viernes, 26 de junio de 2009

ANETO, PLAN D'AIGUALLUT, BARRANCO DE CREGËÑA.

Fotos Manuel Fernández Ferrín y Ramón Vila Anca.

Amanecer bajo la Tuca de la Renclusa

Valle de la Besurta desde la Crencha de los Portillones

Portillón superior

Valle de Barrancs desde el glaciar del Aneto
 
Glaciar del Aneto

Glaciar del Aneto

Glaciar del Aneto

Paso de Mahoma

Cumbre Aneto

Ibón de Cregüeña

Ibón y valle de Cregüeña

Bajando del Aneto hacia el collado de Coronas

Collado de Coronas

Glaciar del Aneto, valle de Barrancs al fondo
 
Cabaña d'Aigualluts
 
Plan d'Aiguallut

Plan d'Aiguallut

Salto d'Aiguallut. Aneto al fondo

Plan d'Aiguallut

Plan d'Aiguallut

Ahora cuando veo flores no sé que decir
 
Plan d'Aiguallut
 
Ibón de Barrancs, al fondo cresta de Ixalenques

Ibón de Barrancs

Ibón de Barrancs

Ibón de Barrancs

Ibón de Barrancs
 
Barranco de Cregüeña

Barranco de Cregüeña

sábado, 13 de diciembre de 2008

O ACEITE DE QUIROGA, LEGADO ROMANO?


Publicado no diario O Sil. Especial de Nadal 2008.

Muíño de aceite de Bendilló.

A elaboración artesanal do aceite no val de Quiroga pérdese na memoria do tempo e posiblemente achéganos ó pasado romano.
Non é doado precisar dende cando existen oliveiras na comarca de Quiroga, pero todo parece indicar que foron os romanos os seus introdutores, aínda que en determinadas partes da península xa existían oliveiras introducidas polos Fenicios.
Convén apuntar como dato significativo que este recuncho do val do Sil é o único punto do noroeste peninsular cunha prolongación ata Salamanca, onde a oliveira forma parte dos cultivos existentes e non de forma illada, como sucede nalgúns puntos do ámbito sinalado.
A curiosidade dalgúns colleiteiros e o estudo de moitos datos sobre o noso aceite, proporcionou a conclusión de que entre as variedades existentes nesta zona, a máis antiga, podería proceder de Italia; tendo a particularidade de que se reproduce de xeito doado a partir da semente e non da división dunha planta, como é moito máis frecuente. Este aspecto resulta fundamental para asociar a introdución das oliveiras na comarca de Quiroga ó paso dos romanos, xa que unha variedade que se reproduce a partir da semente sería moito máis fácil de transportar dende calquera punto do Mediterráneo e máis dende a propia península italiana.
Produto da existencia milenaria das oliveiras son os muíños de aceite; presentes e boa parte das parroquias situadas nas terras bañadas polo Sil e que gozan dun incrible microclima Mediterráneo; nomes como Montefurado, Vilanuide, Enciñeira, Anguieiros, Vilaster, Bendilló, Bendollo, Soldón, Sequeiros, Paradaseca, Novaes e incluso Hospital, sempre estiveron directamente vinculados ó da elaboración artesanal do aceite.
Tal vez o exemplo máis significativo, por atoparse restaurado dende o ano 1.993, destas singulares almazaras témolo na parroquia de Bendilló, no lugar coñecido como as Farrapas. O muíño de aceite tradicional destas terras é moi sinxelo; consta dunha pía para moer as olivas, mazo para prensar e decantadora. A antigüidade destas pezas é difícil de precisar con exactitude, pero a existencia deste tipo de enxeños na zona pódese relacionar coa presenza dos romanos a partir do século II d. C, e o que semella moito máis claro é que este tipo de maquinarias que atopamos en Quiroga responde a mesma tipoloxía que os empregados polos romanos noutros lugares do seu territorio onde se producía aceite.


Muíño de aceite de Bendilló.
 
O proceso de produción artesanal de aceite nestas terras ten lugar entre os meses de decembro e febreiro; unha vez realizada a colleita e preparada a oliva, móense as olivas no muíño formando por unha pedra redonda vertical que xira sobre unha base cóncava do mesmo material. A pasta resultante prénsase en capazos de esparto ó mesmo tempo que se lle engade auga. Nun recipiente (decantadora) recóllese o líquido resultante; alí a diferente densidade dos líquidos, fai que se separe a auga do aceite.
A promoción e recuperación deste produto é impulsada dende o ano 2001 polo Concello de Quiroga coa celebración dunha mostra anual na contorna do muíño de Bendilló secularmente vinculado á produción artesanal do aceite, normalmente a finais de febreiro ou principios de marzo dependendo da colleita.
O castiñeiro, outro cultivo milenario.
 
