lunes, 23 de abril de 2007

Canto tempo pasou?. Gustaríame que todo volvera a ser así. 
Estaba tranquilo, con esa tranquilidade que só se acada cando o único problema que tes é escalar... máis alto, máis forte. Iremos aquí, alí, metros, frío, números, letras, signos... non desprezo, dor, corpo esnaquizado, mente rota... 
Non me soltes!.

miércoles, 18 de abril de 2007

Xa hai uns días que podo ler, é outro desperfecto restaurado. Faciame falta. Dende o Sol do verán, non volvera a ler nada concreto. Hala! O Sol do verán... quen me mandaría... era bonito. Pasa o tempo, non sei que facer para escoitar; cando corro sinto, pero non é suficiente. Os demos agora si que berrean, antes susurraban. Xa me gustaría volver... non é posible. Afronto a situación con tranquilidade, como se agarda unha oportunidade no último campo da montaña. Volverei, claro que volverei, pero con calma... agora xa non hai xogo bonito.

martes, 17 de abril de 2007

Estou cerca pero separado por unha distancia como de aquí a China: é dicir moi lonxe. Nalgúns momentos esta unidade de medida serviu para indicar esto, ja, ja... Sempre teño presentes cousas así e non sei moi ben o porque.  Trago todo sen interese e non son capaz de sentir que teño que volver ó xeo, ós solpores máxicos, as paraxes impensables, que debo cruzar novamente a liña... porén sei que a búsqueda do sétimo sentido non é algo que poda forzarse, so cabe agardar. Lembro, como decidín ir ó Muztagh Ata...?, foi curioso: escoitei, alto e claro... só pasaron minutos ata que puxen todo en marcha.

lunes, 16 de abril de 2007

Quixera escribir que todo está ben, que marcho outra vez á montaña. Agora xa sería tempo de porse en marcha, xa hai saídas garantidas, 19 de xuño GII, como estaba previsto. Non escoito nada, como escoitei outras moitas veces. Parece normal despois do que pasou aínda que razonablemente sería o momento de fuxir canto máis lonxe e máis alto mellor, pero ollo, hai que escoitar. Agora está calado. Teño días, pero o máis probable e que marche ó Caucaso: sen chegar a oir nada é o que máis me apetece este ano. Será un xeito "suave" de non saír da espiral e agardar tempos mellores. 
Por certo, despois de casi un ano, onte volvín a escalar na rocha, dame mágoa mirar atrás, porén non teño ningunha presión.

martes, 10 de abril de 2007

Todo pasa rápido, até o malo. O menos malo destes días sen sentido foi a conversa que mantiven o domingo pola tarde cun aspirante a subir ó Aconcagua. ¿Qué buscará alguén así nesta montaña?... xa, xa: o meu foi unha fuxida, como sempre. Este semella non ter que fuxir de nada... Onte volvín a neve, agora alí sempre aparece a mesma pantasma, resulta incrible. Disfruto coa estancia e coa actividade pero a súa presencia acode puntual á cita para motificarme, era o único que faltaba. 
A tendencia do ser humano a meter a pata multiplícase no meu caso, como sempre, por 1000: só agardo non equivocarme demostrando dunha vez por todas que aínda me resta algún sentido, xa non pido o sexto ou o séptimo dos que fala Kurt Diemberguer, falo do común, que non é o máis común na miña persoa. Non andar a enredar semella o máis oportuno, son tan terco que volverei chocar...

miércoles, 4 de abril de 2007

Virán mal dadas, iso é o natural na vida. Aínda así non me asustarei e procurarei rir todo o que poda. Estou canso de ver sufrir á xente pola saúde... non hai nada que facer máis que aguantar e aguantar... necesitaba alguén forte. Agora xa dá igual. Máis preguntas: poderei volver ás grandes montañas?; igual non, pero xa sempre soñarei con solpores e menceres máxicos que tinguen de rosa a neve e o xeo. Hoxe son pesimista... Despois de moitos días volvín a ver a lingua de trapo... nin eu mesmo estou seguro de non ser quen de atravesar a raia vermella... pero?... mellor deixar as cousas como están. E verdade que neste caso teño ventaxa: coñezo á maravillosa virulillas de ollos verdes... que está lonxe e presente ó mesmo tempo.

miércoles, 21 de marzo de 2007

Hoxe é o día da poesía, non sei escribir poesías, traerei unha imaxe, si, traerei unha imaxe... na neveira do meu irmán, composto con palabras magnéticas cada vez podo ler: Fría niña / dentro corazón.



Perdón, son un ladrón de fotos sorprendentes, esta é da páxina de Josune Bereciartu. Non vos enganedes, parece unha imaxe pero é unha poesía.

domingo, 11 de marzo de 2007

Non penso… só, sen corda e con bota dura á placa da Pena da Aiga. Cabeza vacía e boca seca. Ti non estas aí arriba. Son un can, lembro o abismo frío dalgún corredor, noutro tempo, só e sen corda, fundido coa neve e o xeo, sen dor. Si algún día me soltas, quero que esta sea a foto: é sinxela, non ten nada, está vacía, non dá medo, nin vértigo, non estou arriba, nin ten neve e moito menos xeo, levo roupa normal, estou tranquilo... pero alguén entenderá:


jueves, 22 de febrero de 2007

Sol, neve, moito frío... a vida que pasa. Perdín a cámara dixital coa que atravesei o mundo. Aínda así veño satisfeito. Hoxe almorzo coa nova da enfermidade de alguén que compartíu moitos momentos comigo no monte, aquel que respondeu a miña pregunta: -por que fas covas?: pola cobiza. Pola cobiza da súa beleza, por solpores máxicos ás saídas, por viaxes impensables... todo se perde pero segue aí. Aquelas cousas axudáronnos a ser o que somos: eu un día cando saín da travesía de Valporquero con eles, quixen ver máis, quixen unha vida distinta, no momento de elexir, xa sabía que pola noite tamén se camiña: -e ti que queres ser de maior, -eu quero ver o mundo dende arriba. 
O desenvolvemento das cousas está a demostrar que hai que rir tódolos días, que o final do camiño está aí, o malo e que un non pode elexir cando e porque se sinte ben ou mal. Malia a que queda moita xente preto, o final do meu camiño igual estaba no Pamir, se fora can, como volvo a ser agora seguro que daría algún paso máis despois de estar xa lonxe da raia vermella. E seguro que aínda que non son de moita risa, quedaríame cun sorriso nos beizos... é unha postura egoista porque así mancas ós demais, pero son dous días. Que va! non son ideas suicidas é a vida e o compromiso comigo mesmo... xa sabes: y si tengo miedo, que no lo tengo, susurro y pienso.

sábado, 3 de febrero de 2007

Hoxe leo: El mal más extendido es la pereza mental, pensar es doloroso. Nadie quiere llegar a conclusiones. As conclusións son difíciles de acadar, a min casi me custan a cabeza e aínda aí andamos, atando cabos para descansar ou morrer de pena, pero pasa o tempo e que non che quepa a menor duda de que chegarei a unha conclusión. Pode ser máis ou menos penosa, pero chegarei... debo deixalo xa pero non podo, quero medir a pena que non se irá nunca por moitas cousas distintas que chegue a facer: o xeo azul existe, os solpores en altura mirando montañas máxicas existen tamén, existen lugares tan fermosos que fan chorar só cunha mirada, fendas de glaciar, xentes humildes e lonxanas, o muecín chamando ó rezo misturado cunha música arrepiante, o esforzo, a fame e a sede, o medo a quedarte alí...