miércoles, 15 de octubre de 2014

AUGASMESTAS. OUTONO










Como todos os anos eu enganchado na luz do outono que preludia a neve. Xa non falta tanto, din. Eu agardo que non chegue demasiado tarde como aquel verán. Depois de tantos anos na busca desta luz sei demasiado ben onde teño que ir a buscala sen mancarme demasiado; unha vez máis alí estaba prendida nos chopos, nas rochas e nas augas verdes do río.
O trasno do val das Mouras que non se moveu da súa galla enriba do ordenador, observa e remece inquedo; estes seres non son de moitas palabras, tratan de comunicarse cos humans con xestos elocuentes. Xa non ten as pernas cruzadas sobre a póla, apareceu sentado en equilibrio sobre ela. Supoño que está sorpendido e ainda non sabe que facer.
En outro círculo do mundo, do que son totalmente alleo, líbrase unha batalla absurda, como todas as batallas. Alleo ao que non me é alleo eu estou vixiliando a luz, despacio, respirando tranquilo, mirando o ceo: un clic, outro clic, cambio de posición, novos axustes, outro clic, un corvo que pasa croando, outro clic, os cans da aldea ladrando como tolos, outro clic, outro clic...
Non sei por que fun alí, ao mellor simplemente porque estaba tranquilo e quería luz. A xente debería buscar máis a luz é un regalo non só para os fotógrafos, que eu non son, pero xogo coa ventaxa de que nalgún momento da miña vida tiven a sorte de quedar pendurado dunha luz que pasaba.
A brisa que circula polo val abaixo deixando unha estética estela sobre o río non trae risas. Outro corvo pasa croando. Gústanme os corvos.
Quero quedarme máis cando o día xa se marcha arrancando a luz da tarde doutro outono máis que como nos xiros, nunca se sabe cal será o último.
O seguinte que recordo é estar deitado na cama co brazo esquerdo febril e as pernas tremendo de medo sen saber que dicir. O trasno do val das Mouras encolle os ombreiros.

2 comentarios:

  1. As fotos moi bonitas con esas tonalidades e a descrición aínda máis amena.

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas pola visita e o comentario.

    ResponderEliminar