domingo, 13 de febrero de 2011

A PEQUENA INDUSTRIA DO CAL NO CONCELLO DE QUIROGA: OS FORNOS DE CEREIXIDO, PARADASECA, A SEARA E VILARBACÚ

Forno de Cal de Cereixido (Quiroga)
A presenza da rocha calcaria no chan de Quiroga é mínima, de todos os xeitos a estreita relación entre o medio natural e o home ao longo do tempo, propiciou que naqueles recunchos onde existen pequenas veas deste material ou no seu contorno, iniciouse unha actividade “industrial” relacionada coa producción do cal.

A tradición do cal no Concello de Quiroga lévanos ás parroquias de Cereixido, Paradaseca, A Seara e Vilarbacú, onde existiron e aínda se conservan restos dos coñecidos como “fornos de cal”, “caleiras” ou “caleiros”.

Estes fornos utilizábanse para obter cal a partir da pedra calcaria, sometendo esta a gran temperatura con chama viva. Este tradicional proceso deu orixe á palabra “calcinar”. O cal obtido sempre foi moi utilizado para facer argamasa ou cemento, pintar o branquear paredes, na agricultura como corrector da acidez do solo, para branquear a roupa, para fabricar papel e vidro, ou mesmo para curtir. Este enorme e variado labor era levado a cabo polo “caleiros”.

O forno de cal é unha construcción circular de muros de pedra, aberta pola súa parte superior, cunha única abertura ou boqueira na base do muro para introducir o combustible. Adoitaban facerse en terreos inclinados para aproveitar o foxo escavado e aforrar a construcción de parte do muro.

O proceso de fabricación do cal era sinxelo pero sacrificado: o caleiro ía colocando as pedras calcarias no interior do forno, deixando un amplo oco central para prender lume. Pedra a pedra ía conformando unha bóveda, rematándoa desde a parte exterior superior do forno. Para terminar, a abertura superior, cubríase con grandes lousas.

Pola boqueira inferior introducíase madeira para queimar ata completar o oco da bóveda formada polas pedras calcarias no interior do forno; o lume ardía durante unhas 60 horas, e mantíñase sobre todo con queirogas e toxos: unha única xornada consumía até 50 carros de toxo!. Semellante traballo precisaba de varias persoas, que ían facendo quendas de 4 horas, día e noite.

Finalizada a calcinación, o forno era arrefriado durante 3 días. As pedras sacábanse pola parte superior, xa totalmente brancas, pola calcinación, e eran comercializadas enteiras ou moídas e convertidas en po.

Forno de Cal de Cereixido (Quiroga)


Forno de Cal da Seara (Quiroga)

Forno de Cal da Seara (Quiroga)

Forno de Cal da Seara (Quiroga)

No hay comentarios:

Publicar un comentario