miércoles, 18 de enero de 2023

ESQUÍ DE MONTAÑA POLA SERRA DA MÓA, SAN CLODIO

A Serra da Moá ten para min un gran valor sentimental, a miña avoa paterna, de San Clodio, sempre falaba destas montañas; e o meu pai, ao longo da súa vida laboral, subiu milleiros de veces pola estrada que conduce ao alto deste porto cara as terras de Castro Caldelas. 
Nunca estivera por alí con neve... Cando neva, como é lóxico, sempre tiramos cara as montañas do Courel e dende alí sempre pensaba, ao ver estas montañas do outro lado do río Sil, gustaríame esquiar algún día por alí.
Feito e marabillado polo seu bosque nevado, mágoa de máis luz e máis días...










 

martes, 17 de enero de 2023

NEVE NO ALTO DO BOI NA HORA DOS LOBOS

Si ho si, xa o sei... son piñeiros e os piñeiros arden ben poñendo todo o medio en perigo, pero... foi a miña paisaxe durante moitísimos anos. Os lobos agochados, á súa hora, asexan a un intruso familiar que pasa todo o rápido que pode sen quitar nin poñer nada. 
No alto do Boi vin luces azuis, amarelas, brancas, negras... e a fonda ferida do lume apagounas todas. Agora a neve volve tarde para tapar un intre a vergoña que deixou o lume nestas montañas






 

sábado, 14 de enero de 2023

NO RÍO SIL, DE SEQUEIROS AO SOLDÓN

Non hai dúbida, as aldeas ribeirás de Sequeiros e O Soldón, sobre todo a primeira, teñen unha historia moi ligada á navegación polo río. Na actualidade son varios os puntos nos que se pode entrar en Sequeiros e O Soldón tamén ten un bo lugar para entrar ou sair do río Soldón.









viernes, 6 de enero de 2023

NO RÍO SIL, AUGAS MESTAS CARA Á CUBELA

 A falta de neve boa é a auga do río Sil, non atino a entender porque está así de baixo... 
Volvo envolto nun solpor máxico e xélido coma os que sempre hai aquí.











jueves, 22 de diciembre de 2022

AQUÍ PODERÍASE MEDIR O TEMPO EN OUTONOS

 Pois si, marchou outro outono que me chegou tarde... mesmo pensei que pasaría sen enterarme. Había moito tempo que non estaba tan afastado do medio. As pegadas do desastre do mes de xullo pasan factura na miña cabeza e costa volver a sentirse ben nunha terra que, no seu conxunto, está ferida... mesmo poden verse as feridas disimuladas por unha fermosura redentora.

Lagoa da Lucenza

Lagoa da Lucenza

Meandro da Tapada, río Sil

Augas Mestas, río Lor e río Sil

O Val da Seara dende a Lagoa da Lucenza

A Seara

Néboa no Val de Visuña

Fervenza Grande de Hórreos

Alvariza de Ferramulín

Souto de Ferramulín

Baixo a Fervenza Grande de Hórreos

Néboas no Pico de Cereixido, Visuña

Meandro no río Selmo baixo Ferramulín

Río Quiroga

A Seara

Devesa das Valiñas

Val do Aceval, Ferramulín

As Barreiras no río Quiroga

A Seara

Río Quiroga

Río Quiroga

A Seara

Devesa das Valiña, Visuña

Souto de Ferramulín

A Seara

Rego das Maseiriña, Visuña


lunes, 25 de julio de 2022

BERRA TERRA, BERRA

Pola estrada cara á Seara vou pedindo desculpas á aldea, a miña casa, ao monte Formigueiros... por non ter ido máis nos últimos tempos. Antes de chegar a Bustelo décatome de que as desculpas son para min mesmo porque estes lugares son esenciais, están dentro, son eu mesmo.
Val de Seceira non existe, o mesmo Val de Seceira que todos os invernos se pon imposible polo xeo e a neve cando chega. Outeiro e a Cruz, no cráter dun volcán de lume, fumo e faiscas que suben do fondo do val... non paro, vexo caras coñecidas, arrepiadas... están sacando aos maiores. 
Cara a Vilarbacú nada, unha fumeira mesta infestada de morte.

Onde estará o lume?
Penso no Caurel baixo, no Boi, Castro Portela, Vilar, Froxán, Vilamor, A Campa, Vidallón, Baldomir, A Pendella, Eiriz, Santa Efemia, Folgoso, Seceda, Ferreirós de Abaixo e de Arriba, Sobredo, Mercurín... de xeito vago, sen enfocar... igual que cando subimos a tarde anterior a Folgoso para ver como o lume se achegaba ás casas da Regada... a vista no centro da estrada para non mirar á dereita ou a esquerda presentindo pena. 

Igual que nun ritual, cada día que melloraba correndo do Alto do Boi ao Alto do Convento, camiño sofocado para que os piñeiros me deixen ver as curvas do río Lor aló abaixo, encaixado... facendo sitio para Vilamor, Vilar, Vidallón... 
Respiro, penso... dou volta e baixo para casa.
Sabendo que podía pasar, non me deu tempo de despedirme: o traballo, o calor, o prezo dos combustibles... impediron que subira a diario ou case a diario como viñen facendo nos últimos case vinte anos. Esas paisaxes do Boi, o Ferreiriño e o Lor eran miñas, eran de todos... Si, eu sabía que pisaba tan contento sobre a bomba de piñeiros... pero era a miña paisaxe, a paisaxe dos lobos. Este ano vin con preocupación, mentras descansaba correndo, como todas as gallas da poda dos piñeiros quedaba coidadosamente esparexida polo chan formando unha alfombra nefasta; mes tras mes durante o inverno e a primavera vexo avanzar estes traballos... penso, uff.
Varios piñeiros levan atravesados máis de dous anos na pista que vai por detrás do Alto dos Mouros, tirounos a neve e o vento dos temporais. De pasar unha e outra vez polos seus extremos fun facendo sitio. Négome a quitalos coa pequena serra xaponesa que sempre metemos na mochila, non debe ser así. Unha das últimas veces comprobo que hai millo para os corzos no chan, penso que para botalo igual quitaron os piñeiros atravesados... Non, os piñeiros seguen alí... 

Como durante todos estes días, cumplo o meu horario de traballo, como rápido e marcho para A Seara. O lume está arriba, pero de camiño vexo con preocupación un fumo negro e denso que o invade todo, que enche vales e corgas, tinguindo o camiño de rabia. Aparco o coche na casa e subo o máis rápido que podo cara a Lucenza. Non vou a nada, non sei a onde vou, só camiño cara arriba coma tantas e tantas outras veces... quizá quero despedirme. Un, dous, tres días para despedirme mirando como paleadoras, helicópteros e brigadistas tentan que o lume non baixe cara a Seara.
Un grupo de voluntarios traballa no fondo do val de Murelos xunto coas brigadas do lume. Xúntome con eles. Hai caras coñecidas... negras, cansadas, tristes... sobre todo tristes.

Hoxe atendo a unha parella de turistas, non podo conter as bágoas imaxinando o sufrimento da xente, a negrura das paisaxes, a desaparición de Vilar do Courel, a desesperación dos animais... 

Son as mesmas bágoas que escorren días despois pensando que pagarán xustos por pecadores e non pasará nada. Queda o consuelo da xenerosidade de moita xente, o optimismo e a esencia que sigue intacta; na nosa man está que toda a desesperación dos veciños, a paisaxe e os seus animais, non sexa gratuíta.