domingo, 1 de septiembre de 2002

NO MACIZO DO MONT BLANC.

-LUNS 5 DE AGOSTO-2002.
A nosa viaxe comeza en Quiroga ás 8 da mañá, un pouco máis tarde do previsto inicialmente xa que temos asumido que non chegaremos a CHAMONIX na mesma xornada. Aproveitando que temos tempo facemos unha incursión en ANDORRA e pasamo-la primeira noite xa en territorio francés, concretamente en BOURG MADAME.

-MARTES 6 DE AGOSTO-2002.
Levantamos cediño pero a nosa tenda completamente empapada da tormenta do día anterior atrasounos un pouco. Ás 9,30 estamos en marcha, tres paradas para estira-las pernas e outra para comer e as 20 h. estamos en CHAMONIX. Buscamos cámping, instalámonos e consultámo-lo parte meteorolóxico, hoxe chove a chuzos, mañá mellorará algo pero seguirá a inestabilidade. As montañas non se ven, pero chama a nosa atención a lingua de xeo do GLACIAR DES BOSSONS case pendurada sobre a vila. Xa no saco decidimos que na primeira xornada collerémo-lo tren de MONTENVERS (1.876 m) para ir o GLACIAR MER DE GLACE.

-MÉRCORES, 7 DE AGOSTO-2002.
O tempo efectivamente non é bo, non chove pero as nubes non deixan ve-las montañas. Ás 9 estamos na estación de MONTENVERS, a vista sobre o glaciar aínda que limitada pola néboa é impresionante. Acabamos de equiparnos e descendemos ata o glaciar despois de utilizar unhas escadas de ferro instaladas na cortada da parede, xa no xeo, calzamos crampóns e remontamos a modiño pola cunca de xeada. A medida que ascendemos imos deixando xente atrás. Non levamos un rumbo concreto, trátase dunha toma de contacto interesante, a mágoa é que coa néboa non podemos ver case nada e empeza a marmañar cando nos atopamos na cascada de xeo que da inicio ó GLACIAR DE TACUL e compre dar a volta, pero sorpresa a néboa desaparece por momentos e comprobamos onde estamos: deitados nun bloque no medio do glaciar a nosa imaxinación deixa de funcionar e os ollos incrédulos empezan a recoñecer algunhas montañas míticas como as GRANDES JORASSES e a AIGUILLE VERTE, pero esta visión dura un instante, a néboa volve a pecharse. Xa de volta na estación outra dose de montaña, a néboa ábrese e recortados no ceo e cunha cor negra que arrepía aparecen a agulla do PETIT DRU.



Mañá segundo o parte meteorolóxico sol ata media tarde. Trazamos un plan: ascenderemos ó MONT BLANC DE TACUL.

-XOVES, 8 DE AGOSTO-2002.
Despois dun día de desenfreo como o que nos ía tocar no TACUL é fácil comprender porque hai tantos accidentes neste macizo.
Ás 5 da mañá sona o espertador, xa hai ambiente no cámping. A primeira cabina cara a L’AIGUILLE DE MIDI (3.842 m) sae ás 6, a nos tócanos agardar un rato. Sobre as 7 estamos nunhas instalacións surrealistas, remorde a conciencia pero é un xeito doado de gañar altura e subir a 4.248 m, nunha xornada. En condicións precarias acabamos de prepararnos nun túnel escuro e venteado e como si nos viñeran perseguindo saímos disparados por unha aresta bastante aérea que baixa ó COL DE MIDI.

Fotos en medio dunha paraxe impresionante e empeza o ascenso pola empinada cara norte do TACUL, onde hai algún paso delicado sobre xeo e enormes seracs que ameazan con desprenderse sobre a nosa cabeza. Unha vez na espalda o panorama sobre o MONT MAUDIT e o MONT BLANC é grandioso.
Comemos e partimos cara o cumio; para chegar ata arriba hai uns pasos de mixto que non representan ningún problema, pero aquelo estaba como a feira do 10 de agosto en Quiroga e realmente hai que xogarse o tipo con perigosos cruces con xente inexperta que vaga a 4.248 m. como si estiveran na CONCHADA (monte quirogués). A vista é cando menos de conto, moi próxima a mole que forman DRUS, AIGUILLE VERTE, COURTES, DROITES, AIGUILLE DU JARDIN, GRANDES JORASSES, etc. No medio do mar de montañas sobresaen ó lonxe o CERVINO e o MONTE ROSA, segundo un guía madrileño miramos incluso o EIGER.

Pero pola súa proximidade o máis pavoroso é o abismo que forma a vertente BRENVA do MONT BLANC, realmente pon medo.


A baixada sen problemas e con moita calma, ás 17 h, estamos na estación das cabinas mecánicas e despois de dúas horas de espera, ás 19,30 h. en CHAMONIX.
Para mañá agárdase un empeoramento do tempo, xa vermos o que se pode facer.

