiros de Fonte de Cais. 

O coidado do rural facilita que esta pista de vital importancia para acceder á zona do Montouto esté ateigada de vexetación, logo cando veñen os incendios non se pode chegar a ningures.
De todos os xeitos unha tarde por alí arriba non se perde, hai moita neve e con bastante dificultade chego ata o Penouco, sobre o val do río Selmo. Non hai vistas pola neboa e a cifra, imaxino o panorama e estou contento. A idea, coma sempre era chegar á Pena do Mar de Arriba ou a Fonte de Cais, non foi posible porque vexo con pena como rompe a fixación vella dos esquís... será que non dan para máis. 
De volta á Golada aínda completei o paseo polo camiño que leva á Devesa do Val e o Pía Paxaro. 

De regreso no coche, ao quitar os esquís non me queda máis remedio que pensar en Groenlandia... sempre que vexo a cor laranxa destas táboas penso no país imposible e en xornadas infinitas en calquera lugar do mundo que valera para esquiar. Seguro que teñen remendo.


Estrada da Golada á Seara, si é a estrada.



Indicador ao Penouco, hai unha boa nevada


A Seara, aldea épica



Á volta, o Pico da Torca sempre inquietante sobre Outeiro e A Cruz


domingo, 3 de marzo de 2024

ESQUÍ DE MONTAÑA NO CAUREL: CÉRAMO-CABEZA DO COUTO.

Hai unha boa nevada. Aínda que o intentei o día anterior non fun quen de subir polo mal estado da estrada. Hoxe si, paso sen problema cunha idea ben clara; subir polo camiño que sae por riba de Céramo cara á pista que vai ao Faro. Sempre quixen subir por alí para evitar o mal estado no que está a neve no inicio desta pista polas rodeiras dos coches, saíndo dende o chamado Alto do Couto. Por este camiño que ascende moi suave todo é neve recén caída e tranquilidade, nin unha pegada. Ademais dende o principio xa me pareceu unha magnífica opción para baixar tranquilamente sen problemas. Os descensos, neste terreo, sempre ou case sempre son problemáticos; problemas que hoxe foron poucos polo tendido do terreo e pola grande cantidade de neve acumulada.

Non teño un rumbo fixo, tal vez pensaba en chegar por baixo da Pena das Aigas ou mesmo á Cabeza Grande, xa á vista do Faro. A tarde prometía pero a neve que cae sen parar, as veces con moitísima intensidade botanme para atrás polo medo a non poder mover o coche si me retraso moito. Logo, na baixada, despois de subir á Cabeza do Couto, deixou de nevar e puiden andar a ouvear durante un bo rato entre as rebolas. 

Non hai dúbida, este é un dos meus percorridos favoritos para andar con esquís ou con raquetas de neve. Si se chega ata o Faro, é un percorrido cinco estrelas para o que podemos facer nas Montañas do Caurel.


Dobran as campás da neve.
A alma de seu gardada 
trouxo inda máis calada
e nin pode nin se astreve.
Falopiña a falopiña
vai branquexando a cortiña.
Cada miniña seu soño
cada corpo a súa floriña.
Uxío Novoneyra. 

As taras do Val de Visuña