Periódico “O Sil”. O Barco.
Especial nadal 2011-12.
A natureza é asombrosa e pouco predicible. Cando xa estaba todo preparado para realizar a travesía do glaciar Vatnajökull que é o maior campo de xeo de Islandia e un dos máis grandes de Europa, o volcán Grimsvötn (situado no centro do glaciar) entrou en erupción e decidiu que esta vez non ía ser posible. Foron días de incerteza, a expedición comezaría o día 2 de xuño e a erupción tivo lugar o 21 de maio con aeroportos pechados e novas contraditorias procedentes da illa de xeo. O que idearamos dende o principio como unha toma de contacto cos rudimentos da exploración polar, tivo que mudar en canto ao prantexamento inicial e o terreo de xogo onde se desenvolvería unha vez esgotadas todas as posibilidades ata o último minuto. O volcán calmouse e deixou de botar cinsa pero as autoridades do parque consideraron que a alta condensación de gases na meirande parte do glaciar desaconsellaba calquera tentativa de progresión nesta zona; unha vez alí e despois de preto dun mes puidemos comprobar a desolación causada polas emanacións da terra neste campo de xeo e no seu contorno.
Non sempre sucede así pero a alternativa que atopamos para non suspender a expedición tiña atractivos dabondo para resultar unha boa experiencia: ascensión a varios volcáns que non presentaban problemas e travesía no casquete polar entrando polo sur de Groenlandia; sen dúbida unha boa forma de tomar contacto cos xeos do norte.
O día 2 de xuño de 2011 chegamos a Reikiavik cargados con todo o material adoitado máis o equipo de esquí. Viaxar en avión coas táboas de esquiar resulta as veces máis complicado que as propias ascensións, supón unha loita continua para non ter que pagar de máis e sempre coa incerteza de si chegarán ao destino cando a un.
Reikiavik é unha cidade de conto, ademais nesta época hai luz as 24 h do día o que lle confire á vida un ritmo distinto sobre todo nas actividades na montaña, como teríamos oportunidade de comprobar.
O primeiro obxectivo marcado é o volcán Eyjafjallökull (1666 m), de nome impronunciable ten a dubidosa honra de ser o causante de que tivera que pecharse o espazo aéreo de case toda Europa no ano 2010. Os restos das súas cinsas aínda poden verse sobre o xeo de moitos glaciares da illa. Esta ascensión organízase en dúas xornadas, compre ter en conta que aínda que as montañas non son moi altas hai que afrontar a súa ascensión dende o nivel do mar e a súa meirande parte discorren por terreo glaciar no que hai que afrontar as dificultades propias de calquera destes elementos. A primeira parte, ata o refuxio de Fimmvörduskáli, coincide coa ruta de Porsmork a Landmannalaugar, que pasa por ser un dos trekkings máis fermosos do mundo e verdadeiramente non defrauda.
Dous días despois xa estábamos preparándonos para ascender ao volcán Hekla (1493 m) o máis activo de toda a illa. A ascensión arranca nun deserto de lava que configura unha paisaxe que semella doutro planeta e faise nunha soa xornada, sen presa porque a luz non falta nunca. As vistas sobre os campos de xeo do contorno son abraiantes e os refachos de aire no cumio (posiblemente preto de 100 km/h) fixeron que non puideramos gozar moito tempo das abraiantes vistas.
