jueves, 26 de diciembre de 2013

OS ARTEFACTOS LÍTICOS DA GÁNDARA CHÁ. A ERMIDA. QUIROGA

A mellor fonte para explicar o achado dos artefactos líticos no lugar coñecido como a Gándara Chá, na parroquia da Ermida do Concello de Quiroga, é acudir ao informe das actuacións arqueolóxicas preventivas do ano 2007, redactado con motivo das obras de mellora da estrada de Quiroga a Folgoso do Caurel.
O xacemento da Gándara Chá sitúase nun lugar estratéxico xa que era unha zona natural de circulación (a vía de penetración lóxica dende a Meseta) e a súa elevada altitude permitía controlar visualmente o tránsito dos grandes herbívoros polas ribeiras do río Sil, coas súas derivacións cara ao río Quiroga primeiro e logo cara ao río Ferreiriño.
Ante a ausencia case total de abrigos ou covas naturais nesta zona, os homínidos tiñan que vivir en asentamentos ao aire libre. As ferramentas descubertas no lugar son a principal evidencia destas primeiras ocupacións humanas da zona.
A aparición de núcleos e lascas demostra que alí se levaron a cabo labores de talla, así como a presenza de instrumentos (raedeiras, denticulados, coitelos de dorso, bifaces circulares) indica que tamén desenvolveron outro tipo de actividades de carácter máis doméstico.

O conxunto da industria en pedra está feito, como se indicará na explicación, sobre os cantos de seixo e cuarcita que recollían nas ribeiras do río e transportaban ata o lugar da Ermida.

San Vitoiro, A Ermida e á dereita e no centro a Gándara Chá
Tirado de: ACTUACIÓNS ARQUEOLÓXICAS PREVENTIVAS. MEDIO RURAL.
CD 102A 2007/679-0
Os estudos arqueolóxicos na fase de proxecto das obras de mellora da estrada de Quiroga a Folgoso do Caurel polo alto do Boi detectaron, á altura dos puntos quilométricos 2'140 e 2'600, a presenza en superficie de artefactos líticos tallados que polas súas características tecnomorfolóxicas poden encadrarse no Paleolítico. Froito destes achados estableceuse unha medida correctora, recollida na Declaración de Impacto Ambiental, consistente na realización dunha serie de sondaxes valorativas que permitisen caracterizar o interese e a importancia destes.

METODOLOXÍA

A proposta de intervención encamiñouse a verificar se a presenza de artefactos líticos en superficie se correspondía con algún xacemento arqueolóxico de interese, polo que se deseñaba unha intervención que permitise enmarcar o conxunto ou os conxuntos de artefactos localizados, no seu correspondente nivel ou niveis, tentando encadralos no contexto xeral máis amplo dentro da secuencia xeral que se vén establecendo en Galicia para o Plistoceno Medio e Superior. Por iso se determinaba a necesidade de realizar un estudo xeoarqueolóxico da superficie, análise que incluiría a realización de sondaxes, así como a limpeza daqueles cortes de pistas ou camiños que, aínda que estivesen localizados fóra da superficie de expropiación, permitisen achegar información para a contextualización cronolóxica-cultural dos artefactos líticos localizados e dos niveis sedimentarios aos que se asociasen.

A intervención estruturouse en dúas fases. Primeira fase: consistente nun estudo xeoarqueolóxico que contemplaba a limpeza dalgúns perfís xa visibles e a revisión sistemática da superficie para localizar posibles xacementos arqueolóxicos, buscando polo tanto agrupacións de artefactos líticos. Segunda fase: implica a adopción de estratexias na realización de sondaxes, unha derivada dunhas mostraxes estratigráficas, con base estatística, que buscaba clarificar a distribución das posibles concentracións, así como a información tecnomorfolóxica dos conxuntos localizados. Outra consistente na escavación manual de pequenas superficies distribuídas aleatoriamente en sondaxes de 4 m2.

RESULTADOS
A revisión e a limpeza de cortes efectuouse sobre unha gabia situada entre as vides, ao norte da superficie de ocupación dos cortes, que permitiu aclarar que os depósitos sedimentarios nos que aparecías os artefactos líticos tallados se superpuñan a unha antiga superficie de erosión que conformou unha plataforma con recheos sedimentarios de orixe Terciaria, cunha facies conglomerática constituída por unha sucesión de capas conglomeráticas, areosas e limosas-arxilosas. Os obxectos aparecen nos sedimentos superiores derivados da dinámica de ladeira. En ningún destes perfís se atoparon artefactos líticos tallados, se ben a composición sedimentaria se aproximaba á que se documentou nas sondaxes realizadas.

A Gándara Chá: plataforma con recheos sedimentarios de orixe Terciaria. O estrato superior na actualidade aparece ocupado por sedimentos derivados da dinámica de ladeira.

