Primeiro día dos que prometen moito, entramos na fase decisiva da expedición. Non é preciso madrugar moito chegaremos con tempo suficiente para durmir no C1. Ás 11 h, iníciase a terceira subida, con indecisión xa que neva lixeiramente. En 3h 30’ estamos no C1 baixo, a aclimatación nótase e malia a neve o ascenso faise doado. Só penso en chegar á tenda azul para comunicarme con Ubaldo, coa mesma emoción de sempre dende estas alturas. Métome na tenda depósito e como o que podo, sobre todo embutido que entra moi ben, a xente vai aparecendo e as condicións meteorolóxicas non son moi boas. Pronto chego a tenda, aínda non hai ninguén, agora cae sarabia… cando para teño tempo suficiente para fundir bastante neve no exterior así a angustia é más tolerable. Chega Oc, temos máis espacio dentro da tenda porque Gus está abaixo tentando recuperarse do seu principio de edema; pola cabeza pasa que podería ser eu, pero ando aguantando como podo, coas miñas dúbidas e un pouco desconcentrado… Por primeira vez caio na conta de que teño que pensar máis en non subir que en subir, será mellor. Finalmente cando son ás 18h, prepárome para unha noite larga cun tempo espantoso; está a nevar moitísimo. Entrei en calor e non teño fame. Novamente dentro dunha carpa roxa, a 5.550 m, sen presa claro… como se pasa unha noite?, pois esperando a que pase, entre durmido e esperto. A neve cae constantemente e preocúpame que tape a abertura que deixamos na porta para que pase o aire. Non é doado vivir nestas condicións, pero non hai outra cousa…
No hay comentarios:
Publicar un comentario