A foto grande desta reportaxe foi tomada do 25 de novembro de 2017 ás 15h37' no miradoiro das Fontes en Ribas de Sil.
O modelo é meu pai... xa hai 5 anos, o tempo pasa rápido.
Pola súa actividade profesional, foi carniceiro durante toda a súa vida, igual que o seu pai (o meu avó), pasaría por este punto da estrada que conduce dende o val de San Clodio e Quiroga a Castro Caldelas polo Alto da Moá, milleiros de veces (literalmente). Este día subimos alí a ver o miradoiro coñecido como das Fontes, porque é a aldea que ten máis preto... Parada diante del unha paisaxe coñecida: o val dos ríos Sil e Lor, a chaira de Monforte de Lemos, a Serra de Auga Levada e a magnífica traza que forma a Cuarcita Armoricana na espectacular dobra de Castro Dares.
Sen dubidar é unha das miñas imaxes máis repetidas, teñoa visto reproducida ata nos lugares máis insospeitados... non creo que lle ande moi lonxe aqueloutra do Val de Visuña en outono que, tamén, moitas voltas leva dado.
Son dos que considera que o Xeoparque Montañas do Caurel ten maxia, unha parte da maxia... a que fai referencia á xente, principal patrimonio destas montañas, pode condensarse nesta foto da paisaxe parada diante dun home...
No hay comentarios:
Publicar un comentario