Día dos reis magos. Sei que virán noites peores pero estou moi animado. Antes de entrar no parque dúas cousas reclaman a miña atención: o Cemiterio de Andinistas e Puente del Inca (2.700 m), lugar moi curioso no medio da nada cun balneario de augas termais abandonado.A partir de aquí deixo a civilización por uns días, non está mal. Pouco despois de Puente del Inca contemplo por primeira vez o Aconcagua: teño a Cara Sur diante dos meus ollos, penso: eu estou aquí e a montaña está aí, un pouco máis arriba, agora so hai que ter algo de sorte co tempo e atoparse ben (eu aínda non podía imaxinar todo o que quedaba para chantar os meus pés tan arriba).Na entrada ao parque os gardaparques entregan a cada visitante unha bolsa numerada para as deposicións en altura; é obrigatorio entregar “algo” cando saes baixo ameaza dunha multa de 100 $, menos mal que é doado facer trampa.Os trámites aquí son rápidos e poucos minutos despois gozo dos primeiros pasos dun camiño que agardaba dende hai tempo coa Cara Sur como testemuña. Estou un pouco emocionado.Pronto deixo atrás a Laguna de Horcones e teño o primeiro contacto coas mulas e os arrieiros, o medio de transporte do noso equipo e material ata o C.B en Plaza de Mulas (4.400 m) constitúe un dos espectáculos desta aproximación. As mulas non van de ramal ou ó paso, lévanas soltas a todo o que dan e cargadas con 60 kg como máximo. Os arrieiros son xente ruda e auténtica, respectuosos cos seus clientes-intrusos e cos seus animais que gozan dunha presencia inmellorable.A media tarde chego ao meu destino, campamento de Confluencia (3.300 m) pequena cidade de lona no medio dunha paraxe lunar; semella que algún artista tolo tivera coloreado as montañas: vermello, verde, azul, gris, negro... debuxan unha paisaxe próxima á irrealidade.Estou no lugar adecuado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario