O espertar é malo como sempre a primeira noite que dormes a esta altura, gustaríame que non fose así. Ó saír da tenda as cousas melloran aínda que os preparativos son lentos e fatigosos. Almorzo un té que entra a duras penas. O día non está malo e hoxe está previsto facer un primeiro porteo ó campo 2 para montar unha tenda depósito na que deixaremos gas e comida. Coa mochila ben cargada, vou para arriba con incerteza, hai xente que xa está tocada e non sabemos si todo o grupo poderá chegar a este campo, de non ser así haberá que coller máis peso para deixar abastecido o emprazamento. A primeira rampla, sobre o C1 é moi inclinada pero vaise subindo paseniño, parece que en principio hai forza. A paisaxe entre os campos 1 e 2 é espectacular, circúlase por un terreo cheo de seracs e fendas do glaciar, a visibilidade non é completa pero permite gozar da zona máis bonita da ascensión. Por este terreo progreso encordado con Gus e con Oc; o primeiro inconveniente serio chega cando Gus, cada vez máis lento, cuspe sangue varias veces seguidas. Momento de tensión e indecisión, terá que baixar o antes posible; o saír da zona dos seracs, decídese que baixará acompañado por Josep, que tampouco anda moi fino. Máis carga para o lombo. Despois deste treito entre xigantesco bloques de xeo e despois dunha pausa para repoñer forzas, segue unha forte pendente; ascendo tranquilo, mesmo algo emocionado, estou onde sempre quixen estar e podo ver o meu corpo dende fóra, son un viaxeiro. Chego o C2, canso, xusto de forzas e cústame bastante axudar a montar a tenda depósito. Por riba a montaña semella infinita, sen referencias de onde está o emprazamento do C3 e aínda menos do cumio. Consigo comer algo e para abaixo con ganas de vomitar, ó final sen problemas, en canto perdo altura o corpo mellora de xeito espectacular. Pequena pausa no C1 para deixar parte da roupa e continúo baixando ata a tenda azul do C1 baixo. O resto da baixada, correndo polo sendeiro, 1 h e estou no Campo Base despois dunha xornada esgotadora. Ceo ben e axiña para o saco. Paso boa noite pero soño cousas que non me axudan moito…
sábado, 12 de agosto de 2006
viernes, 11 de agosto de 2006
Muztagh Ata 2006: C.B. 4.445 m – C.1 alto. 5.550 m.
Ben, agora a cousa xa vai en serio. Levántome ás 7h15’ para ter toda a carga preparada para os porteadores ás 8h, non hai complicacións xa que onte quedou todo ben organizado. As primeiras ramplas sempre cravan un pouco pero éntrase rápido en calor e non hai maior dificultade. Sigo atopándome moi ben, non hai rastro dun mal de altura que aparecerá. Podo comer e beber durante toda a subida. A chegada o C1 resulta un pouco caótica, ademais non vexo o petate subido polos porteadores e noto que non podo axudar a montar a tenda depósito con tanta alegría como sería de agardar. Comida frugal pero con apetito a base de xamón e queixo traídos de España. Decídome a mandar mensaxes que non sei si terán resposta, nun punto do C1 baixo hai cobertura de móbil, Ubaldo e Carol que cumpriu anos onte (seguro que nunca tivo unha felicitación dende tan arriba), confío en que resultará tranquilizador, non me atrevo a chamar porque é hora de traballo nun mundo tan lonxe de todo esto que ata da medo. Hai outras realidades. Só queda unha pa de neve duns 100 m de desnivel e xa estarei no noso C1, xa na neve, baixo unha barreira de seracs e inmerso nunha paisaxe próxima á irrealidade. A chegada despois do esforzo realizado resulta satisfactoria aínda que levemente empezo a notar os efectos da altura; aproveitando unha plataforma xa medio feita instalo a primeira tenda de altura. Agora sei o que pasará, falta de apetito, cansazo e mal estar. Cunha boa organización, malia o pouco espazo, axiña conseguimos varios litros de auga para cociñar e para beber na xornada de mañá, comer algo agora sería difícil. Ven unha noite longa e dura, en definitiva inesquecible. Penso e existo, tamén escoito música.
jueves, 10 de agosto de 2006
Muztagh Ata 2006: C.B. 4.445 m.