Castiñeiro do souto de Ferramulín.
 
A particularidade da existencia do cultivo da oliveira na comarca de Quiroga, hai que engadirlle outro aspecto que chama poderosamente a atención dalgúns científicos: nestas terras mestúranse dende sempre dúas plantas moi dispares, a oliveira; propia de terreos calcarios e o castiñeiros, propio de solos ácidos.
Os soutos de castiñeiros forman una das paisaxes máis típicos dalgunhas parroquias de Quiroga. Esta árbore, da que podemos ver exemplares centenarios por boa parte do concello, sempre estivo moi ligada ó xeito de vida da meirande parte dos veciños. Durante moitos séculos, empregaron a súa madeira para quentarse, o seu froito para alimentarse e os animais durmían sobre as súas follas. Incluso a súa flor, a candea, é utilizada polas abellas para a obtención dun mel de cor, textura e sabor moi característicos.
Como sucedía coa oliveira, non é doado precisar con exactitude cando apareceron os primeiros castiñeiros nestas terras. Polo de agora non se atoparon probas de que as castañas foran utilizadas como alimento en Galicia antes do século I d. de C. Nembargante sabemos que os romanos eran bos coñecedores das virtudes do castiñeiro e o valor alimenticio do seu froito e foron estendendo polos países e lugares que conquistaban as clases froiteiras do castiñeiro e as técnicas de cultivo empregadas en Oriente. Con toda seguridade nesta comarca xa habería castiñeiros dos denominados espontáneos e non cultivados, pero cabe pensar que as variedades que dan boas castañas foran introducidas polos romanos.
En Galicia, a partires da romanización, o cultivo da castaña estendeuse ata ocupar case toda a rexión converténdose nun alimento básico, ata que no século XVIII irrumpira con notable éxito o cultivo da pataca e o millo, ocupando terras que antes tiñan castiñeiros e dando lugar a un cambio de hábitos alimenticios.
A medida que se estendeu o cultivo da pataca e os cereais, o castiñeiro foi retrocedendo, refuxiándose en zonas do interior de Galicia como o Caurel, Quiroga, Trives e os Ancares, onde se mantén ata a actualidade.

lunes, 3 de diciembre de 2007

O TÚNEL DE MONTEFURADO. MINERÍA ROMANA EN QUIROGA.



Publicado no diario O Sil en Decembro de 2007.


