Incredulidade: ¡O macizo de Trevinca practicamente está pelado cando o pasado luns estaba ateigado de neve!.
Sorpresa: ¡As fervenzas de xeo do val que se abre entre o Picón e o Acillino están formadas e destacan inestables na penumbra deste impresionante circo!.
Aínda que dende o ano 1.990 temos noticias da apertura de varios itinerarios no VAL DAS FERVENZAS por membros de MONTAÑEIROS CELTAS (Desnivel nº67. Páx 91-93), nunca tivéramos oportunidade de velas nestas condicións e moito menos de gozar escalando nelas.
O pasado domingo 7 de marzo foi o día. Quen nos ía dicir que despois da decepción da repentina retirada da neve poderíamos gozar dunha bonita xornada de escalada en xeo. A aproximación dende o coche levounos 1h e 15' despois de sufrir polas infernais pistas das canteiras de lousa que ameazan seriamente o macizo de Trevinca e a nosa estabilidade emocional. Unha vez no val do regato do Cuadro o panorama cambia e xa non hai rastro da actividade mineira, agás algunhas pistas que non van a ningures, e sempre diante dos nosos ollos a impresionante parede onde están penduradas en máis que dubidosa estabilidade as cascadas de xeo.
Unha vez valoradas as condicións; hai xeo pero nalgunhas partes semella insuficiente e corre a auga, decidimos intentar o percorrido de maior lonxitude do circo pero que parece máis fácil de protexer por discorrer encaixado na rocha a esquerda da denominada XELO'S FIESTRA.
A selección foi a estilizada fervenza PÍDENOS PERMISO, III-4, 105 m (segundo www.infohielo.com e Desnivel nº69, páx.85) cun percorrido disposto en chanzos nos que alternan varios treitos de entre 85-90º con outros máis suaves e pasaxes en rocha de entre III e IV+ para evitar zonas de xeo pouco espeso e polo tanto demasiado perigoso para progresar e colocar seguros.
O tempo empregado foi de 3 horas (cordada de dous) para unha escalada que en varias seccións delicadas precisou de moita paciencia e delicadeza pola mala calidade do xeo, en contraste con zonas onde gozamos dun medio de excelente calidade.
En canto ó material, as nosas actividades sempre tenden a ser “lixeiras”, levamos ademais do material persoal; -2. ½ cordas de 40 m. 4 friends números pequenos, -1 xogo de fisureiros, -7 cravos variados (3 v grandes, 3 v pequenos, 1 universal pequeno), -3 parafusos de xeo, -4 mosquetóns con seguro, -Aneis de cordino e cinta, 7 cintas exprés (4 cortas e 3 largas),e -1 maza.
Na parte superior do circo tivemos a oportunidade de contemplar outro marabilloso regalo da natureza en forma de fervenza de xeo: DIVINE, II-3, 30 m, en todo o seu esplendor, cunha aparencia de maior consistencia que as que arrancan no fondo da parede. Agardamos que o inverno tan raro que nos tocou este ano conceda cando menos outra oportunidade de volver ó xeo neste marco tan atípico como incomparable.
O retorno levounos 1h 30' despois de ascender ata a crista do Acillino para salvar o chanzo rochoso que pecha o circo pola dereita e poder gañar o val do regato do Cuadro por unha empinada ladeira. Novamente as pistas con pouco sentido e o coche na proximidade dunha monstruosa canteira.
Nesta ocasión regresamos a casa sorprendidos e moi, moi satisfeitos.
Ubaldo e Ramón Vila