Hoxe toca quedar no C.B traballando arreo para organizar todo o que levaremos ós campos de altura: comida, gas, tendas, cordas… e material persoal, deberán quedar perfectamente listos para a xornada de mañá. Non quero ser moi optimista pero agás pequenas molestias atópome perfectamente. Como sempre aquí, toca madrugar, ás 8 h xa estou na tenda comedor almorzando. A perspectiva dos preparativos nun principio asusta un pouco pero con calma as cousas veñen ó seu sitio; primeiro racións de altura e marcha, gas e material colectivo, logo o material persoal, á tarde as tendas e os fornelos. Arriba compartirei tenda con Gus e Oc, os dous mexicanos. A alimentación en altura consistirá no mesmo de sempre, ademais de embutido que trouxemos de España e que a bo seguro saberá a gloria. O contacto coa neve e o xeo e inminente e cáusame ansiedade pero en definitiva é o que viñemos buscando. Os vindeiros días serán decisivos para o desenvolvemento da expedición, hai dúbidas pero estamos animados e as risas son continuas o que facilita moito as cousas. Ceo pouco porque non me gustan os “nudels”.
miércoles, 9 de agosto de 2006
Muztagh Ata 2006: C.B. 4.445 m. – C.1. 5.450 m – C.B. 4.445 m.
Paso unha noite estupenda, sorpréndeme e non quero confiarme. Ás 7h40’ empezan os preparativos, o almorzo ás 8h. Cando aínda non son as 9h estou listo para saír cara arriba. Sinto as primeiras molestias no estómago, nada serio. A subida ó C1 é larga e hai que gañar uns 1000 m de altura, vou confiado pero moi a modo, sen carga e tratando de beber todo o posible. A subida difire pouco daquela pendente infernal do Aconcagua ata Niño de Cóndores, tal vez un pouco máis tendida; a vista dos glaciares e a proximidade da neve por arriba fano distinto e impresionante. Avanzo sen ningunha molestia e na parada para o aperitivo podo comer e beber sen problemas, incluso moito. Por momentos voume crecendo aínda que non quero confiarme. Un novo empuxón e xa estamos nas primeiras tendas do C1, outra vez nas alturas, atópome como se non fóra comigo, como, bebo e móvome sen molestias. A altura aquí semella menos severa que no Aconcagua. Baixo moi satisfeito, como nunha nube, pensando que con humildade pode saír ben. Ás 14h 30’ estou novamente no base sen correr na baixada e despois dunha parada no glaciar para coller auga; en canto chego bebo coma un tolo, hai que manter a disciplina. Despois do xantar e aproveitando que non vai moito frío tocará coidar algo do aseo persoal, nun pequeno porraco do regato que baixa do glaciar Kartamak, consigo lavarme enteiro cunha boa dose de vontade e gracias a almofía dun italiano moi amable. As cousas aquí vense de xeito ben distinto, vólveste completamente primario e canto antes o asumas máis doada resulta a vida; a modiño, como sempre, vou comprendendo onde estou.
martes, 8 de agosto de 2006
Muztagh Ata 2006: KARKUL LAKE 3.600 – C.B. 4.445 m.
Non foi unha mala noite, co día volven a cabeza os mesmos pensamentos negativos de sempre, pero trato de superalos. Preparativos. Pronto en coche ata o poboado de Subash, punto de partida cara ó campo base e principio da andaina. Fártome de facer fotos, o paraxe a 3.700 m é impresionante; por unha banda a Karakorum Highway, e pola outra unha enorme planicie verde pola que discorre o río Amu Daria, máis aló o deserto, con burros ananos, camelos… e auténticos kirguises nómades, sempre coa mole do Muztagh Ata ó fondo e pechando o val a pantasmagórica presencia do Kongur Shan. Comezo a camiñar con tranquilidade, sen ningunha présa aínda que o resto do grupo voa polo deserto, eu sei que teño que ir a modiño, imaxineino así e levareino a cabo. O terreo gaña altura suavemente sen apertar demasiado os corpos malia unha lixeira pesadez na cabeza; a aproximación o campo base lembra a andaina ata Praza de Mulas (C.B. do Aconcagua) aínda que con espacios máis grandiosos e abertos, menos pechado de montañas. Como sempre eu vou o meu, tratando de gozar e non mancar o organismo coa altura. Vexo as marmotas que habitan nestas montañas. Atópome ben e en tres horas e media chegamos ó campo base, pouco antes das 13h, con tempo xusto para a primeira comida. O C.B, está instalado nunha chaira entre as morenas dos glaciares Kamatolja e Kartamak, parece un sitio moi tranquilo cunhas infraestructuras moito máis modestas que noutros sitios. Despois dun xantar copioso toca montar as tendas individuais, compartirei con Pere unha tenda grande que non suscita problemas de espacio, ademais entendémonos ben dende o principio. O resto da tarde pasa entre a organización do material e unha merenda que se xunta coa cena, hai que almacenar para os días de privacións que seguro que virán. Estou ben, polo de agora ningún síntoma do mal de altura, déixao que xa aparecerá. Teño dúbidas, ó mesmo tempo nótome moi centrado no tema. Ás 21h no saco.
lunes, 7 de agosto de 2006
Muztagh Ata 2006:KARKUL LAKE – Pico 4.000 m - KARKUL LAKE.