-VENRES, 9 DE AGOSTO-2002.
O día aparece moi anubado aínda que non chove. Na tenda que temos ó noso carón vive dende onte un alpinista vasco chamado JUAN OIARZABAL. O noso sorriso é de orella a orella, pero temos moito que facer e non podemos prestarlle atención. Na casa dos guías recollemos información sobre escolas de escalada deportiva no Val de Chamonix, hai moitas e moi ven equipadas, decidimos comprar unha guía e pasámo-lo resto da xornada gozando da escalada en rocha nas zonas de COUPEAU, LES HOUCHES e LES GAILLANDS, hai grados para tódolos gustos. A última hora cando estábamos empolicados na primeira reunión dunha vía de moitos metros empezou a caer auga como se non chovera nunca: desastre, acabamos moi empapados e o noso material de escalada nin mencionalo.
A tardiña imos ata ARGENTIERE é unha pena pero non se ve nada.
O parte meteorolóxico é desalentador, tres días de mal tempo.

-SÁBADO, 10 DE AGOSTO-2002. FEIRA MAIOR DE QUIROGA.
A previsión cúmprese e chove a chuzos. Aínda que o día non promete nada iremos ata ZERMATT a especular. É día 10 de agosto e neva a copo tendido, algo non funciona. Non é necesario dicir que os nosos plans de mirar o CERVINO dende cerca resultan imposibles e despois dun día con estas condicións pensamos que a nosa ascensión ó MONT BLANC resultará imposible.
Non hai tregua, o parte anuncia choiva tamén para mañá.

-DOMINGO, 11 DE AGOSTO-2002.
Atopámonos algo máis animados porque o tempo experimentará unha melloría pola tarde e agárdase unha semana enteira de sol. Para celebralo faremos turismo, a ruta con visibilidade ten que ser alucinante: CHAMONIX, St.GERVAIS, UGINE, ALBERTVILLE, MOÛTIERS, BOURG St.MAURICE, PETIT St.BERNARD, COURMAYEUR, AOSTA, GRAN St.BERNARD, OSIERS, MARTIGNY, ARGENTIÈRE, CHAMONIX. Volta completa ó MACIZO DO MONT BLANC e marabillosas vistas sobre o PARQUE DO GRAN PARADISO. Dende AOSTA, nun intre que dura segundos admiramos ou pensamos que admiramos o CERVINO.
As previsións para mañá son moi alentadoras.

-LUNS, 12 DE AGOSTO-2002.
Deixou de chover e luce o sol. O noso obxectivo para hoxe céntrase no GLACIAR DES BOSSONS, escalaremos en xeo. Unha vez no glaciar remontamos ata unha parede que nos parece adecuada e poñémonos á tarefa, xa que o sol fará pronto deste lugar algo perigoso. Ás 12 vémonos obrigados a saír fuxindo polo bombardeo ó que nos somete o glaciar. A paraxe e fermosa e xa a salvo nun dos laterais, máis ou menos á altura de PLAN DE L’AIGUILLE, reflexionamos sobre a posibilidade de subir ó MONT BLANC. Baixamos convencidos de que mañá será o día do inicio da ascensión.
Despois de comer dirixímonos a escalar en rocha na escola de LES GAILLANDS onde coincidimos cuns vascos que tamén agardan o momento, xa consultaron o parte: durante a fin de semana caeron 50 cm de neve a 4.000 m. e está sen consolidar polo tanto risco alto de aludes, o que faltaba. Non poderá ser. As previsións son de tempo estable e soleado pero a xente desanímase e abandonan a idea do MONT BLANC.

MARTES, 13 DE AGOSTO-2002.
Nun lugar como este non se debe perde-lo tempo e ás 8 estamos agardando novamente o tren que nos levará a MONTENVERS, o primeiro día a zona do GLACIAR MER DE GLACE deixounos bo sabor de boca aínda que non podemos recrearnos na grandeza da paisaxe, por eso voltamos novamente.
Remontamos rapidamente ata a confluencia do GLACIAR DE TACUL co GLACIAR DE LESCHAUX e progresamos polo último ata o pe do refuxio de LESCHAUX, dende aquí o panorama sobre o GLACIAR DE TELEFRE e o grupo de L’AIGUILLE VERTE e grandioso, tamén situamos para outra vez o refuxio da COUVERCLE. Xantamos no centro do glaciar e pola tarde ascendemos ata o GLACIAR MALLET e polo mesmo ata o mesmo arranque do espolón que leva á PUNTA WALKER das GRANDES JORASSES. Esta parede non pode describirse con palabras, ademais estamos preto do DÔME DE ROCHEFOT e un pouco máis alonxado o atractivo DENT DU GEANT.
Ás 7 estamos de volta na tenda.
A previsión meteorolóxica é determinante, bo tempo con xeadas fortes que consolidarán a neve, ademais os rumores falan da existencia de que a pegada xa está aberta ata o cumio. Non hai dúbidas mañá será o día de inicio da ascensión ó MONT BLANC. Preparativos xa de noite e sonos inquedos.

