...canso e satisfeito porque tiña un plan que desenvolvín durante varios anos sen dubidar ata acadar o meu obxectivo. ¿Será suficiente?. Nunca é suficiente. Pouco antes de marchar, alguén moi próximo, díxome: “...xa me contarás que che deixa unha experiencia deste tipo...”: hai anos que busco algo puro e cargado de inxenuidade como o vivido en outras situacións (Caballos - Valle, por exemplo); agora empezo a descubrir que non é posible. Hai cousas máis duras e intensas pero determinadas sensacións semellan irrecuperables.O Aconcagua ensinoume a camiñar e a pensar de vagar, a modiño, sen présa...
PÁXINAS AMIGAS
▼
lunes, 24 de enero de 2005
martes, 18 de enero de 2005
Aconcagua 2005: Plaza Cólera (C2) - Plaza de Mulas (C.B).
Enfróntome ao momento máis delicado do día atemorizado; toca desmontalo todo e baixar canto antes. Vai un tempo infernal e semella empeorar por momentos. Non vale desesperarse, manter a calma é imprescindible. Recollo todo con moito esforzo e sen parar a respirar nin un minuto. Cando escribo estas palabras aínda me pregunto de onde saquei as forzas naquela situación. Cargado como unha mula diríxome cara ao delicado paso polo que se accede a Plaza Cólera, as condicións son precarias pero hai que perder altura canto antes. Xa hai pegada aberta na neve e como unha pantasma no medio da cifra chego a Nido de Cóndores que amosa un aspecto completamente desolado. Recupero as cousas do depósito e continúo baixando; abandono a montaña con moito sufrimento. Como nunha visión espectral xurde entre a brétema o Cerro Cuerno, non parece deste mundo. Outra vez bonitas fotos.Presentindo o límite vexo a morea de tendas de Plaza de Mulas, estou na casa. Aquí empeza a vida, síntome satisfeito. Levo dous días sen comer e practicamente sen beber, o meu nariz ten un aspecto horroroso; o médico di que está un “pouco” conxelado. A verdade é que a miña cara é un poema, dáme igual, son feliz.
lunes, 17 de enero de 2005
Aconcagua 2005: Plaza Cólera - cima do Aconcagua 6.962 m - Plaza Cólera.
Estou tranquilo dentro da miña tenda a 6.000 m de altura, mesmo consigo durmir un cacho, inquedo pero descansando que é o importante. Non preciso saír para saber que a noite está espectacular, a noticia corre polo campamento como un regueiro de pólvora. ¡¡Ben!!, agora hai que fiar fino e o soño do Aconcagua converterase en realidade. Os preparativos son lentos, malia estar no saco medio vestido invisto un bo rato en equiparme. Fóra vai un frío de morte, segundo o meu termómetro -26ºC e facilmente baixará algo máis, son as 4 h e 30'. En Quiroga a xente xa estará no traballo, no outro lado do mundo eu inicio a xornada máis dura e decisiva desta teima; os primeiros pasos custan pero as sensacións son boas. Sorprendentemente pouco despois o meu estado cambia de xeito repentino, teño unha espectacular dor de estómago: ¡¡agora non!!. Estou desesperado e triste, terei que dar volta. Alborexa e as vistas son espectaculares, sentado na pendente vexo como a miña aventura no Aconcagua está a piques de rematar. Quito as gafas e as primeiras luces do día amósanme o camiño: non darei volta sen sufrir, lémbrome de moitas historias que oín contar. Ben feito, un pouco máis arriba estou mellor, xa é día grande e o tempo segue inmellorable. ¿Pasou o peor?. Chego ao refuxio abandonado de Independencia (6.370 m.), trato de analizar como están as cousas: o estómago mellor, as costas ben, o tempo non cambia e aínda é cedo. Hai que seguir, Portezuelo de los Vientos, Gran Acarreo e por fin la Cueva (6.660 m). Fai dúas horas que conto os meus pasos; primeiro 40 e na entrada a Canaleta, 5. O corpo non vai, preciso un descanso. Estou contento, aquí xa non podo volver; seino, queda a temida Canaleta pero entregarei o resto. Un paso, outro paso, hai xente ausente que sube comigo os últimos metros... estou... estou... na Cresta del Guanaco, un metros máis e vexo a cruz de alumino que indica que estás no cumio do Aconcagua 6.962 m. Son as 13 h 30' hora local, as 17h 30' hora de Quiroga. Rematou a subida. ¿Canto custou...?. Parabéns, fotos e asinar no libro de piadas. Levo 20 minutos no punto culminante de América. O anunciado empeoramento do tempo faise patente, non vai aire pero as nubes e a néboa apodéranse de todo, mágoa de vistas. ¡¡Baixar!!. ¡¡Teño que baixar!!. Os delicados pasos da Canaleta custan o dobre que na subida por culpa do cansazo, hai que esforzarse a tope. Despois de esvarar varias veces, felizmente sen consecuencias, chego de regreso á Cueva. Neva copiosamente, o resto da baixada ata Cólera (C2) está clara pero endurecida por unhas condicións meteorolóxicas bastante difíciles. A previsión non podía ser máis precisa, de contado o vento fará insoportable a estancia nesta parte da montaña e imponse chegar á tenda do C2 canto antes. Son as 20 h, estou dentro da carpa vermella medio sepultada pola neve. Quito a roupa exterior e métome no saco, estou esnaquizado: sei que teño que beber e comer pero non podo. Pecho os ollos e paso unha noite inesquecible.
domingo, 16 de enero de 2005
Aconcagua 2005: Nido de Cóndores (C1) - Plaza Cólera (C2).
A noite a esta altura pásase como se pode. A tenda, por dentro, aparece tapizada por unha capa de xeo que o fai todo moi incómodo. Aínda por riba hai que empaquetar todo e seguir subindo con máis peso, malia a que decido deixar algunhas cousas nun depósito. ¿Todo negativo?. Non: o camiño a Plaza Cólera (C2) é empinado pero corto e podo ir paseniño. Demasiado pronto empezo a pensar no descanso que chega baixo un abeiro rochoso, outro tirón, máis repouso e as miñas costas que piden clemencia; non podo quedarme aquí toda a mañá. Novo esforzo e chego a Berlín, sempre hai ambiente, moita xente instala neste punto a 5.970 m o C2. Témolle un pouco á trepada que dá acceso a Colera coa mochila tan cargada, paso con moito coidado e sen novidade.Aínda que me erguera fatal melloro durante toda a mañá e chego ben, incluso para montar a tenda con total disposición e moi reforzada, veñen horas incertas. Cea máis que frugal e ansiedade a tope. Empezarei os preparativos ás 3 h 30' para saír sobre as 4 h30'. Vai moito frío pero pouco aire.
sábado, 15 de enero de 2005
Aconcagua 2005: Plaza de Mulas - Nido de Cóndores (C1).
Chegou o día, o día de emprender por última vez o duro camiño cara a Nido de Cóndores. A aclimatación parece boa e o tempo estable (anuncian con bastante insistencia un empeoramento radical para a tarde do día 17), preocúpame unha vez máis o peso da mochila pero terá que ir. Como e bebo en cada parada e a dor de costas martirízame xa dende a mañá pero non lle fago máis caso do preciso. Fotos, cambio de impresións con xente que vén de arriba e deixar voar a imaxinación que para iso estou aquí. A media tarde chego á tenda do C1; non teño molestias e non hai desfeita. Agora a fundir neve e a preparar unha deliciosa cea: sopa con tropezóns e riquísimo arroz (foi como comer grava). O solpor é frío pero non quero perder o espectáculo... aguanto fóra pouco tempo, o suficiente para celebrar que estou aquí.
viernes, 14 de enero de 2005
Aconcagua 2005: Plaza de Mulas, xornada de descanso.
