Hai unha boa nevada. Aínda que o intentei o día anterior non fun quen de subir polo mal estado da estrada. Hoxe si, paso sen problema cunha idea ben clara; subir polo camiño que sae por riba de Céramo cara á pista que vai ao Faro. Sempre quixen subir por alí para evitar o mal estado no que está a neve no inicio desta pista polas rodeiras dos coches, saíndo dende o chamado Alto do Couto. Por este camiño que ascende moi suave todo é neve recén caída e tranquilidade, nin unha pegada. Ademais dende o principio xa me pareceu unha magnífica opción para baixar tranquilamente sen problemas. Os descensos, neste terreo, sempre ou case sempre son problemáticos; problemas que hoxe foron poucos polo tendido do terreo e pola grande cantidade de neve acumulada.
Non teño un rumbo fixo, tal vez pensaba en chegar por baixo da Pena das Aigas ou mesmo á Cabeza Grande, xa á vista do Faro. A tarde prometía pero a neve que cae sen parar, as veces con moitísima intensidade botanme para atrás polo medo a non poder mover o coche si me retraso moito. Logo, na baixada, despois de subir á Cabeza do Couto, deixou de nevar e puiden andar a ouvear durante un bo rato entre as rebolas.
Non hai dúbida, este é un dos meus percorridos favoritos para andar con esquís ou con raquetas de neve. Si se chega ata o Faro, é un percorrido cinco estrelas para o que podemos facer nas Montañas do Caurel.
No hay comentarios:
Publicar un comentario