Sen descanso puxemos rumbo cara ao oeste da illa para intentar subir ao volcán Snaefells (1446 m) que fora empregado por Julio Verne para entrar ao centro da terra na súa novela “Viaxe ao centro da terra”. Na actualidade o volcán atópase baixo toneladas de xeo do Snaefellsjökull e nos folletos de promoción turística concédenlle propiedades máxicas e paranormais, sendo sinalado como lugar frecuente de reunión de vida extraterrestre. Todos estes ingredientes engadidos á espectacularidade da montaña e o lugar onde se empraza fan desta ascensión algo inesquecible, malia que a climatoloxía non se quixo sumar á festa. A cantidade de neve acumulada dende o inverno fixo que puideramos utilizar os esquís dende o lugar onde se deixa o coche o que facilita as cousas considerablemente xa que non hai que carrexalos ao lombo e progresase de xeito máis rápido e doado. En pouco menos de tres horas estabamos no cumio envoltos pola néboa, no medio dunha cifra infernal e con varios graos baixo cero. Unha vez arriba só resta saír de alí o máis rápido posible; con diferencia unha das mellores esquiadas que recorde, en canto saímos da néboa enganchada na cima o espectáculo é grandioso co mar moi próximo a dereita e esquerda e neve en perfectas condicións. Nunha situación así e malia que ía moito frío un desexa que o descenso non remate xamais. As facianas de satisfacción eran suficientes para indicar o moito que recompensara esta actividade.
De volta en Reikiavik, unha vez rematada a toma de contacto cos xeos do norte, preparamos o equipaxe para voar na seguinte xornada cara a Groenlandia. Aínda que os vos entre Islandia e Groenlandia son de carácter “doméstico” transportar todo o necesario para unha travesía polar non resulta doado; ao equipo de esquí hai que engadirlle unha “pulka” por persoa, que é unha especie de “trineo” de plástico duro (+/- 1 x 0,50 m) que se arrastra polo xeo amarrada a un arnés para levar as cousas necesarias para vivir unha tempada sobre o casquete polar.
Como se pode imaxinar o simple feito de voar a Groenlandia xa é unha aventura. As principais compañías aéreas europeas con destino a calquera dos 20 aeroportos da illa saen dende Dinamarca ou dende Islandia. No noso caso por razóns económicas e de datas a pasaxe era do aeroporto de Reikiavik ao de Narsarsuaq no sur leste de Groenlandia coa compañía Air Iceland. Unha vez te sobes nun avión con destino a un lugar ocupado na súa meirande parte polo casquete polar as previsións son difíciles xa que case todos os aeroportos foron construídos polos americanos durante a segunda guerra mundial e non contan precisamente cos sistemas máis modernos para facilitar a navegación dos avións, por exemplo facilitar un aterraxe con néboa.
En principio o voo dura 3 horas. Despois dun bo rato sobre a monotonía azul mariño do Atlántico, no que os ollos se pechan de puro agotamento, alguén me avisa para que mire para abaixo; ao primeiro vistazo non vexo grandes cambios só uns pequenos puntiños brancos sobre o intenso azul do océano que semellan as rompentes das ondas. Cada vez hai máis, penso: -non pode ser!. Collo a cámara e utilizo todo o aumento que teño. Penso outra vez: -non pode ser!. Miro ao meu carón e vexo caras de felicidade e sorpresa, agora estou seguro: -é a “banquisa” polar que baixa cara ao sur ao desprenderse da costa leste de Groenlandia. En poucos minutos máis xa se poden ver claramente os grandes bloques de xeo á deriva, estou emocionado e unha vez máis na miña cabeza algo recorrinte nestas situacións: -nunca pensei que estaría nun sitio así e menos tan ao norte.