Anuncian un empeoramento do tempo... con todo colocado era o único que me faltaba despois de tanto esforzo. Renego durante un bo rato e consulto máis fontes; quero oír outra cousa, pero de momento as previsións non son boas para os vindeiros días, á noite seguro que poderán precisar máis. Analizo a situación e penso: “unha eventualidade así” non vai estragar a miña xornada de folganza. Miro moitas caras longas pero eu estou tranquilo, segundo encaixo eu estas cousas sorpréndome do meu talante positivo.Antes do xantar visito a un dos médicos do C.B: recoñecemento minucioso e interrogatorio rigoroso, parece que todo está en orde.Seguimos preocupados por un empeoramento do tempo que non chega, hoxe tamén estivo día de cumio. A xente pensa que mañá haberá que subir ao C1 prescindindo do tempo que faga na parte superior da montaña. Pola noite, sorpresa; a previsión máis precisa anuncia dous días e medio de tempo estable, moito frío e vento moderado en altura... que máis se pode pedir. Todo está listo para o intento á cima. Penso cómo será se consigo chegar arriba pero tamén trato de ter claro que as cousas poden saír mal e a retirada pode ser difícil.
jueves, 13 de enero de 2005
Aconcagua 2005: Nido de Cóndores - Plaza Cólera 6.000 m - Plaza de Mulas.
Non paso mala noite pero ao levantarme, cousa frecuente, o meu estado empeora; teño que facer un gran esforzo para almorzar sinxelamente uns grolos de té. Preparo todo e inicio a marcha cara a arriba. Realizarei un porteo con comida e gas ata Plaza Cólera e deixareino nun depósito, esta subida tamén me servirá para completar a aclimatación gañando altura e descendendo rápido, ao mesmo tempo que recoñezo o terreo. O tempo e bo e podo gozar dunha subida corta pero intensa. O cumio dende Cólera semella estar aí... aí está, pero queda a unha xornada dura, moi dura, que non será polo de agora.Co depósito feito e a perspectiva dunha xornada de descanso baixo tan rápido como podo, mesmo, nalgúns treitos doados, correndo. Noto como os pulmóns se enchen de aire respirable, quen me ía dicir que a 4.300 m podería vivir tan ben. Teño un día para recuperar o mellor que poda un corpo cada vez máis desgastado. Esta recuperación empeza con dúas latas de coca-cola, vicio puro.
miércoles, 12 de enero de 2005
Aconcagua 2005: Plaza de Mulas - Nido de Cóndores.
Noite reparadora, durmiría moito máis pero hai que volver para arriba. Almorzo e preparo a carga do día, a mochila cada vez máis pesada; ónde irei con tanta cousa. Son as 11 h e novamente me vexo subindo a Nido; Semáforo, Piedras Conway, hoxe non vou a Campo Canadá, Cambio de Pendiente e C1, mellor que onte agás as costas que ameazan seriamente as miñas posibilidades. Con esta dor non haberá cima. Dispoño todo para pasar unha confortable noite a 5.450 m, as tarefas domésticas ocúpanme boa parte do que resta da xornada. Hoxe cearei unha sopa e pasta receita especial altura. Tres horas derretendo neve e cociñando, aínda agora lembro con claridade este cheiro e non teño unha sensación moi agradable. Entre as recompensas desta ascensión están os máxicos solpores que ofrece esta desolada paraxe: bonitas fotos.
martes, 11 de enero de 2005
Aconcagua 2005: Plaza de Mulas 4.300 m - Nido de Cóndores 5.450 - Plaza de Mulas.
