Noite reparadora, durmiría moito máis pero hai que volver para arriba. Almorzo e preparo a carga do día, a mochila cada vez máis pesada; ónde irei con tanta cousa. Son as 11 h e novamente me vexo subindo a Nido; Semáforo, Piedras Conway, hoxe non vou a Campo Canadá, Cambio de Pendiente e C1, mellor que onte agás as costas que ameazan seriamente as miñas posibilidades. Con esta dor non haberá cima. Dispoño todo para pasar unha confortable noite a 5.450 m, as tarefas domésticas ocúpanme boa parte do que resta da xornada. Hoxe cearei unha sopa e pasta receita especial altura. Tres horas derretendo neve e cociñando, aínda agora lembro con claridade este cheiro e non teño unha sensación moi agradable. Entre as recompensas desta ascensión están os máxicos solpores que ofrece esta desolada paraxe: bonitas fotos.
miércoles, 12 de enero de 2005
martes, 11 de enero de 2005
Aconcagua 2005: Plaza de Mulas 4.300 m - Nido de Cóndores 5.450 - Plaza de Mulas.
O día prometía e non defrauda; aquí nunca defraudan. Ás 9 h estou en marcha, as primeiras ramplas son duras e vou a modiño parando a respirar cada poucos metros. Amósome ansioso, aínda que levo varios días na montaña é a primeira vez que camiño realmente cara ao Aconcagua. Despois do Semáforo, paso clave desta ruta, Piedras Conway (4.740 m.); noto que algo non vai ben, empezan as molestias estomacais. Outro esforzo, de Piedras Conway a Campo Canadá (5.050 m): pensaba comer aquí pero non podo atravesar bocado, peor, non podo nin beber. O único que consigo meter é unha pastilla para o estómago. Estou preocupado e dubido pero finalmente imponse a cabeza: respiro fondo e cunha cadencia disciplinada, metendo, polo tanto, moito aire. Avanzo con lentitude pero en pouco tempo noto unha agradable melloría, paso de estar completamente afundido a unha satisfactoria sensación de plenitude. Respirar axeitadamente é fundamental. Chego a Cambio de Pendiente (5.370 m), baixo o Gran Acarreo, por fin podo comer e beber sen problema. Miro o cumio, parece que está... incriblemente cerca. Trato de non acomodarme, queda unha hora para chegar a Nido e descargar esta mochila que me tortura. Travesía en suave ascensión e diante dos meus ollos o C1 de Nido de Cóndores (5.450 m). Xa non é moi cedo e aparecen unhas nubes que non me gustan nada. Non vou sobrado pero son capaz de montar a tenda e deixala ben asegurada para evitar que o vento previsto marche con todo. Sen tempo para especular, localizo Berlín (5.930 m) e a barreira rochosa que dá acceso a Plaza Cólera (6.000 m) onde instalarei o C2. Non parece moi lonxe pero haberá que subir bastante carga.Mochila valeira e todo costa abaixo (xa se sabe; cara a abaixo ata a m... corre), o que leva subir entre 7 e 8 horas, baixase en 1 h e 30'; chego o C.B rendido pero satisfeito. A satisfacción dura un minuto, acabo de recordar que mañá terei que volver a subir con máis carga e pensando en quedar alí a durmir...
lunes, 10 de enero de 2005
Aconcagua 2005: Plaza de Mulas - Cerro Bonete 5.004 m - Plaza de Mulas.
Día de feira en Quiroga. Outro chanzo na aclimatación será o Cerro Bonete de 5.004 m; a súa ascensión faise nunha xornada e non ten ningunha dificultade agás a propia da altura. Subo lentamente gozando da vista da cara oeste do Aconcagua en toda a súa magnitude, recoñecendo todos e cada un dos lugares polos que terei que pasar. Cando miro cara ao cumio penso que, tendo en conta a hora que é, haberá alguén alí arriba. Dende a cima do Bonete ¡¡¡miúda vista!!!, localizo os cerros Tupungato, Mercedario, del Plomo, etc, etc. Baixo como un foguete porque cada vez me encontro máis apampado. Arriba atópome cun noruegués vermello coma un camarón, ¿qué pintará aquí un noruegués?. De regreso ó C.B, un respiro e acabo de ordenar todo o que portearei mañá ao C.1 en Nido de Cóndores. Agora veñen tres días duros e decisivos para alcanza o obxectivo.
domingo, 9 de enero de 2005
Aconcagua 2005: Plaza de Mulas 4.300 m.
