PÁXINAS AMIGAS

martes, 11 de enero de 2005

Aconcagua 2005: Plaza de Mulas 4.300 m - Nido de Cóndores 5.450 - Plaza de Mulas.

O día prometía e non defrauda; aquí nunca defraudan. Ás 9 h estou en marcha, as primeiras ramplas son duras e vou a modiño parando a respirar cada poucos metros. Amósome ansioso, aínda que levo varios días na montaña é a primeira vez que camiño realmente cara ao Aconcagua. Despois do Semáforo, paso clave desta ruta, Piedras Conway (4.740 m.); noto que algo non vai ben, empezan as molestias estomacais. Outro esforzo, de Piedras Conway a Campo Canadá (5.050 m): pensaba comer aquí pero non podo atravesar bocado, peor, non podo nin beber. O único que consigo meter é unha pastilla para o estómago. Estou preocupado e dubido pero finalmente imponse a cabeza: respiro fondo e cunha cadencia disciplinada, metendo, polo tanto, moito aire. Avanzo con lentitude pero en pouco tempo noto unha agradable melloría, paso de estar completamente afundido a unha satisfactoria sensación de plenitude. Respirar axeitadamente é fundamental. Chego a Cambio de Pendiente (5.370 m), baixo o Gran Acarreo, por fin podo comer e beber sen problema. Miro o cumio, parece que está... incriblemente cerca. Trato de non acomodarme, queda unha hora para chegar a Nido e descargar esta mochila que me tortura. Travesía en suave ascensión e diante dos meus ollos o C1 de Nido de Cóndores (5.450 m). Xa non é moi cedo e aparecen unhas nubes que non me gustan nada. Non vou sobrado pero son capaz de montar a tenda e deixala ben asegurada para evitar que o vento previsto marche con todo. Sen tempo para especular, localizo Berlín (5.930 m) e a barreira rochosa que dá acceso a Plaza Cólera (6.000 m) onde instalarei o C2. Non parece moi lonxe pero haberá que subir bastante carga.Mochila valeira e todo costa abaixo (xa se sabe; cara a abaixo ata a m... corre), o que leva subir entre 7 e 8 horas, baixase en 1 h e 30'; chego o C.B rendido pero satisfeito. A satisfacción dura un minuto, acabo de recordar que mañá terei que volver a subir con máis carga e pensando en quedar alí a durmir...

No hay comentarios:

Publicar un comentario