A verdadeira conquista militar romana destas terras comezou tamén coas chamadas Guerras Cántabras, iniciadas definitivamente por Augusto no ano 29 a.C e que conclúen no 16 a.C. Unha vez rematado o sometemento dos pobos indíxenas do noroeste, despois de 200 anos de presenza dos romanos na Península, o proceso colonizador estendeuse durante máis dun século, convertendo esta zona nun inmenso couto mineiro romano.
Roma explotou intensamente as riquezas minerais de Galicia seguindo as indicacións do procurador metallorum, figura que miraba polos intereses do imperio e empregaba man de obra alóctona composta por milleiros de escravos, o que amosa un gran sentido político, que realizaron importantes obras aínda vistas dende a perspectiva actual; a explotación das Médulas de Carucedo e a desviación do leito do río Sil mediante o túnel de Montefurado en Quiroga, son bos exemplos. Daquela e para facernos unha idea, Plinio o Vello calculou que a finais do século I d.C, Roma recibía anualmente do NW peninsular cantidades de ouro do orde das 6 Tm.
A profunda pegada do mundo romano faise patente na actualidade cando observamos o impresionante legado arqueolóxico desta época, composto en Quiroga, por un complexo tecido de máis de trinta explotacións mineiras de distintos tipos e unha vintena de asentamentos fortificados relacionados coa actividade mineira.
Como dato curioso e ilustrativo da importancia que tivo o beneficio do ouro ao longo da Historia, hai que destacar as observacións feitas no seu traballo polo xeólogo alemán Guillermo Schultz, que percorreu Galicia durante os anos 1832 e 1833, descubrindo a presenza das denominadas “aureanas”, mulleres que se dedicaban á obtención de ouro por batea na cunca do Sil ao seu paso por Quiroga, sobre todo en Montefurado.
De todos estes restos chegados ata nós, destaca pola súa importancia e grandiosidade, o túnel de Montefurado, principal elemento dun xigantesco complexo mineiro contemplado como un dos grandes logros da enxeñería romana. Nesta ocasión a base principal dos traballos consistiu en desviar o curso da corrente nun treito que coincidía cun amplo e acusado meandro areoso, que deste xeito quedaría libre para recoller máis rápido e con maior facilidade do seu leito desecado as areas de ouro que arrastraba e aínda arrastra o lendario río.
Unha serie de investigacións para a confección dunha memoria presentada no ano 1995 para acadar a declaración do Túnel de Montefurado como “Bien de Interés Cultural Nacional”, revelaron que o emblemático túnel quirogués construído polos romanos a comezos do século II d.C, durante o mandato do grande Trajano, é o túnel artificial de maiores dimensións e máis antigo dos abertos na Península Ibérica e un dos poucos realizados polos romanos en todos os territorios que chegaron a ocupar.
A recoñecida “auri sacra fames”, que caracterizou a administración romana, fixo que esta non se detivera diante das dificultades impostas pola natureza, mesmo cando, como no caso de Montefurado, precisaron do cambio do curso dun gran río para beneficiarse do ouro das súas areas. Para materializar o proxecto, perforouse o macizo rochoso cun oco o bastante grande como para que collera todo o caudal. As dimensións do túnel, sobre as que moito se leva especulado, dan unha idea do colosal esforzo realizado; tiña unha lonxitude aproximada de 120 m, ata o derrubamento accidental provocado por unha enchente no ano 1934, que o deixou reducido aos 52 m abovedados que ten na actualidade.
A anchura media é de 20 m, e a altura tamén está próxima aos 20 m, dos que 12’5 atópanse baixo a auga aínda que na actualidade despois de ter elaborado unha topografía do fondo pódese observar unha importante acumulación de canto rodado na boquilla de entrada e de grandes bloques na de saída.
Probablemente o inmenso oco, hoxe de formas suavizadas pola acción da auga durante algo máis de 1800 anos, fora escavado empregando a denominada “técnica do lume”, consistente en quentar a rocha ata acadar temperaturas moi altas para despois arrefriala con auga e que a brusquedade do cambio térmico rachara de xeito fácil e inmediato o macizo rochoso, para redondealo posteriormente con ferramentas metálicas, cuxas pegadas poden observarse aínda agora nalgúns puntos.
Semella indubidable que as dimensións desta empresa requeriría a presenza dun importante número de traballadores; sobre a localización destes as noticias son mínimas ou nulas e as que hai parecen responder máis á lenda que á realidade. Segundo Madoz, na aldea de Sesmil (á que daría nome Seismil), actualmente pertencente a parroquia de Santa Isabel da Enciñeira ao sur de Montefurado, sinala a tradición que sería o lugar onde se asentaría a lexión que supervisou os traballos de perforación e posterior beneficio mineiro.
Constaría o continxente de 6.000 homes, dando polo tanto orixe ó topónimo. Topónimo que, por outra banda, orixinaríase segundo Nicandro Ares Vázquez (Toponimia do Concello de Quiroga. LVCENSIA. Nº12-LUGO, 1996) como antropónimo gótico Sisimirus/Sesmirus. Conxecturas á parte, resulta unha crenza popular encantadora e non pode xulgarse como imposible: a aldea de Sesmil está próxima e domina toda a explotación mineira e non podemos esquecer os testemuños de varios veciños que falan da existencia de “especie de sepulturas” coas súas correspondentes lápidas en lugares dedicados ao cultivo do viñedo.