Á impresionante “banca de xeo” sucádea a aparición do casquete polar; primeiro os sobrecolledores glaciares que caen directamente sobre o mar en verticais e pechados "fiordos" e logo a infinita chaira branca que atrapa a quen a mira xa dende o avión. Todo vai ben ata que a voz do piloto rompe o encanto dun momento máxico: -é imposible o aterraxe en Narsarsuaq (o noso punto de destino) e teremos que aterrar nun aeroporto máis ao norte sen definir. Tres horas máis sobre unha mesta brétema e finalmente a mesma voz do capitán que indica que pronto estaremos en terra. Desaparece a néboa e aparece un aeroporto no medio da nada. O avión descende, aterra e baixamos con cara de parvos; non sabemos nin onde estamos. Entramos nunha terminal pequena pero moderna e acolledora e vemos demasiadas caras de cansanzo e aburrimento, entre elas a do “padre Walter”, un cura arxentino que ten como misión evanxelizar aos “inuits” e leva movéndose algo máis dun ano por toda Groenlandia. Explícanos que estamos en Kanguerlussuaq que foi unha base americana e que é o aeroporto máis importante do país. Despois de percorrer as instalacións atopo un mapa e podo comprobar que estamos dentro do Círculo Polar Ártico a 67 º N; pero este non era o noso obxectivo, dende aquí non podemos entrar ao casquete e a incerteza apoderase de nós. Hai xente que leva varios días agardando pola mellora das condicións en outros aeroportos. Despois de desembarcar o noso equipaxe convócannos para o día seguinte ás 7 AM. Hai un montón de horas para percorrer o contorno do aeroporto e comprobar que estamos nun lugar salvaxe na cabeceira do Søndre Strømfjord e coa axuda do mapa do GPS podo comprobar o preto que estou da baía e o estreito de Baffin. É unha faena estar aquí tirados pero non deixa de ter o seu encanto, esta vez quedamos a medio camiño da mítica Qaanaaq (Thule), tal vez no futuro. No meu diario anoto: “…é difícil pensar que existan sitios así, un inverno aquí invitaría á reflexión…”.
Unha vez máis nesta expedición a sorte favoreceunos e quixo que ao día seguinte puideramos chegar sen máis incidentes ao aeroporto de Narsarsuaq (base americana ata 1958) no sur de Groenlandia. Despois de recoller todos os trastos cruzamos en barco o fiordo Tunulliarfik para rematar os preparativos na aldea de Qassiarsuk onde se atopa a granxa Brattahlíð construída polo viquingo Erik “el Rojo”, considerado o fundador de Groenlandia pola tradición popular, navegou cara a estas terras no ano 982 d.C. cando foi desterrado por tres anos de Islandia.
Comida, tendas, roupa, esquís, arneses, cordas, combustible para cociñar… todo está listo para entrar no casquete polar. O punto elixido, por ofrecer as mellores condicións para entrar no xeo, é o fiordo de Qaleraliq (“Fletanes”). A lingua do glaciar tamén aquí cae de xeito espectacular directamente sobre o mar pero ofrece algún punto que permite desembarcar facilmente, sempre dentro das complicacións que ofrece calquera operación deste tipo nun medio así. Poucos días antes entrara por aquí o equipo vasco formado polos alpinistas Iñurrategui, Vallejo e Zabalza para atravesar Groenlandia de sur a norte, 2300 km dunha travesía grandiosa e pouco repetida por razóns fáciles de imaxinar.
A viaxe en barca ata a entrada de “Fletanes” é de 2 h de navegación polo fiordo de Tunulliarfik con parada para repoñer combustible na vila de Narssaq, unha das máis importantes do sur da illa. Costa describir con palabras a grandeza dun medio salvaxe, puro e ateigado de vida (aves mariñas, baleas, focas, salmóns…), onde toda orde posible segue os ditados do xeo. Aínda que na barca vai moito frío, malia levar por riba roupa de abrigo como para ascender unha montaña de oito mil metros, a navegación por estes lugares atrapa para sempre a quen se somerxe neste medio. Pronto atopamos os grandiosos bloques de xeo da “banquisa” que vagan á deriva polo fiordo arrastrados polas correntes das mareas procedentes da costa leste. Cando se ven dende o aire é difícil imaxinar as dimensións que teñen, cando estás ao seu carón non se pode dicir nin pensar nada só respirar e deixarse atraer polas súas formas e a súa intensa cor azul.
O desembarco no pequeno cantil de “Fletanes” ten o seu punto, hai que estar sempre alerta dos desprendementos de toneladas de xeo do glaciar sobre o mar polas grandes ondas que chegan a provocar, co conseguinte risco de que unha súpeta subida do nivel da auga arruíne a expedición ao levarse parte do equipo; en varias ocasións tivemos que saír correndo cara arriba polo xeo cargando coas nosas cousas para poñelas a salvo da auga. Os arrepiantes estouridos que anuncian un desprendemento invitan a aguzar os sentidos, nun medio como este onde o espectáculo da natureza máis salvaxe que se poda imaxinar non se interrompe nunca o máis fácil é perder a concentración ao quedarse pasmado polo espectáculo.