O mapa do relevo MTD 5 m do Instituto Xeográfico Nacional permítenos observar a situación preponderante da plataforma actual da zona coñecida como a Gándara Chá, entre as cuncas dos ríos Ferreiriño, Ermida e Quiroga, e moi preto do corredor natural do Río Sil.
Na revisión superficial desta primeira fase amosáronse uns resultados iniciais que xa informaran da escasa probabilidade de atoparse con sedimentos que contivesen un número significativo de artefactos líticos tallados na superficie de ocupación, xa que na superficie afectada só se localizaron 3 ferramentas e fóra do ámbito da obra atopáronse só outras 6 e mesmo se constatou a escasa presenza de gravas rodadas, soporte habitual para este tipo de ferramentas.

Estas 9 pezas que se identificaron en distintos puntos e sen conexión especial non posibilitan aproximación algunha sobre unha distribución lóxica que permitise expoñer hipótese sobre unha concentración significativa de obxectos que reflectise a existencia dun posible xacemento.


SECUENCIA ESTRATIGRÁFICA
Nivel
Descrición
0 (UE O)
Superficie actual con cuberta vexetal e distintos detritos contemporáneos nos que aparecen clastos derivados da remoción de capas inferiores polas labores agrícolas.
1 (UE 1)
Sedimentos moi plástico e compactación media, abundas os macro restos orgánicos e numerosos clastos, fundamentalmente de cuarzo e cuarcita de tamaña pequenos, algún rodado. Tamén aparecen fragmentos cerámicos vidrados e procedentes de materiais de construción e algúns artefactos líticos tallados.
2 (UE 2)
Sedimento de alto contido arxiloso, no que diminúen os macro restos orgánicos. Contén clastos de cuarzos e cuarcitas, algúns deles rodados e fragmentados do substrato pizarroso. Aparecen algúns artefactos líticos tallados e desaparecen os fragmentos cerámicos.
3 (UE 3)
Nivel moi arxiloso e moi plástico. Aparece formando baldosas de xeito alterno con niveis de degradación do substrato rochoso. Desde o punto de vista arqueolóxico resulta estéril.
4 (UE 4)
Nivel arxiloso estéril de orixe terciaria que se superpón ao substrato rochoso.
5
Substrato rochoso (documéntase no perfís ao norte da zona sondada).

Lasca discoidal de cuarcita (raspador) 5,7 x 5,8 x 1,8. Catálogo da exposición "Gallaecia Petrea"

Núcleo discoidal en cuarzo de pequeño tamaño +/- 5 cm. Catálogo da exposición "Gallaecia Petrea"

MATERIAIS
UE
M. prima
Tipo
Morfotipo
1
0
Cuarzo
BN2G
Raedeira
2
0
C.R. Cuarcita
BN2G
Biface circular
3
0
Cuarzo-xisto
BN1G
C.T.B. superficial
4
0
C.R. Cuarcita
BP
Lasca reavivada de c. bifacial
5
0
C.R. Cuarcita
BN2G
Denticulado
6
0
C.R. Cuarcita
Fragmento termoclasa
7
0
Cuarzo-xisto
BN2G
Marca
8
0
C.R. Cuarcita
BN1G
Núcleo
9
1
C.R. Cuarcita
BN1G
C.T.U. converxente
10
0
C.R. Cuarcita
BN2G
Núcleo
11
1
Cuarcita
BN1G
C.T.U. superficial
12
1
Cuarzo
BN2G
Raedeira
13
1
Cuarzo
BN2G
Raedeira
14
2
Cuarzo
BN2G
Denticulado
15
1
Cuarzo
BN2G
Marca
16
1
Cuarzo-xisto
BP
Lasca de segunda orde
17
2
Cuarzo
BP
Coitelo de dorso
18
2
Cuarzo
BN2G
Denticulado
19
1
Cuarzo-xisto
BP
Coitelo de dorso
20
1
Xisto
BP
Coitelo de dorso natural
21
1
Cuarzo
BN1G
Núcleo
22
2
Cuarzo-xisto
BN2G
Denticulado
23
2
Cuarzo-xisto
BP
Lasca reavivada
24
1
Cuarzo-Xisto
BN2G
Denticulado
25
2
Cuarcita
BN2G
C.T.U. sobre lasca