En canto ao funcionamento do complexo, hoxe en día pódese especular coa existencia dunha serie de estruturas desaparecidas durante a construción da estrada N-120, sen que quede ningunha constancia delas máis que imaxes confusas, datos imprecisos e a memoria dos vellos, que falan da presenza no contorno da boca do monte de varias canalizacións, que inevitablemente nos levan a manexar a hipótese da posible existencia dun sistema composto por una presa e unha ou varias canles que lles permitirían desecar o interior do túnel onde quedarían depositados todos os sedimentos arrastrados polo río, aproveitando ó mesmo tempo o oco como balsa de decantación.
Esta hipótese que pode semellar lendaria e con pouco fundamento, atopou un valedor na figura do enxeñeiro belga Henry Steven, que o 25 de abril de 1918, solicitou unha autorización para facer unha desviación do río Sil, en Montefurado, “dejando el cauce seco durante el verano empleando un canal y túnel abiertos de antiguo construyendo unha presa en el origen del canal situado auguas abajo de la estación de ferrocarril de Montefurado”. Segundo consta no arquivo do Ministerio de Fomento (antigo Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente), nun “Proyecto de terminación de las obras de desviación del río Sil en Montefurado”, do enxeñeiro Antonio del Águila y Roda e do que era peticionario o mencionado Henry Steven.
A Historia do Túnel de Montefurado, detida durante uns cantos séculos, toma novos pulos na primeira metade do século XX, xa que o día 7 de novembro do ano 1934 recibiuse unha orde telegráfica na Dirección Xeral de Obras Hidráulicas ó enxeñeiro xefe dos Servizos Hidráulicos do Miño para que con toda urxencia procedera a enviar ó lugar onde se afundira o túnel persoal para tomar, de xeito inmediato, as medidas pertinentes.
O motivo, como xa se apuntara, foi unha forte enchente do río que propiciou o afundimento da boquilla de saída ocasionando un tapón de grandes rochas que impedían o paso normal da auga, como consecuencia o río retornou ao seu primitivo leito asolagando todas as terras de laboura que co paso do tempo os veciños foran instalando nos fértiles sedimentos do meandro desecado.
A data fixada para o inicio das obras foi a primavera de 1935, pero a comarca sufriu un persistente temporal de auga que facía moi perigosas as tarefas de desentullo, e atrasou o arranque do traballo ata o mes de maio do mesmo ano. Despois de numerosos atrancos, Guerra Civil incluída, a auga non volvería a circular normalmente polo túnel romano ata despois de 1941.
Á esquerda do Montefurado, existe unha galería de 145 metros de lonxitude cunha anchura de 3’30 m e unha altura de 3’90 m, que mantén as medidas da sección en toda a bóveda e que do mesmo xeito que a obra romana, tamén atravesa a montaña. Hai quen afirma que podería tratarse dun primeiro intento para desviar o leito do río que non daría os froitos apetecidos; pero isto semella pouco probable tendo en conta a enorme pericia dos romanos.
Unha serie de testemuños actuais parecen demostrar que o pequeno túnel sería unha das obras emprendidas polo enxeñeiro belga Henry Steven no ano 1918 para intentar cambiar novamente o curso da auga. Cabería tamén engadir a posibilidade de que esta nova perforación formara parte das obras destinadas a arranxar os danos causados polo derrubamento de 1934 como consecuencia da enchente do Sil.
Ademais das importantes tarefas para o aproveitamento das areas arrastradas polo río, atopamos no contorno do antigo leito outro tipo de prospeccións de menor importancia e que normalmente pasaron desapercibidas. Os restos das labouras mineiras menores atópanse completamente sepultadas pola vexetación acumulada, aínda así apareceron varias galerías de mina abandonadas aos poucos metros do seu inicio. Algunha destas catas semellan aparecer indicadas nun impreciso esbozo do Túnel de Montefurado realizado por Manuel Amor Meilán no seu apartado da Xeografía do Reino de Galicia.
Na zona de Montefurado a actividade mineira non se reduce só ao contorno inmediato do túnel, existen varias explotacións auríferas sobre aluvión de distintas proporcións e de adscrición cultural romana. Resultaría prolixo realizar unha análise pormenorizada de cada unha delas, pero como complemento cabería citar as máis salientables.
No Hermidón, parroquia de Montefurado, hai restos dunha explotación sobre aluvión nunha zona moi alta e na que aínda se poden apreciar perfectamente as técnicas de extracción empregadas. No lugar coñecido como A Veiga, localízase unha explotación similar á anterior. A mesma aldea de Montefurado aséntase sobre un complexo mineiro de considerables dimensións. Un pouco máis afastado, pero dentro da mesma área, na parroquia de Vilanuide aparece a explotación de A Cabeza, e na beira do río outras dúas, unha delas de considerables dimensións. Tamén en Albaredos e Sesmil, podemos observar restos de explotacións do mesmo tipo.
Ligados ao desenvolvemento dos traballos desta intensa actividade mineira existía unha rede de asentamentos fortificados de tipoloxía castrexa. Baixo o lugar do Hermidón (parroquia de Montefurado) xusto enriba da boca do monte, atopamos un xacemento en boas condicións de conservación. En Anguieiros (parroquia de Montefurado), aparece un asentamento tipo castro de considerables dimensións, situado sobre un pequeno outeiro no que aínda poden contemplarse espectaculares aterrazamentos. Tamén en Vilanuide existe un asentamento de características similares.