Cando todas as cargas están preparadas nas “pulkas” iniciamos a subida ao casquete polar polo lateral dun glaciar moi descomposto e cheo de pequenos buracos e enormes fendas que dificultan notablemente a progresión. Nas dúas primeiras xornadas haberá que subir dende o nivel do mar ata uns 1500 m, onde a pendente deixa de ser perceptíbel e o xeo dá paso a unha superficie inmaculada de neve. Ao remate da segunda xornada puidemos calzar por primeira vez os esquís o que facilita a progresión e nos permite avanzar máis quilómetros cara a inmensidade branca.
Sempre en continuo pero moderado ascenso, á tardiña do cuarto día de progresión polo casquete polar, perdemos calquera referencia coa costa ou con calquera outro elemento que permita ter unha referencia. A orientación, nesta toma de contacto co medio polar, resulta doada, sempre rumbo norte; unha vez superadas os obstáculos dos primeiros días en forma de fendas e regueiros e lagos de desxeo, non hai máis que avanzar en liña recta cara ao infinito branco e azul.
A rutina é sempre a mesma: progresar mantendo o rumbo norte con paradas cada dúas horas para repoñer forzas cunha pausa un pouco máis prolongada á hora do xantar (nunca supera a media hora). Cando a luz empeza a baixar, xa que non desaparece completamente, chega o momento de montar o campamento, facer auga derretendo neve e preparar unha copiosa cea; por suposto é o mellor momento do día. Este ritmo mantense todos os días entre as 6 e as 23 h, para avanzar unha media de 20 quilómetros unha vez se deixa atrás a parte máis abrupta do glaciar. Só o mal tempo pode interromper os horarios paralizando calquera intento de progresión, un mal tempo que nesta ocasión de xeito excepcional non fixo acto de presenza en ningunha das xornadas; non todos os días houbo boa visibilidade e sol, pero nin rastro das temidas tormentas de vento e neve. As temperaturas nunca superan os 2-3 ºC sobre cero durante o día e nas horas máis frías poden andar entre os 10-15 º C baixo cero. Nótase que a medida que progresamos cara o norte e gañamos altura no “plató glaciar” as temperaturas baixaban 1-2 ºC cada xornada.
Nesta ocasión a actividade non tiña un obxectivo fixo, tratábase de progresar todo canto fora posible cara ao norte para probar a sensación que produce desenvolverse unha chea de días sobre unha superficie xeada onde non hai absolutamente nada máis que xeo e ceo e as veces no horizonte impreciso algún “nunatak” ao que nunca se chega por máis que avances. Pode parecer monótono e incluso agoniante, esa foi a miña impresión durante a primeira xornada, logo produce unha sensación que te atrapa e xa non deixa lugar para outra cousa distinta á progresión; en canto o expedicionario consigue desprenderse das cousas que marcan o ritmo da vida cotiá, as necesidades redúcense ao máximo e comeza o tempo de gozar coas cousas máis sinxelas e básicas. Nas expedicións de montaña que se desenvolven nun medio máis variado sucede o mesmo: canto antes te decates do sitio onde estás e das poucas cousas que necesitas para subsistir, antes empezas a desfrutar do que estás a facer.
O momento de variar o rumbo para volver cara a saída deixa unha sensación rara. Tendo en conta que gozamos dun tempo privilexiado e avanzamos moito máis do previsto, na volta acompañoume a sensación de que faltaba algo, ao mellor por esa mentalidade de ter que chegar sempre a algún sitio en concreto. Esta sensación durou o mesmo tempo que tardou en aparecer o soño de intentar algo máis largo neste país imposible: tal vez os 600 km que separan Kulusuk de Kanguerlussuaq cruzando a illa de este a oeste.
uau!
ResponderEliminar