Presentábanse dúa obras: O Val de Quiroga e Galiza na saudade e no corazón e De Galiza ao Galeuzca
Coido que estiven alí porque son un dos quirogueses máis fachendosos do noso que se podan atopar. Dito doutro xeito o Pepucho do Coles invitou ao Moncho do carniceiro e este sentiuse encantado.
Non hai máis que pescudar na súa obra e nos periódicos os presentadores que tivo para as súas intervencións para que aumente a fachenda.
Houbo un tempo en que nesta vila, neste val e nestas montañas fomos fulanito ou fulanita de menganito ou menganita... alí estábamos Pepucho do Coles, Juana a do Seno, Pili a do reloxeiro, Blanquita da Farmacia, Urbanito do Urbano, Luis da Mucha do Ferreiro, Nati e Auri da Marujita de Sampaio, Iolanda do Xeadas, Paco do Currusco e así ata máis de medio cento... que descobrimos, entre outras cousas, e sen poder ver por mor da situación que vivimos a expresión das nosas facianas, a un Xosé Estévez poeta moi competente. Nacionalista histórico, historiador, escritor, quirogués senlleiro e... vasme a discuplar por telo descuberto tan tarde, enorme poeta.
Grazas por ofrecernos este legado, que non será o último que descubriremos.
Todo cambia, e cambia rápido, mais a esencia é inmutable.