MÉRCORES, 14 DE AGOSTO-2002.
LES HOUCHES-CAB. L’AIGUILLE DU GOÛTER (3.835 m).
Esta xornada prometía e non defrauda: ás 6,45 h. estamos na estación das cabinas que levan a BELLEVUE, sorprendentemente non temos que agardar vez e pronto chegamos á estación do tren que nos levará a NID D’AIGLE, neste punto a espera faise interminable xa que o tren non pasa ata as 8,45 h. Despois dun corto traxecto que nos deposita a 2.386 m., empeza unha tortuosa senda empedrada e sen neve que ascende rápido con marabillosas panorámicas sobre L’AIGUILLE DE BIONNASSAY e a propia AIGUILLE DE GOÛTER.. Son as 12 e estamos no campo de neve onde se atopa o REFUXIO TÈTE ROUSSE (3.167 m.). Calzamos crampóns e ó ataque; remontámo-lo campo de neve e directamente á famosa e perigosa escupideira, no flanqueo horizontal deste corredor realmente caen pedras e hai que fiar moi fino.

Xa na aresta de rocha onde hai que emprega-las mans, as cousas complícanse pola cantidade de xente ascendendo e descendendo, parece un formigueiro humano, é desproporcionado. Aínda que só levámo-lo imprescindible, que non é pouco, imos moi cargados e tomámo-lo con moita calma para non afundirnos fisicamente.

No treito instalado con cables de aceiro a cousa xa se ve doutro xeito, non pola seguridade, máis ben porque xa se está moi cerca. Son as 15 h. 15’, estamos no REFUXIO GOÛTER (3.835 m), un pequeno esforzo e ata a espalda de neve onde hai plataformas escavadas no xeo para monta-las tendas. Esta operación levounos un ratiño, despois compramos auga para hidratarnos rápido e fundimos neve para ter reservas e cociñar unha suculenta cea. A verdade que neste campo de altura as cousas sucédense coma nun sono, non parecía real. Fotos, cea, preparativos e ó saco ás 19 h.

XOVES, 15 DE AGOSTO-2002.
AIGUILLE GOÛTER (3.817 m)-MONT BLANC (4.810 m)-CHAMONIX.
Xusto no cambio de data sona o espertador, non se sinte ningún ruído e decidimos atrasar algo a saída. Almorzo e últimos preparativos, non queremos atopar a toda a tropa na comprometida aresta de LES BOSSES. Os cordóns das botas están conxelados e semellan de arame, daquela vai moito frío. É a 1, o tempo pasou rápido e compre saír cara o cumio, xa hai algunha cordada en marcha e será suficiente para non ter problemas no camiño, pronto estamos a dereita do DÒME DE GOÙTER (4.304 m) e hai que baixar ata o COL DE DÔME (4.240 m.) para inicia-la subida definitiva. Deixamos o REFUXIO VALLOT (4.362 m) á esquerda e o terreo empínase severamente, as estrelas confúndense coa a luz dalgunha cordada que anda moi arriba, agora xa non cabe dúbidas, subiremos. Con un pe detrás do outro e despois de perde-la pegada varias veces, entramos na aresta de LES BOSSES, non podo crer que estemos aquí, a falla de luz fai que non semelle tan aérea e afiada, decididamente ascendemos cara o amplo plató que conforma o cumio. Xa está, sinto alivio e moito frío no nariz e no dedo índice da man dereita. Son as 4 h.45’, e no cumio do MONT BLANC hai tres ingleses e un solitario que non di nada. Fotos na escuridade, xélida reflexión e os meus mocos conxelados baixo o pañuelo.

É suficiente, empeza o descenso. Coas primeiras luces, flipo, o contorno é impresionante, trato de plasma-lo en diapositivas que sairán moi escuras pero traerán recordos.

Na operación de fotografar tanta grandeza o meu bastón deslízase costa abaixo; non pasa nada desviareime para recollelo máis abaixo, como si estivera en FORMIGUEIROS (1.648 m). Cunha alarmante falla de sentido inicio unha diagonal sobre unha placa de puro xeo, que perigo, de pronto na miña cabeza sona un ¡non te pases de listo!; dou a volta cara á pegada con comprometidos pasos sobre un xeo cristalino e sen bastón, mágoa tíñalle cariño. Máis fotos e parada no VALLOT. Agora xa hai bastante luz e o DÔME DE GOÛTER tínguese de rosa, que espectáculo. Ás 7 h.20’ novamente na tenda. Moita auga, moitas galletas, dúas horas no saco e a desmonta-lo todo, estamos bastante recuperados para o último esforzo. Xa na aresta de rocha perdemos altura rápidos e seguros sen complicarnos nos poucos cruces que tivemos. Outros por desgracia non tiveron a mesma sorte. Ás 12 h. estamos no campo de neve do TÈTE ROUSSE, comemos, descalzamos crampóns e para abaixo. Son ás 15 h. e collémo-lo tren que conduce a BELLEVUE, e as 17 h. 15’, atopámonos novamente no cámping. Xa está, hai alivio e cansazo acumulado despois de moitos días de actividade.

-VENRES 16 E SÁBADO 17 DE AGOSTO-2002.
Regreso a Quiroga empregando o mesmo percorrido.

No hay comentarios:

Publicar un comentario