domingo, 21 de enero de 2007

A DELGADA RAIA VERMELLA

Pubilicado no diario O Sil.
Do 23 de agosto de 2006. Diario da expedición ó Muztagh Ata (7.548 m.) 2006.

Pode parecer algo raro pero non foi unha noite de moito sono, a ansiedade superou o cansazo; a conciencia está tranquila, hai alegría nos membros da expedición, pero… sempre é o mesmo, a mente do ser humano non acouga; igual non era o día, non estábamos ben aclimatados, é demasiado para nós… non, non e non: o esforzo realizado na tentativa estivo ben e o planeamento tamén, o tempo non. Rematou. No almorzo reina a alegría, todos estamos satisfeitos de como saímos da montaña e nas facianas refléxase esgotamento pero tranquilidade. O resto da mañá dedicámolo ós preparativos para emprender o regreso, que xa toca. Primeiro facer contas para pagar ós sufridos porteadores, logo secar todo o material húmido despois de tantos días nos campos de altura, deixamos para a tarde o labor de ordenar o material colectivo.
Nesta mañá tivo lugar un dos feitos máis emotivos para min nesta expedición: Yertal, o pequeno kirguís que fixera boas migas comigo dende o principio, veu a reclamar o que lle prometera cando saïamos a polo cumio. Eu de broma intentei darlle caramelos e chocolate como o resto dos días, pero el sinalou o peto superior da mochila onde sabía que eu gardaba o meu avionciño de peluche azul, regalo de alguén que era moi especial. No seu día, aínda que non me fixeron caso, eu prometera que o ía poñer ben arriba… o Muztagh xa estaba na miña cabeza naquela ocasión. Yertal insistiu en sinalar o peto e eu saquei o avionciño para cumprir a miña palabra e regalarllo. Non poderei esquecer mentres viva escoitar as voces dos meus a 7.000 m, pero tampouco podo, nin quero, esquecer a mirada de gratitude deste neno de 10 anos cando lle din o peluche… agacho a cabeza para que non se me noten as bágoas nos ollos, Yertal nunca entendería porque choro; os nenos kirguises só choran cando a súa nai os obriga a lavarse nas frías augas que baixan do glaciar Kartamak… non valemos nada.



The plane of blue felt.

Aínda tiven tempo de mercar dúas pulseiras a outro pequeno dos que viven no base coa mediación do meu amigo nativo; que estará facendo agora?, son para alguén que é como un neno grande, cando lle contei que viña o Himalaia só dixo: -tío, tráeme algo. Segue preocupado polas dimensións destas montañas, e presume coa súa pulseira kirguís.
Nótanse os corpos cansados e hai que moverse a pouco, hoxe non irei ata as antenas para comunicarme: na miña cabeza estades, pero tampouco teño moito que dicir, mellor dito, diría tantas cousas que prefiro non dicilas hoxe.
Despois dun intento de sesta toca desfacer os petates que baixaron dos campos de altura. Cando nos decatamos está todo preparado e agarda outra cea copiosa, levamos varios días intensos sen comer practicamente nada. Outra velada para non esquecer e volta ó saco. Fóra está a nevar. Entro axiña en calor e síntome contento de estar vivo. Non sei como serán as cousas cando volva, pero agora estou vivo…
Que tal o espírito…?. Intentarei responderche. Cando realizas un esforzo moi grande e cruzas a raia que sabes que non debes cruzar, todo semella negro. Despois ven a baixada, sempre é desagradable ata que chegas ó Campo Base porque só queda un fío de forza que sae do convencemento interior que teñas. Normalmente cando te sentes a salvo e o osixeno volta a inflar os teus pulmóns ven a recompensa; por un intre que dura uns segundos é como si o espírito abandonara o corpo e puideras verte dende fóra: neste momento es realmente un viaxeiro. Logo ven a recuperación do esforzo físico, da desnutrición e da deshidratación… pero estas xa son cousas mundanas fáciles de solucionar. Non é doado vivir escoitando demos interiores que berran máis que a propia razón, pero na soidade dos campos de altura as veces pódese acadar algo de lucidez que permite un anaco de paz interior. A altura mata. Será suficiente?. Nunca é suficiente.
Onde está o límite?. As fortes experiencias son como unha droga que engancha. Cada vez queres máis, e máis forte. Pero na montaña, como na vida, si te pasas da raia, xa non podes volver. Agora o avionciño de Yertal xa non ten o mesmo significado para min, pero esas son circunstancias da vida e da delgada raia vermella. Ollo!, é delgada, pero non ten retorno…

Quiroga, 21 de xaneiro de 2007.

No hay comentarios:

Publicar un comentario