Non está mal, virán tempos peores e agora seino. Pasou a primeira noite na iurta típica, ten o seu encanto. A cea nun restaurante chinés que cheira como sempre pero a comida está boa. O día de hoxe dedicarémolo a aclimatar aquí, aínda que nun principio o plan era subir o campo base directamente, con bo criterio pasaremos unha segunda noite a 3.600 m. Polo de agora non hai ningún problema coa aclimatación e para a miña sorpresa rematou a tose que me torturaba dende que saíra de Quiroga, si, é posible que fora producida polos nervios. Levantamos ás 7h30’, almorzo kirguís na iurta a base de té, pan e un doce parecido as orellas de entroido, non me atrevo coa leite de iac por precaución, non estivo mal. Para mellorar a aclimatación hoxe subiremos ata 4.000 m, o que nesta zona resulta doado, calquera dos outeiros ó carón do Lago Negro superan con amplitude esta cota. As vistas son abraiantes sobre a infinidade dos lagos e o macizo do Kongur que por momentos deixa ver o seu pico principal resultando arrepiante cos seus preto de 8.000 m. Pero a nosa vista detense unha e outra vez no Muztagh Ata, que aparece tímido entre a brétema por veces, novamente pon medo pensar no que ven. Moitas fotos e boa sensación. Temos que baixar de xeito precipitado porque nun intre a sarabia faise insoportable. O xantar de hoxe será nunha casa kirguís de adobe onde nos prepararon un arroz delicioso, ou é qué a fame empeza a ser determinante. Pola tarde descanso e aproveito para gozar do sitio no que me atopo, supoño que non haberá en todo o mundo un lugar con tanta beleza xunta como a que ofrecen as ribeiras do Karkul Lake. Pola noite probo por primeira vez os famosos “kebabs”, pinchos de carne de cabra á brasa; un manxar, todo para dentro. Despois, nun espectáculo musical en directo, cumpro o sono de escoitar a dous intérpretes de laude árabe, foi un momento bonito e cargado de emoción. Ás 22 h, estou metido no saco para pasar unha noite tensa, mañá toca subir o campo base e o sufrimento virá pouco a pouco, como ven sempre. Novamente atópome no lugar adecuado aínda que noto que as sensacións estanme a superar e agora leo no meu caderno cousas que me xean o sangue.
domingo, 6 de agosto de 2006
Muztagh Ata 2006: KASHGAR – KARKUL LAKE (3.600 m).
Levanto antes das oito para tratar de almorzar tranquilo. Non paso mala noite pero aínda teño sono. Como sempre, axiña chegan a cabeza un montón de cousas. O plan para hoxe é desprazarse de Kashgar a Karkul Lake, 3.600 m. Móvome satisfeito cara a montaña. De camiño parada para comer na aldea de Upal que amosa claramente cal é a realidade dunha zona miserable. En canto a Karakorum Highway gaña altura a paisaxe cambia de xeito radical e aparecen os primeiros glaciares pendurados de montañas de máis de 5.000 m. Dende o Karkul Lake xa se ven as grandes montañas desta rexión: O Kongur Shan (7.719 m.) e o Muztagh Ata (7.548 m). Realmente da medo pensar no que ven. As vindeiras dúas noites durmiremos nunha iurta kirguis; esto si que resulta como eu pensaba.
sábado, 5 de agosto de 2006
Muztagh Ata 2006: PEKÍN – URUMCHI – KASHGAR.
O espertador sona ás 5h 30’, foi un sono reparador pero que sabe a pouco. Almorzo apetitoso, aproveito para fartarme porque virán tempos peores. Ás 6h15’ empeza novamente o baile de avións. 10h54’ hora china, no avión Pekín – Urumchi, sinto o mesmo medo de sempre. 15h30’ dentro do avión Urumchi – Kashgar, cada vez máis presión polo esgotamento físico. Só penso en chegar e comunicarme. Chego a Kashi sen ningunha novidade agás moito cansazo aumentado pola presión de tantas horas nos avións. A cidade é totalmente árabe, aquí conviven uigures, kirghises e chinos (en minoría), nunha harmonía que fai deste lugar algo marabilloso. O solpor na praza da mezquita de Kashgar que é a máis grande de China, co muecín chamando á oración é arrepiante; estou só, tan lonxe de Quiroga como só cabe na imaxinación, nun intre que dura pouco síntome en paz comigo e co mundo. A primeira cea nesta terra é suculenta, esto xa é outra cousa… a fame e un pouco de adaptación, fan que goce da comida uigur. A partir de agora terei que concentrarme ou morrerei no intento, mañá empeza o que viñen buscar.
viernes, 4 de agosto de 2006
Muztagh Ata 2006: PEKÍN.