No meu plan (porque teño un plan) hoxe toca... descanso e preparativos sen esforzo. Tratarei de deixalo todo listo para empezar os porteos pasadomañá; alimentación, gas, e material de altura quedan “perfectamente” organizados, agora só hai que poñelo arriba. Non sei como se darán as cousas pero estou decidido a montar dous campos de altura, un en Nido de Cóndores 5.400 m e outro en Plaza Cólera 6.000 m.Pola tarde achégome ata o glaciar que baixa dos cerros Cuerno e Catedral a enredar nos penitentes de xeo e a mover algo o corpo para que non se acomode.O resto do día, que xa non é moito, fomento as relacións sociais; nun lugar como Plaza de Mulas resulta moi interesante. Todo está listo para empezar a subir, pero antes.
sábado, 8 de enero de 2005
Aconcagua 2005: Confluencia 3.300 m - C.B. Plaza de Mulas 4.300 m.
Ás 8 estou preparado para saír cara ao C.B de Plaza de Mulas, a noite foi reconfortante e non hai secuelas do mal estar estomacal do día anterior. A xornada preséntase dura e interesante: moitas horas camiñando e 1.000 m de desnivel para chegar a unha altura significativa na que haberá que instalarse confortablemente para pasar uns cantos días.Cruzo o río Horcones e ascendo pola súa quebrada ata o Bloque Solitario que inicia a Playa Ancha; superar este treito ata Piedra Ibañez require bastante calma, o desnivel é suave pero trátase dun deserto de pedra de moitos quilómetros só recompensado polas marabillosas vistas sobre os Cerros Tolosa, de los Dedos e Morro. Unha vez que entro en Playa Chica a cousa cambia, xa podo ver Plaza de Mulas baixo o impresionante Cerro Cuerno, testemuña impasible de toda a ascensión pola cara noroeste do Aconcagua. O continuo cruce coas mulas, no estreito sendeiro, fai divertida esta parte da aproximación. Teño un montón de fotos do espectáculo que ofrecen aquí estes sufridos animais e os non menos sufridos arrieiros.Sen tempo para reaccionar estou baixo a Cuesta Brava, de fronte o Cerro Cuerno (5.400 m) e á dereita a cara oeste do Aconcagua, cando a vexo por primeira vez resúltame tan familiar que non me sorprende moito; esta paisaxe levaba moito tempo na miña cabeza.Plaza de Mulas non pode describirse en poucas liñas, é un lugar curioso con xente moi curiosa e non da a sensación de estar a 4.300 m. Chego, observo e me concedo uns minutos de emoción, o xusto, hai moito que facer e hai que facelo moi a modo.En principio síntome ben pero despois de montar a tenda e reforzala con pedras é como si me pasara unha apisoadora por riba. Respiro fondo e con calma, bebo e trato de non abandonarme; en poucos minutos estou recuperado. Por hoxe é suficiente.
viernes, 7 de enero de 2005
Aconcagua 2005: Confluencia 3.300 m Plaza Francia - C.B. da Parede Sur (4.000 m) - Confluencia.
Atópome moi tranquilo, marchou a ansiedade, isto permite unha noite reparadora sen sobresaltos. O día de hoxe é o primeiro do meu plan de aclimatación; ascenderei ata a base da parede sur e permanecerei alí ata media tarde se o tempo non empeora, logo volverei durmir a Confluencia.Todo foi segundo o previsto, estar baixo esta parede déixame abraiado; había xente agardando a súa oportunidade para subir por algunha das súas vías surrealistas... Camiño paseniño, bebendo cada pouco e tirando fotografías sen parar. Despois de xantar moito e moi a présa teño que botar fora todo o que metín, primeira advertencia. O tempo, como todas as tardes, empeora rápido e imponse baixar lixeiro ata Confluencia un pouco antes do que pensaba.
jueves, 6 de enero de 2005
Penitentes (2.600 m) - Confluencia (3.300).
