viernes, 3 de mayo de 2024

DE NÉBOAS NAS MONTAÑAS DO CAUREL...

 

Time lapse: Fonte de Cais, A Seara

Panos brancos

                    esfiañados

                                   da nebra

ouveando polos vales

                               polos soutos

                                                  i as devesas marelas

En busca dun caborco

                               ou dunha valiña outa

                                                            que os acolla

i os faga acougar!

Fiañas da nebra

                     rubindo e baixando

                                               á gaiola do aire

polas serras érmedas

                              e polos soutos espidos

                                                              do Nadal!

Uxío Novoneyra. Os Eidos.

Nun día así axiña veñen á cabeza os versos de Novoneyra.
Nestas montañas sempre hai un verso... sempre, sempre hai un verso...
Este é un dos meus poemas favoritos, coa grande sorte de que foi un dos que atopei na vella cinta de Rafa González na voz do propio Uxío Novoneyra.

Val de Seceira

Val de Seceira

Devesas do Cervo e o Montouto

Fonte de Cais, A Seara

Pico da Serrada, Outeiro

Pico da Serrada, Outeiro

Time lapse: Pico da Serrada, Outeiro


miércoles, 13 de marzo de 2024

ESQUÍ DE MONTAÑA NO CAUREL: CAMPA DO ABEDUL - PÍA PAXARO

Levo varios días vendo como a neve non acaba de marchar das zonas máis altas, seguro que aínda chega para dar un paseo. Creo que con estas condicións a solución pasa por ir a Formigueiros, seguro que alí aínda será posible esquiar... para ir máis rápido decido ir por Folgoso e Seoane... de camiño penso, e si vou pola pista das canteiras de Pacios dende o alto do Boi ata que atope neve. 

Esta opción sempre era boa ata que o gran incendio de xullo de 2022, o peor da historia de Galicia, que levou por diante e para sempre unha boa parte das nosas paisaxes; de feito, podo comprobar con asombro, por primeira vez, como é agora esta paisaxe... só nos primeiros metros da pista que vai do Boi ás canteiras de Pacios da Serra, a miña vista traslada o horror da realidade actual, non me imaxinaba que agora fora así... centos de paseos entre os piñeiros que, aínda sabendo que non lles correspondía este sitio, eran a miña paisaxe de sempre, e dicir sempre supón xa unha morea de anos. En canto é posible, para defenderme desta desolación, os meus ollos crávanse no Pía Paxaro, a neve que cubre a súa parte superior afasta de momento a fonda ferida que deixou o lume. 

Polo demais foi un magnífico día de esquí nestas montañas. Ceo azul, cero vento, neve algo transformada... e varias horas de furia. 
Unha vez no cumio do Pía Paxaro o panorama é grandioso: Manzaneda, Trevinca, as Médulas e os Montes Aquilanos, o noso Montouto sempre inquietante, Pena do Seo; cara o norte Formigueiros, o Faro e os Ancares. 
Dende arriba vexo a pa de neve inmensa que baixa pola Muralla cara ao norte e logo cara o leste, sobre o camiño clásico que subira o pasado domingo... non se fale máis... só deixarse deslizar facendo xiros coma poucas veces nestas montañas; inclinado con neve regular na parte superior e inclinado con cañotos do monte sen cubrir na parte inferior, de todos os xeitos uns minutos sublimes que recordan outros tempos e outras montañas... coa boca seca chego ao camiño que ven de Vilarbacú para volver para arriba. Si, foi certo, é posible baixar facendo xiros por alí.
O resto xa foi produto do efecto bolboreta e a velocidade coa que se espallan agora as cousas, aínda que sexan pouco significativas... nós esquiamos por aquí dende os anos 90 do século pasado. Moitas grazas a todos polo voso interese. 




Pía Paxaro dende a pista principal

Cara norte do Pía Paxaro


O mundo dende o Pico do Pozo, detras a caseta do Pía Paxaro

Un terreo de xogo perfecto, moitos quilómetros para gozar sen quitar os esquís; ao fondo o monte Formigueiros. Dende o Pico do Pozo

O Montouto e Rinán no primeiro plano, ao fondo os montes de Trevinca

Camiño tradicional que sube dende a mina de Vilarbacú a Campa da Lebre

Pía Paxaro

A chamada Barreira, na cara NE do Pía Paxaro


Os montes de Trevinca dende o Alto do Boi




https://www.lavozdegalicia.es/video/lemos/2024/03/17/esquiando-cara-norte-pia-paxaro-courel/0031_202403toKZDwFe.htm


HORA GALEGA 12'17'': https://www.agalega.gal/videos/130986-clip-hora-galega-18-03-2024/


domingo, 10 de marzo de 2024

ESQUÍ DE MONTAÑA NO CAUREL: VILARBACÚ - PÍA PÁXARO (SENDEIRO CLÁSICO)

Si hai un sendeiro montañeiro clásico nestas montañas, este é un deles: dende as casas da antiga mina de Vilarbacú ao Pía Paxaro.
A tarde non pinta demasiado ben, non.
Chego con calma a Vilarbacú despois de sair sen rumbo fixo, no peor dos casos pasar a tarde pola Seara e darlle unha volta á casa. No coche mesmo, despois de pasar Bustelo e ver como está o tema da neve, decido ir a Vilarbacú coa idea de subir dende a aldea polo camiño da mina... unha vez alí corrixo o rumbo e tiro para as casas da mina coa intención de subir polo sendeiro clásico ao Pía Paxaro, ou bueno, mesmo dar a volta unha vez arriba e baixar polos Carballois. 
Equípome rápido e tiro para arriba.
No inicio do camiño a tarde parece que se compón un pouco e deixa ver un panorama coñecido e espectacular, despois do incendio non tiña estado por alí e a neve cura momentaneamente esta ferida tan fonda. A situación cambiou axiña, tanto que tiven que por as gafas pechadas por que a tremenda cifra case non deixaba ver nada. Sempre que pasa algo así nestas montañas penso que parece mentira o duro que se pode por un simple paseo a esta altura...
Chega un momento en que case non vexo nin a punta dos esquís, a brétema mesta e pesada complica saber onde estou... hai moitísima neve, moitísima... ademais na parte que supón a saída do camiño á pista, na Campa da Lebre, coma sempre, está completamente conxelada... na saída á pista atopo un dos sinais do circuito permanente de carreiras de montaña case tapado por completo...
Abonda, é hora de baixar con moitísimo coidado.











As casas da mina sempre serán un lugar especial para min.

Vilarbacú, aldea épica.





Remata un día perfecto na montaña, entra a borrasca pola Cruz de Outeiro. 

sábado, 9 de marzo de 2024

ESQUÍ DE MONTAÑA NO CAUREL: ALTO DA GOLADA - PENOUCO (A SEARA).

É unha clásica, deixando o coche na Golada e collendo a pista que vai cara a Xetoso. 
Teño que padexar durante un bo rato para facerlle sitio ao coche fóra da estrada.
Lamentablemente a neve xa non é a que era pero a pista tampouco... as xestas dificultan tanto o paso que non é posible progresar nin andando; lembro cando pasábamos nun coche normal ata por riba de Xestoso, a única dificultade estaba nos piñeiros de Fonte de Cais. 

O coidado do rural facilita que esta pista de vital importancia para acceder á zona do Montouto esté ateigada de vexetación, logo cando veñen os incendios non se pode chegar a ningures.
De todos os xeitos unha tarde por alí arriba non se perde, hai moita neve e con bastante dificultade chego ata o Penouco, sobre o val do río Selmo. Non hai vistas pola neboa e a cifra, imaxino o panorama e estou contento. A idea, coma sempre era chegar á Pena do Mar de Arriba ou a Fonte de Cais, non foi posible porque vexo con pena como rompe a fixación vella dos esquís... será que non dan para máis. 
De volta á Golada aínda completei o paseo polo camiño que leva á Devesa do Val e o Pía Paxaro. 