O día prometía e non defrauda; aquí nunca defraudan. Ás 9 h estou en marcha, as primeiras ramplas son duras e vou a modiño parando a respirar cada poucos metros. Amósome ansioso, aínda que levo varios días na montaña é a primeira vez que camiño realmente cara ao Aconcagua. Despois do Semáforo, paso clave desta ruta, Piedras Conway (4.740 m.); noto que algo non vai ben, empezan as molestias estomacais. Outro esforzo, de Piedras Conway a Campo Canadá (5.050 m): pensaba comer aquí pero non podo atravesar bocado, peor, non podo nin beber. O único que consigo meter é unha pastilla para o estómago. Estou preocupado e dubido pero finalmente imponse a cabeza: respiro fondo e cunha cadencia disciplinada, metendo, polo tanto, moito aire. Avanzo con lentitude pero en pouco tempo noto unha agradable melloría, paso de estar completamente afundido a unha satisfactoria sensación de plenitude. Respirar axeitadamente é fundamental. Chego a Cambio de Pendiente (5.370 m), baixo o Gran Acarreo, por fin podo comer e beber sen problema. Miro o cumio, parece que está... incriblemente cerca. Trato de non acomodarme, queda unha hora para chegar a Nido e descargar esta mochila que me tortura. Travesía en suave ascensión e diante dos meus ollos o C1 de Nido de Cóndores (5.450 m). Xa non é moi cedo e aparecen unhas nubes que non me gustan nada. Non vou sobrado pero son capaz de montar a tenda e deixala ben asegurada para evitar que o vento previsto marche con todo. Sen tempo para especular, localizo Berlín (5.930 m) e a barreira rochosa que dá acceso a Plaza Cólera (6.000 m) onde instalarei o C2. Non parece moi lonxe pero haberá que subir bastante carga.Mochila valeira e todo costa abaixo (xa se sabe; cara a abaixo ata a m... corre), o que leva subir entre 7 e 8 horas, baixase en 1 h e 30'; chego o C.B rendido pero satisfeito. A satisfacción dura un minuto, acabo de recordar que mañá terei que volver a subir con máis carga e pensando en quedar alí a durmir...
lunes, 10 de enero de 2005
Aconcagua 2005: Plaza de Mulas - Cerro Bonete 5.004 m - Plaza de Mulas.
Día de feira en Quiroga. Outro chanzo na aclimatación será o Cerro Bonete de 5.004 m; a súa ascensión faise nunha xornada e non ten ningunha dificultade agás a propia da altura. Subo lentamente gozando da vista da cara oeste do Aconcagua en toda a súa magnitude, recoñecendo todos e cada un dos lugares polos que terei que pasar. Cando miro cara ao cumio penso que, tendo en conta a hora que é, haberá alguén alí arriba. Dende a cima do Bonete ¡¡¡miúda vista!!!, localizo os cerros Tupungato, Mercedario, del Plomo, etc, etc. Baixo como un foguete porque cada vez me encontro máis apampado. Arriba atópome cun noruegués vermello coma un camarón, ¿qué pintará aquí un noruegués?. De regreso ó C.B, un respiro e acabo de ordenar todo o que portearei mañá ao C.1 en Nido de Cóndores. Agora veñen tres días duros e decisivos para alcanza o obxectivo.
domingo, 9 de enero de 2005
Aconcagua 2005: Plaza de Mulas 4.300 m.
No meu plan (porque teño un plan) hoxe toca... descanso e preparativos sen esforzo. Tratarei de deixalo todo listo para empezar os porteos pasadomañá; alimentación, gas, e material de altura quedan “perfectamente” organizados, agora só hai que poñelo arriba. Non sei como se darán as cousas pero estou decidido a montar dous campos de altura, un en Nido de Cóndores 5.400 m e outro en Plaza Cólera 6.000 m.Pola tarde achégome ata o glaciar que baixa dos cerros Cuerno e Catedral a enredar nos penitentes de xeo e a mover algo o corpo para que non se acomode.O resto do día, que xa non é moito, fomento as relacións sociais; nun lugar como Plaza de Mulas resulta moi interesante. Todo está listo para empezar a subir, pero antes.
sábado, 8 de enero de 2005
Aconcagua 2005: Confluencia 3.300 m - C.B. Plaza de Mulas 4.300 m.