Día dos reis magos. Sei que virán noites peores pero estou moi animado. Antes de entrar no parque dúas cousas reclaman a miña atención: o Cemiterio de Andinistas e Puente del Inca (2.700 m), lugar moi curioso no medio da nada cun balneario de augas termais abandonado.A partir de aquí deixo a civilización por uns días, non está mal. Pouco despois de Puente del Inca contemplo por primeira vez o Aconcagua: teño a Cara Sur diante dos meus ollos, penso: eu estou aquí e a montaña está aí, un pouco máis arriba, agora so hai que ter algo de sorte co tempo e atoparse ben (eu aínda non podía imaxinar todo o que quedaba para chantar os meus pés tan arriba).Na entrada ao parque os gardaparques entregan a cada visitante unha bolsa numerada para as deposicións en altura; é obrigatorio entregar “algo” cando saes baixo ameaza dunha multa de 100 $, menos mal que é doado facer trampa.Os trámites aquí son rápidos e poucos minutos despois gozo dos primeiros pasos dun camiño que agardaba dende hai tempo coa Cara Sur como testemuña. Estou un pouco emocionado.Pronto deixo atrás a Laguna de Horcones e teño o primeiro contacto coas mulas e os arrieiros, o medio de transporte do noso equipo e material ata o C.B en Plaza de Mulas (4.400 m) constitúe un dos espectáculos desta aproximación. As mulas non van de ramal ou ó paso, lévanas soltas a todo o que dan e cargadas con 60 kg como máximo. Os arrieiros son xente ruda e auténtica, respectuosos cos seus clientes-intrusos e cos seus animais que gozan dunha presencia inmellorable.A media tarde chego ao meu destino, campamento de Confluencia (3.300 m) pequena cidade de lona no medio dunha paraxe lunar; semella que algún artista tolo tivera coloreado as montañas: vermello, verde, azul, gris, negro... debuxan unha paisaxe próxima á irrealidade.Estou no lugar adecuado.
miércoles, 5 de enero de 2005
Aconcagua 2005: Mendoza-Penitentes (2.600 m).
Paso unha noite de soños inquedos pola tensión acumulada e o tremendo calor que vai neste país. Levántome tranquilo, pensando que hoxe darei un novo paso cara a arriba. Ás 12 h. sae o autobús que me levará a Penitentes antes deberei tramitar o permiso de estancia no Parque Provincial do Aconcagua: hai que realizalo en persoa e pasar antes polo banco a facer efectivos os 300 $ estipulados como prezo. Cada andinista recibe de xeito individual unha serie de indicacións precisas de cómo comportarse durante a súa estancia na montaña.Tres horas en autobús pola estrada que conduce ao paso de Uspallata, na fronteira con Chile, e chego á peculiar “estación de esquí” de Penitentes; aquí pasarei a miña primeira noite nos Andes nun refuxio da Federación Eslovena de Montaña (si, si, Eslovena). Dende este punto xa poden verse algunha montañas moi grandes como o Cerro Tolosa (5.300 m) e todo xira en torno á proximidade do Aconcagua, a entrada ao parque está a uns 10 km deste punto.Preparo a miña carga para as mulas e pronto a durmir.
martes, 4 de enero de 2005
Aconcagua 2005: Quiroga-Bos Aires-Córdoba-Mendoza.
Mendoza, hemisferio sur, pasou un día de tolos para alguén que considera que os avións voan de milagre. Chego rendido despois de escalas en Bos Aires e Córdoba; agora tocan unhas horas de descanso para repoñer forzas, cambiar de moeda e realizar as últimas compras. Mendoza é unha cidade bonita e con moito ambiente no solpor, hai que ter en conta que aquí están no verán; vaia contraste: saín de Quiroga cunha nevarada tremenda e en 24 horas o meu corpo está a 35º C e subindo.
lunes, 3 de enero de 2005
Quiroga-Bos Aires-Córdoba-Mendoza.