Pronto podemos comprobar o caótico que é Pekín, unha cidade enorme, desproporcionada e deslucida por un ceo brumoso procedente da contaminación ambiental. Do aeroporto ó hotel a primeira impresión é a dun lugar feo e con moitos chinos. Todo marcha segundo o previsto e estou tranquilo porque aínda non me podo comunicar con España, non son horas. Primeira ducha en territorio chinés e un rato para repasar as cousas e meditar, paso uns segundos de angustia aínda que xa sei que o teléfono funciona. Comeremos todos xuntos nun restaurante preto do hotel, só entrar baixa a alma ós pes, non podo soportar o cheiro e asumo que non poderei aguantar un mes sen xantar. Neste primeiro contacto coa comida chinesa, como puiden fun metendo algo. Despois deste xantar frugal hai cansazo e sono pero trátase de aproveitar a tarde nesta cidade visitando a Praza de Tianamen e a Cidade Prohibida, non son aínda moi consciente de onde estou pero fago un montón de fotos para lembrar cando todo pase. Neste lugar grandioso recibo novas de Quiroga e poderei aguantar ata a noite. A visita á Cidade Prohibida déixame un pouco desacougado, é inmensa e hai pouco tempo e moita xente. No solpor visitamos unha das rúas típicas do centro de Pekín; inmenso bazar con todo tipo de postos para xantar: ¡¡ese cheiro…xa non sairá do meu nariz en moito tempo!!. Para cear, pasta picante, no medio da rúa e con palillos. Esto está mellor, hai ambiente e parécese ó que eu tiña na cabeza. Nova comunicación con Quiroga e moi animado métome na cama despois de 34 h. sen durmir, con boas sensacións a pesar dos demos interiores. Estou canso e persiste unha tose moi fea que ameaza con arruinalo todo.
jueves, 3 de agosto de 2006
Muztagh Ata 2006: MADRID – PARÍS – PEKÍN.
Levántome máis tranquilo do previsto. Toca marchar e parece que por fin asumo que haberá que centrarse un pouco no que teño entre as mans. Solucionamos os problemas normais á hora de facturar e cando me dou conta xa estou novamente metido nun avión cara a París. Xa estamos todos os membros da expedición agás os tres cataláns que agardan dende onte en París; Fernado, Fer, Juanjo, Octavio, Gustavo e Jose, saímos de Madrid ás 10h30’ para coller o voo que nos levará a Pekín, o traxecto foi moi movido, como non melloren as cousas agárdame moito sufrimento nos avións. En París únense a nos Pere, Miquel e Josep. Cando son as 16h57’ estou metido novamente nun avión enorme rumbo á capital chinesa, igual é un sono. Son as 19h21’ e o avión semella saírse do mapa, escribo porque teño un intre de angustia terrible: tanto tempo para pensar non é bo. 21h30’ puiden durmir un cacho e marchou o mal estar que me producen certos pensamentos, agora o meu corpo voa por enriba de Siberia, estou chegando a Omsk, calquera diría, semella incrible. En resumen foi un voo fisicamente tranquilo que chega a Pekín ás 2 hora española e ás 8 hora local do xa día 4 de agosto. De súpeto atópome en China, en Asia, non tiña estado nunca aquí, estou canso e confundido.
miércoles, 2 de agosto de 2006
Muztagh Ata 2006: QUIROGA – MADRID.
A viaxe iniciase en Quiroga, como sempre, a eso das 10h30’. Despois de solucionar unha pequena avaría no coche que nos atrasou considerablemente, ás 16h estou no aeroporto de Barajas co meu petate, a miña ilusión e como sempre, ou tal vez máis, as miñas dúbidas tamén son moitas. Un pouco máis tarde a angustia consúmeme nun hotel preto do aeroporto agardando que cheguen outros dous membros da expedición que pola distancia da nosa residencia decidimos pasar esta noite en Madrid. Non pode ser, teño unha tose que non me gusta nada e paso mala noite, ademais molesto ós meus sufridos compañeiros de habitación.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)