PÁXINAS AMIGAS

miércoles, 16 de octubre de 2013

VAL DAS MOURAS, OS ENTALADOIROS E OS COAÑOS. SERRA DO CAUREL (MERCURÍN-FERRERÍA VELLA)

Este labirinto era un dos recunchos máis descoñecidos da Serra do Caurel.
Emprazado entre as aldeas de Mercurín e a Ferrería Vella aparece agora ocupado por un souto. Non, non é un souto calquera; contan que neste terreo habería unha gran caverna hai moito, moito tempo. A erosión, como sucede noutros lugares, provocou o afundimento da gran cova deixando en pé anacos verticais e pequenos abrigos calcarios. Séculos atrás os homes plantaron nos vellos chans, antes soterrados, os castiñeiros que na actualidade conforman un frondoso souto que se estende polas corredoiras de rocha e terra. Outras teorías falan de que é un exokarst, como se apuntou na saída do Xeolodía 2015 (Guía de campo do Xeolodía aquí), que incluíu o Val das Mouras no seu programa de visitas.
Moita razón tiveron os habitantes do Caurel cando bautizaron unha parte do mesmo como Val das Mouras na crenza de que estaba habitado por estas lendarias mulleres. Algún veciño apuntou que o souto estaba dividido en varias partes: a máis pegada a actual estrada, a esquerda, é propiamente o Val das Mouras; á dereita da estrada cara a Mercurín (por onde accede a maioría da xente) estarían os entaladoiros de abaixo e os entaladoiros de arriba; e logo, na parte superior, os coaños e a horta pechada. Esta división en parcelas, cada unha co seu nome distinto, débese á recollida das castañas; na época da recolleita os veciños dedicaban uns días a coller as castañas nunha zona determinada do que agora, para nós, é un divertido laberinto. Esta paraxe nunca foi allea a maxia que a envolve, e xa a propia denominación de parte inferior (Val das Mouras) evoca o que sentían os veciños ao adentrarse neste souto. 
As imaxes non eran para min; percorrín cada canto con ilusión infantil na percura da luz dende a oscuridade das pequenas covas que aínda se conservan. -E viches as mouras-. Pregunta o trasno. -Faltaría máis, claro que as vin... Non hai nada como mirar sempre con ollos de neno-. O trasno parece moi sorprendido: -E que che dixeron de min-. -Dixéronme que ías aparecer cando fose preciso. Xa ves, tiven que ir ao teu bosque a buscarte-. -Ah!...- Farfullou o trasno, -e máis nada-. -Máis nada-. Respondín. E unha conversa innecesaria porque sabe o que estou pensando. -Vale, tamén me dixeron onde estaban os lugares máis fermosos do seu val...-

Na carpeta onde tiña arquivadas as fotos pon: Val das Mouras para... 11 de maio de 2013. Ten que ser bonito que a xente escriba e dispare fotos para un. Velaí.












*Os mouros e mouras galegas das historias non se refiren aos musulmáns, este termo xa se empregaba antes da chegada dos mouros á Península. Unha posibilidade é que o termo "mouro" proceda do prefixo prerrománico "mor" que significa pedra. Nas lendas galegas os mouros aparecen sempre vencellados a castros, rochas e penedos.
Por outra banda "mor" é tamén un prefixo latino que significa morte. Atopámonos logo cunha raíz presente en dous idiomas distintos e que se refire tanto á pedra como aos mortos.
Outros apuntan a que, si ben, a palabra mouro é anterior á presenza dos árabes na península, non fai alusión a "mor" (piedra). Máis ben a palabra mouro refírese aos habitantes de Mauritania, e é posible que a corrente de mámos en Galicia teña a súa orixe cultural, non material, en Mauritania.
Falamos de homes e mulleres de pel branca e cabelo rubio que habitaron nestas terras, así como en Asturias e no resto do norte de España, nunha época moi antiga. Outros autores afirman que os mouros, nalgúns casos, eran oscuros de pel, como si foran alleos á terra de Galicia, mentras que as mouras tiñan fama de feiticeiras e eran rubias de pel branca.
Os mouros/as considéranse na mitoloxía popular os constructores de mámoas, castros, minas romanas e por engadido, todo aquel tipo de ruína cuxa orixe pérdese na memoria, como os castelos medievais ou algúns pazos coas portas en forma de arco.

4 comentarios:

  1. http://patrimoniogalego.net/index.php/18492/2012/05/val-das-mouras/

    ResponderEliminar
  2. Eso non se cha val das mouras chamase os entaladoiros!un veciño do pobo

    ResponderEliminar