Cando quero darme conta estou metido dentro dun avión enorme que cruza o Atlántico rumbo á Arxentina, xa non hai volta atrás. Non sei cando tiven a idea de intentar subir ó Aconcagua, supoño que en calquera cova, barranco, parede ou pico de calquera sitio. Nembargantes, recordo perfectamente que o primeiro paso desta montaña foi na primavera do ano 2004 despois de non sei cantos aprazamentos involuntarios; con calma, normalmente, todo chega. A partir deste momento sete meses de preparativos e moita ansiedade, podo dicir que ata que conseguín pechar o meu petate con algún quilo de máis a cousa non estivo clara.Nesta ocasión, na viaxe máis longa e con máis incógnitas ía estar só; na miña cabeza cando marcho de casa hai dúas ideas claras: -non sei como se desenvolverán as cousas (esta non é unha idea moi clara, pero está claro que é así), e por fin, libre, contento e no punto preciso para intentar esta ascensión.
sábado, 20 de marzo de 2004
VAL DAS FERVENZAS. A BAÑA. MACIZO DE TREVINCA.
Incredulidade: ¡O macizo de Trevinca practicamente está pelado cando o pasado luns estaba ateigado de neve!.
Sorpresa: ¡As fervenzas de xeo do val que se abre entre o Picón e o Acillino están formadas e destacan inestables na penumbra deste impresionante circo!.
Aínda que dende o ano 1.990 temos noticias da apertura de varios itinerarios no VAL DAS FERVENZAS por membros de MONTAÑEIROS CELTAS (Desnivel nº67. Páx 91-93), nunca tivéramos oportunidade de velas nestas condicións e moito menos de gozar escalando nelas.
O pasado domingo 7 de marzo foi o día. Quen nos ía dicir que despois da decepción da repentina retirada da neve poderíamos gozar dunha bonita xornada de escalada en xeo. A aproximación dende o coche levounos 1h e 15' despois de sufrir polas infernais pistas das canteiras de lousa que ameazan seriamente o macizo de Trevinca e a nosa estabilidade emocional. Unha vez no val do regato do Cuadro o panorama cambia e xa non hai rastro da actividade mineira, agás algunhas pistas que non van a ningures, e sempre diante dos nosos ollos a impresionante parede onde están penduradas en máis que dubidosa estabilidade as cascadas de xeo.
Unha vez valoradas as condicións; hai xeo pero nalgunhas partes semella insuficiente e corre a auga, decidimos intentar o percorrido de maior lonxitude do circo pero que parece máis fácil de protexer por discorrer encaixado na rocha a esquerda da denominada XELO'S FIESTRA.
A selección foi a estilizada fervenza PÍDENOS PERMISO, III-4, 105 m (segundo www.infohielo.com e Desnivel nº69, páx.85) cun percorrido disposto en chanzos nos que alternan varios treitos de entre 85-90º con outros máis suaves e pasaxes en rocha de entre III e IV+ para evitar zonas de xeo pouco espeso e polo tanto demasiado perigoso para progresar e colocar seguros.
O tempo empregado foi de 3 horas (cordada de dous) para unha escalada que en varias seccións delicadas precisou de moita paciencia e delicadeza pola mala calidade do xeo, en contraste con zonas onde gozamos dun medio de excelente calidade.
En canto ó material, as nosas actividades sempre tenden a ser “lixeiras”, levamos ademais do material persoal; -2. ½ cordas de 40 m. 4 friends números pequenos, -1 xogo de fisureiros, -7 cravos variados (3 v grandes, 3 v pequenos, 1 universal pequeno), -3 parafusos de xeo, -4 mosquetóns con seguro, -Aneis de cordino e cinta, 7 cintas exprés (4 cortas e 3 largas),e -1 maza.
Na parte superior do circo tivemos a oportunidade de contemplar outro marabilloso regalo da natureza en forma de fervenza de xeo: DIVINE, II-3, 30 m, en todo o seu esplendor, cunha aparencia de maior consistencia que as que arrancan no fondo da parede. Agardamos que o inverno tan raro que nos tocou este ano conceda cando menos outra oportunidade de volver ó xeo neste marco tan atípico como incomparable.
O retorno levounos 1h 30' despois de ascender ata a crista do Acillino para salvar o chanzo rochoso que pecha o circo pola dereita e poder gañar o val do regato do Cuadro por unha empinada ladeira. Novamente as pistas con pouco sentido e o coche na proximidade dunha monstruosa canteira.
Nesta ocasión regresamos a casa sorprendidos e moi, moi satisfeitos.
Ubaldo e Ramón Vila
Suscribirse a:
Entradas (Atom)