jueves, 16 de mayo de 2013

A CULTURA DO FERRO EN QUIROGA.


A CULTURA DO FERRO EN QUIROGA

Ao abeiro dos "cabaleiros-monxes" da Orde de San Xoán, nalgúns casos, e do mosteiro de Samos, noutros, a cultura do ferro ten unha importante presenza no concello de Quiroga. No que como se pode constatar, chegaron a traballar ao longo da historia un total de sete ferrerías, o que supón a maior agrupación de ferrerías, nun só concello, de toda a provincia de Lugo.

=Polo seu estado de conservación na actualidade e pola súa antigüidade, hai que mencionar en primeiro lugar a ferrería da Rodela, da que atopamos restos ruinosos do que foi a magnífica casa da Ferrería, que leva abandonada máis de cincuenta anos. Pola parte de abaixo do camiño, fronte á casa, atópase o que foi o complexo industrial, do que resta en bo estado o banzado e do demais só os muros; agás unha pequena parte que foi acondicionada para fábrica de luz. Non se coñece exactamente a data da súa construción, pero temos noticias súas na documentación dende principios do século XVI e sábese que os seus promotores foron, neste caso, os monxes de Samos.

Tamén, entre as máis antigas, aparecen as de Rugando, na parroquia de Vilarmel, e a de Quintá, na parroquia do Hospital.

=Na ferrería Rugando, o casarío, do que forma parte a pequena capela, leva varios anos convertido en casa de turismo rural. Do antigo enxeño non queda case nada: aprécianse os restos do banzado, que nos últimos tempos se aproveitaba para mover a moa dun muíño. Aparece na documentación dende primeiros do século XVI e rexístrase unha gran reforma na segunda metade do século XVII.

Ferrería de Rugando

          =A ferrería de Quintá, nas inmediacións da Rodela, documéntase dende o ano 1562. Actualmente queda a casa habitada até hai pouco, a canle do banzado, que se aproveitou para mover un muíño, e restos de construcións adxectivas. Desta ferrería temos o interesante e curioso documento, con data 4 de setembro de 1566, da escritura de toma de posesión da ferrería nova de Quintá (pertencente á Encomenda de Quiroga) dada a petición de Francisco Bázques, propietario, por Antonio Rodríguez, escribán. O coñecemento desta excepcional documentación ofrécenos datos de primeira man sobre o funcionamento destas protoindustrias e mesmo da idiosincrasia da sociedade do século XVI nestas terras.

“…Y en razón de lo sussodicho, y estando dentro de la dicha cassa/ y errería da Veyga de Quintá el dicho Francisco Bázques de Quiroga// e Ysabel Bázques de Canida, su mujer, fundadores, hacedores, propietarios/ de dicha errería, y mucha parte de los vezinos y moradores/ çercanos y conmarcanos de la dicha tierra de Quiroga e ferrería,/ e públicamente, y estando al presente Miguel de Aurtíz, biscayno/ y maestro que fue de la dicha errería, e Miguel de Aldunzín, rendero/ de la ferrería de Boeys, e Juanes de Alduzín, Rendero de la errería / de la puente de Quiroga, y de Aranburçe, e Juan Morro e Sanjuan, e Lopo de Espella, maestros de ferraxe, e/ Miguel Morán, machador, e Juanico Bizcayno e Andrés de/ Bedía, que son aroossa tirador e fundidor y tassador, y braseros/ y oficiales de la dicha errería, luego trajeron y metieron dentro/ de la dicha rrería, por ante mi, escrivano e testigos e personas arriva/ e avajo contenidas, un toro marón presso con dos sogas, una/ atrás y otra adelante, y lo sacaron los dichos braseros y ofiçiales/ y biscaynos y perssonas por la puerta prinípal de la dicha errería,/ y lo llevaron al llano y beyga que se dize el de Quintá, al camino/ que está sobre del pozo que se dize das Boussas, donde llega el término/ y demarcaçión de la otra ferrería de avajo, asta llegar/ al camino y al marco que alli estava…./”. Percorrendo os límites da ferrería co animal vivo de ramal conducido polo personal. “…Y echo lo sussodicho se bolvieron/ él y los ofiçiales y personas a la dicha errería con el dicho toro/ y ataron las piernas y lo derrivaron sobre la yunque, teniéndole/ por los cuernos y sogas. Y el dicho Francisco Bázques e Ysabel Bázques,/ su mujer, tiraron por el palo de la tapadera del chifrón y dieron/ auga a la rueda del mazo, el qual dio de golpes en el pescuesso/ del dicho toro, de los quales goles se cortó de presto carne, curo/ y güessos, asta que se lo acabó de cortar. Y partido, tomaron la dicha/ caveça los dichos ofiçiales y brasseros, corriendo sangre por/ ante mi, el dicho escrivano e testigos, salieron por la puerta sussodicha/ de la dicha ferrería y cercaron por donde antes anduvieron con el dicho/ toro siendo bivo, bañando y mojando/ los dichos marcos y mojones con la sangre que de la dicha cabeza salía/.”