Ás 8 estou preparado para saír cara ao C.B de Plaza de Mulas, a noite foi reconfortante e non hai secuelas do mal estar estomacal do día anterior. A xornada preséntase dura e interesante: moitas horas camiñando e 1.000 m de desnivel para chegar a unha altura significativa na que haberá que instalarse confortablemente para pasar uns cantos días.Cruzo o río Horcones e ascendo pola súa quebrada ata o Bloque Solitario que inicia a Playa Ancha; superar este treito ata Piedra Ibañez require bastante calma, o desnivel é suave pero trátase dun deserto de pedra de moitos quilómetros só recompensado polas marabillosas vistas sobre os Cerros Tolosa, de los Dedos e Morro. Unha vez que entro en Playa Chica a cousa cambia, xa podo ver Plaza de Mulas baixo o impresionante Cerro Cuerno, testemuña impasible de toda a ascensión pola cara noroeste do Aconcagua. O continuo cruce coas mulas, no estreito sendeiro, fai divertida esta parte da aproximación. Teño un montón de fotos do espectáculo que ofrecen aquí estes sufridos animais e os non menos sufridos arrieiros.Sen tempo para reaccionar estou baixo a Cuesta Brava, de fronte o Cerro Cuerno (5.400 m) e á dereita a cara oeste do Aconcagua, cando a vexo por primeira vez resúltame tan familiar que non me sorprende moito; esta paisaxe levaba moito tempo na miña cabeza.Plaza de Mulas non pode describirse en poucas liñas, é un lugar curioso con xente moi curiosa e non da a sensación de estar a 4.300 m. Chego, observo e me concedo uns minutos de emoción, o xusto, hai moito que facer e hai que facelo moi a modo.En principio síntome ben pero despois de montar a tenda e reforzala con pedras é como si me pasara unha apisoadora por riba. Respiro fondo e con calma, bebo e trato de non abandonarme; en poucos minutos estou recuperado. Por hoxe é suficiente.
viernes, 7 de enero de 2005
Aconcagua 2005: Confluencia 3.300 m Plaza Francia - C.B. da Parede Sur (4.000 m) - Confluencia.
Atópome moi tranquilo, marchou a ansiedade, isto permite unha noite reparadora sen sobresaltos. O día de hoxe é o primeiro do meu plan de aclimatación; ascenderei ata a base da parede sur e permanecerei alí ata media tarde se o tempo non empeora, logo volverei durmir a Confluencia.Todo foi segundo o previsto, estar baixo esta parede déixame abraiado; había xente agardando a súa oportunidade para subir por algunha das súas vías surrealistas... Camiño paseniño, bebendo cada pouco e tirando fotografías sen parar. Despois de xantar moito e moi a présa teño que botar fora todo o que metín, primeira advertencia. O tempo, como todas as tardes, empeora rápido e imponse baixar lixeiro ata Confluencia un pouco antes do que pensaba.
jueves, 6 de enero de 2005
Penitentes (2.600 m) - Confluencia (3.300).
Día dos reis magos. Sei que virán noites peores pero estou moi animado. Antes de entrar no parque dúas cousas reclaman a miña atención: o Cemiterio de Andinistas e Puente del Inca (2.700 m), lugar moi curioso no medio da nada cun balneario de augas termais abandonado.A partir de aquí deixo a civilización por uns días, non está mal. Pouco despois de Puente del Inca contemplo por primeira vez o Aconcagua: teño a Cara Sur diante dos meus ollos, penso: eu estou aquí e a montaña está aí, un pouco máis arriba, agora so hai que ter algo de sorte co tempo e atoparse ben (eu aínda non podía imaxinar todo o que quedaba para chantar os meus pés tan arriba).Na entrada ao parque os gardaparques entregan a cada visitante unha bolsa numerada para as deposicións en altura; é obrigatorio entregar “algo” cando saes baixo ameaza dunha multa de 100 $, menos mal que é doado facer trampa.Os trámites aquí son rápidos e poucos minutos despois gozo dos primeiros pasos dun camiño que agardaba dende hai tempo coa Cara Sur como testemuña. Estou un pouco emocionado.Pronto deixo atrás a Laguna de Horcones e teño o primeiro contacto coas mulas e os arrieiros, o medio de transporte do noso equipo e material ata o C.B en Plaza de Mulas (4.400 m) constitúe un dos espectáculos desta aproximación. As mulas non van de ramal ou ó paso, lévanas soltas a todo o que dan e cargadas con 60 kg como máximo. Os arrieiros son xente ruda e auténtica, respectuosos cos seus clientes-intrusos e cos seus animais que gozan dunha presencia inmellorable.A media tarde chego ao meu destino, campamento de Confluencia (3.300 m) pequena cidade de lona no medio dunha paraxe lunar; semella que algún artista tolo tivera coloreado as montañas: vermello, verde, azul, gris, negro... debuxan unha paisaxe próxima á irrealidade.Estou no lugar adecuado.
miércoles, 5 de enero de 2005
Aconcagua 2005: Mendoza-Penitentes (2.600 m).
Paso unha noite de soños inquedos pola tensión acumulada e o tremendo calor que vai neste país. Levántome tranquilo, pensando que hoxe darei un novo paso cara a arriba. Ás 12 h. sae o autobús que me levará a Penitentes antes deberei tramitar o permiso de estancia no Parque Provincial do Aconcagua: hai que realizalo en persoa e pasar antes polo banco a facer efectivos os 300 $ estipulados como prezo. Cada andinista recibe de xeito individual unha serie de indicacións precisas de cómo comportarse durante a súa estancia na montaña.Tres horas en autobús pola estrada que conduce ao paso de Uspallata, na fronteira con Chile, e chego á peculiar “estación de esquí” de Penitentes; aquí pasarei a miña primeira noite nos Andes nun refuxio da Federación Eslovena de Montaña (si, si, Eslovena). Dende este punto xa poden verse algunha montañas moi grandes como o Cerro Tolosa (5.300 m) e todo xira en torno á proximidade do Aconcagua, a entrada ao parque está a uns 10 km deste punto.Preparo a miña carga para as mulas e pronto a durmir.
martes, 4 de enero de 2005
Aconcagua 2005: Quiroga-Bos Aires-Córdoba-Mendoza.
Mendoza, hemisferio sur, pasou un día de tolos para alguén que considera que os avións voan de milagre. Chego rendido despois de escalas en Bos Aires e Córdoba; agora tocan unhas horas de descanso para repoñer forzas, cambiar de moeda e realizar as últimas compras. Mendoza é unha cidade bonita e con moito ambiente no solpor, hai que ter en conta que aquí están no verán; vaia contraste: saín de Quiroga cunha nevarada tremenda e en 24 horas o meu corpo está a 35º C e subindo.
lunes, 3 de enero de 2005
Quiroga-Bos Aires-Córdoba-Mendoza.
Cando quero darme conta estou metido dentro dun avión enorme que cruza o Atlántico rumbo á Arxentina, xa non hai volta atrás. Non sei cando tiven a idea de intentar subir ó Aconcagua, supoño que en calquera cova, barranco, parede ou pico de calquera sitio. Nembargantes, recordo perfectamente que o primeiro paso desta montaña foi na primavera do ano 2004 despois de non sei cantos aprazamentos involuntarios; con calma, normalmente, todo chega. A partir deste momento sete meses de preparativos e moita ansiedade, podo dicir que ata que conseguín pechar o meu petate con algún quilo de máis a cousa non estivo clara.Nesta ocasión, na viaxe máis longa e con máis incógnitas ía estar só; na miña cabeza cando marcho de casa hai dúas ideas claras: -non sei como se desenvolverán as cousas (esta non é unha idea moi clara, pero está claro que é así), e por fin, libre, contento e no punto preciso para intentar esta ascensión.