De regreso no coche, ao quitar os esquís non me queda máis remedio que pensar en Groenlandia... sempre que vexo a cor laranxa destas táboas penso no país imposible e en xornadas infinitas en calquera lugar do mundo que valera para esquiar. Seguro que teñen remendo.


Estrada da Golada á Seara, si é a estrada.



Indicador ao Penouco, hai unha boa nevada


A Seara, aldea épica



Á volta, o Pico da Torca sempre inquietante sobre Outeiro e A Cruz


domingo, 3 de marzo de 2024

ESQUÍ DE MONTAÑA NO CAUREL: CÉRAMO-CABEZA DO COUTO.

Hai unha boa nevada. Aínda que o intentei o día anterior non fun quen de subir polo mal estado da estrada. Hoxe si, paso sen problema cunha idea ben clara; subir polo camiño que sae por riba de Céramo cara á pista que vai ao Faro. Sempre quixen subir por alí para evitar o mal estado no que está a neve no inicio desta pista polas rodeiras dos coches, saíndo dende o chamado Alto do Couto. Por este camiño que ascende moi suave todo é neve recén caída e tranquilidade, nin unha pegada. Ademais dende o principio xa me pareceu unha magnífica opción para baixar tranquilamente sen problemas. Os descensos, neste terreo, sempre ou case sempre son problemáticos; problemas que hoxe foron poucos polo tendido do terreo e pola grande cantidade de neve acumulada.

Non teño un rumbo fixo, tal vez pensaba en chegar por baixo da Pena das Aigas ou mesmo á Cabeza Grande, xa á vista do Faro. A tarde prometía pero a neve que cae sen parar, as veces con moitísima intensidade botanme para atrás polo medo a non poder mover o coche si me retraso moito. Logo, na baixada, despois de subir á Cabeza do Couto, deixou de nevar e puiden andar a ouvear durante un bo rato entre as rebolas. 

Non hai dúbida, este é un dos meus percorridos favoritos para andar con esquís ou con raquetas de neve. Si se chega ata o Faro, é un percorrido cinco estrelas para o que podemos facer nas Montañas do Caurel.


Dobran as campás da neve.
A alma de seu gardada 
trouxo inda máis calada
e nin pode nin se astreve.
Falopiña a falopiña
vai branquexando a cortiña.
Cada miniña seu soño
cada corpo a súa floriña.
Uxío Novoneyra. 

As taras do Val de Visuña






domingo, 7 de enero de 2024

ESQUÍ DE MONTAÑA NO CAUREL: FORMIGUEIROS DENDE O ALTO DO COUTO

Semellaba non ser o día.
Coma moitas outras veces foi.
Non hai moita neve aínda que é suficiente para pasar unha magnífica tarde lembrando outras neves nun camiño ben coñecido... algunha vez ocorreuseme pensar que tería subido ao Monte Formigueiros unhas 400 veces; claro, son moitos anos e estou seguro de que polo menos durante 20 anos subín 20 veces ao ano que, moitos anos, foron bastantes máis.
Hoxe seguramente terei que subir andando; non pasa nada, tamén hai moito que non subo e xa teño ganas. De todos os xeitos o equipo vai no coche e finalmente fun con esquís case ata o cumio.
A ruta é do máis clasico nas montañas do Caurel, dende a golado do Couto, pola pista ata a boca da Rogueira e logo polo camiño, agora ben marcado na vexetación, que ascende polo borde do circo onde se agacha a Devesa da Rogueira. 

Velaiquí a panorámica dende o cumio do Monte Formigueiros

Cando penso nos meus recunchos favoritos nestas montañas, sen lugar a dúbidas, este é un deles.

O Pía Paxaro á dereita e o néboa sobre os vales do Lor e de Lemos.

O corazón do Caurel e os Ancares de fondo.

As Médulas case na néboa e os montes Aquilanos ao fondo.