Ritual do século XVI, ferrería pertencente á Encomenda de San Xoán.

Recuperado por Isidro García Tato do Arquivo do Reino de Galicia, chegou ás miñas mans cedido por Santiago Ferrer.

=A ferrería de Paleiras, na parroquia de Pacios da Serra, comezou a súa actividade no ano 1752. Na actualidade queda a vivenda e outras edificacións que foron almacéns, todas en estado ruinoso. Nada resta da ferrería, que estaba situada fronte á casa, do outro lado do camiño. Foi destruída hai moitos anos para aproveitar a pedra, tantos que nin os máis vellos de Pacios se lembran dela.

Ferrería de Paleiras. Pacios da Serra

=No coñecido como “camiño Ferradal”, ademais da ferrería de Rugando que xa levaba moitos anos traballando, tamén atopamos a ferrería da Gorgueira, na parroquia de Paradaseca, que empezou a producir na segunda metade do século XVIII. Do conxunto industrial consérvase a vivenda: unha casa grande de regulares proporcións e de escaso valor arquitectónico, abandonada dende haberá uns corenta anos. Por outra banda, dos almacéns non restan máis que os muros. A ferrería estaba situada pola parte de abaixo.

Ferrería da Gorgueira. Paradaseca
           =Da primeira metade do século XVII data a ferrería do Mazo, Outeiro ou Sonldón da Seara, na parroquia da Seara. Aínda que a vivenda leva moitos anos abandonada, conserva parte do lousado; porque a aproveitaron como palleiro os veciños do Mazo. Ao seu carón quedan as ruínas da factoría, entre as que destacan as paredes laterais que sostiñan o banzado de madeira. Tivo capela, agora desaparecida.

Ferrería do Mazo. Soldón da Seara

=En 1884 empezou a traballar a última das factorías da provincia de Lugo: a ferrería da Roxa Longa en Vilarbacú, na parroquia do mesmo nome. De todo o conxunto non quedan máis que os muros, tanto da ferrería propiamente dita como da casa-vivenda do encargado ou administrador. Malia os máis de cen anos de abandono, os restos permiten saber como era exactamente o edificio industrial. A casa, actualmente en ruínas, seguiu habitada durante algún tempo.
Ferrería e forno de cal de Roxalonga. Vilarbacú

Sabemos de primeira man pola transcrición dos cadernos de campo do xeólogo hispano-alemán Guillermo Schultz, realizada polo xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, ( que percorreu varias zonas de Galicia nos anos 1832-1833 e en concreto esta zona dende os meses de marzo ata agosto de 1833) que, durante os séculos XIX e principios do XX, foron vascos e cataláns os encargados de obter beneficios dunhas explotacións que resultaban, naqueles días, bastante rendíbeis e que causaban unha enorme deterioración nos bosques do seu contorno, debido ao alto consumo de madeira, imprescindible para o funcionamento dos fornos.

“…Las herrerías fueron establecidas en este pais por Biscaynos y son las forjas catalanas que, usan fuelles de cuero muy largos y de poco fuego o trompas de agua, el frágua dicen que es… de forma de embudo… de la Solana que es muy inclinada y una… en cuadro arriba, pero estas medidas no son exactas. El martinete es simpre de cola y bien montado, pero el movimeinto de los fuelles es bien pesado el antiguo con la percha elastica para levantar el fuelle y… en esta herreria de la construcción siguiente. Utilizan para su funcionamiento mineral de la venera de Furmigueiras y de Rocas en el Courel”.

=A ferrería de Outeiro.


Mina de Vieiros (A Seara). Coñecida como "veneira" de Vieiros

No hay comentarios:

Publicar un comentario