No desenvolvemento da segunda fase, finalmente escaváronse 15 sondaxes (2 x 2 metros) dos que 8 achegaron obxectos líticos tallados (4 deles cun só artefacto), e 7 non achegaron ningunha peza. Unha vez finalizadas as sondaxes, realizouse unha gabia de 7 m en cada lado e 1,5 metros de anchura, que tampouco proporcionou artefacto algún.
PALEOLÍTICO MEDIO. CONXUNTOS LÍTICOS.
Modo 3-Musteriense. 150.000-35.000 anos atrás.
Levallois e talla discoidal de cuarcita de gran fino e pequenos cantos de cuarcita. Percusión directa con martelo.
Unha nova especie de homínido, Homo Neanderthalensis, aparece na escena do Paleolítico Medio. Con máis fortaleza física que todos os humanos modernos e con capacidades mentais e cognitivas moito máis desenvolvidas que as especies temperás, esta especie aplicou unha nova tecnoloxía baseada na produción de pequenas ferramentas de pedra empregando materiais como o seixo ou a cuarcita. O enfoque xa non está en producir grandes ferramentas realizadas a partir de guijarros ou grandes lascas tales como a machada de man bifacial ou coitelas; no canto, as ferramentas están feitas de pequenas lascas separadas de núcleos seguindo métodos específicos. Isto permítelles obter obxectos máis estandarizados planeados dende o principio (os métodos discoidal e Levallois). Estas lascas podíanse empregar directamente ou retocando os seus bordos para adaptalos a traballos específicos. O tallado de pequenas ferramentas a partir de lascas permite xestionar a materia prima de xeito máis eficiente, xa que obteñen máis bordos de cada lasca ou guijarro.
O mellor exemplo deste método avanzado de planificación é o "método Levallois" que consiste en obter lascas mediante un complexo proceso, no que mediante diferentes golpes e retoques obtense a forma final desexada (e planificada previamente).
Os núcleos modelábanse en ambas caras, dándolles unhas características volumétricas específicas, máis planos na cara superior. Unha vez o núcleo é modelado e a punta de percusión foi coidadosamente preparada para un mellor control da ruptura o resultado pode ser, ou ben unha lasca de forma ovalada cun amplo bordo perimetral (lasca Levallois) ou estreitas lascas con puntas retocadas (puntas Levallois).
Para usar estes métodos correctamente necesitaban unha boa materia prima que debía reunir excelentes calidades de rotura evitando puntos internos débiles ou outras impurezas que puideran causar defectos durante o proceso de tallado.
A este respecto os Neanderthales demostraron unha profunda familiaridade coas características da materia prima existente nos contornos dos lugares onde vivían, dando prioridade a selección de materiais de gran fino. Para conseguilo, en numerosas ocasións, terían que viaxar decenas de quilómetros para aprovisionarse de material ao longo das beiras dos leitos fluviais.
Grazas ao estudo das marcas do desgaste en varias ferramentas de pedra recuperadas na Cova de Eirós (Cancelo, Triacastela), sabemos que as puntas Levallois usábanse para cazar distintos animais; os raspadores e outras pequenas lascas empregáronse para despezar animais e raspar peles curtidas (posiblemente para facer vestidos) ou madeira para elaborar lanzas ou outras ferramentas, hai evidencias de que o lume tamén interviña na súa elaboración.
Os restos líticos do Paleolítico Medio falan da existencia dun complexo, estandarizado e estendido proceso de produción, administración e uso dos recursos líticos; frecuentemente a única evidencia que queda destas comunidades son unha boa testemuña da complexidade cognitiva e da conduta do Homo Neanderthalensis.
Tirado do catálogo da exposición "Gallaecia Petrea" do ano 2012. Os comentarios aos distintos artefactos líticos, entre os que se atopaban expostos dous da Gándara Chá, é de Arturo de Lombera Hermida.
INTERPRETACIÓN

A composición da mostra, cunha serie de morfotipos que tradicionalmente serven como tipos característicos de determinados momentos crono-culturais, podería encadrar o conxunto no Plistoceno Medio ou inicios do Superior, no que podería corresponderse cun Paleolítico Inferior (Achelense Evolucionado) ou mesmo se podería encadrar dentro do Paleolítico Medio, dentro do que nos sistemas clásicos se englobaría nun Musteriense de tradición Achelense.

Os resultados obtidos permiten determinar que sobre unha superficie de orixe terciaria; en cuxo sedimento aparecen diversos fragmentos de materias primas susceptibles de servir de soportes a ferramentas líticas talladas, houbo momentos no Plistoceno Medio Final e/ou Superior Inicial, alomenos, grupos de cazadores recolectores que interactuaron nese espazo ou nas súas proximidades.

Os escasos vestixios localizados habería que interpretalos como meros achados dispersos que non permiten certificar, dende o noso punto de vista, a presenza dun xacemento, aínda que fose en posición derivada, de suficiente entidade como para condicionar o desenvolvemento normal da obra.

Informe elaborado por Juan A. Cano Pan de Arqueoloxía do Noroeste S.L.U.

No hay comentarios:

Publicar un comentario