PÁXINAS AMIGAS

miércoles, 23 de agosto de 2006

Muztagh Ata 2006: C.B. 4.445 m.

Pode parecer algo raro pero non foi unha noite de moito sono, máis ben tería que dicir que a ansiedade superou o cansazo; a conciencia está tranquila, hai alegría nos membros da expedición, pero… sempre é o mesmo a mente do ser humano non acouga. Igual non era o día, non estábamos ben aclimatados, é demasiado para nosoutros… non, non e non: o esforzo realizado na tentativa estivo ben e o planeamento tamén, o tempo non. Acabouse. No almorzo reina a alegría, todos estamos satisfeitos de cómo saímos da montaña e nas facianas refléxase esgotamento pero tranquilidade. Cambio de impresións e continuas risas coas ocorrencias de Fer e os chistes de Jose, o grupo está consolidado e cada un aporta algo para que os demais se sintan ben. É difícil lembrar un momento da expedición na que Juanjo non tivera o sorriso nos beizos ou unha palabra amable para algún compañeiro. Tampouco é fácil atopar unha soa vez na que Fernando perdera os papeis do que tiña entre mans… ¡¡ommm!!. Ja, Ja. O resto da mañá dedicámolo ós preparativos para emprender o regreso. Primeiro facer contas para pagar ós sufridos porteadores, logo secar todo o material húmido despois de tantos días nos campos de altura, deixamos para a tarde o labor de ordenar o material colectivo. Nesta maña tivo lugar un dos feitos máis emotivos para min nesta expedición: Yertal, o pequeno kirguis que fixera boas migas comigo veu a reclamar o que lle prometera, eu de broma intentei darlle caramelos e chocolate como o resto dos días, pero el sinalou o peto superior da mochila onde sabía que eu gardaba o meu avionciño de peluche, recordo moi especial do aniversario de alguén moi especial; resulta sorprendente que alguén que cumpre anos faga regalos ós invitados ¿non?. Pois si, hai xente así. No seu día, aínda que igual non me fixeron caso, eu prometera que o ía poñer ben arriba… o Muztagh xa estaba na miña cabeza naquela cea. Yertal insistiu en sinalar o peto e eu saquei o avincioño e cumprín a miña palabra, regaleillo; non poderei esquecer mentres viva escoitar as vosas voces a 7.000 m, pero tampouco podo nin quero esquecer nunca a mirada de gratitude deste neno de 10 anos cando lle din o peluche… agacho a cabeza para que non se me noten as bágoas nos ollos, Yertal nunca entendería porque choro; os nenos Kirguises só choran cando a súa nai os obriga a lavarse nas frías augas que baixan do glaciar Kartamak. Non valemos nada… Aínda tiven tempo de mercar dúas pulseiras a outro pequeno dos que viven no base coa mediación do meu amigo nativo ¿qué estará facendo agora?; son ben bonitas e tamén son para alguén que é como un neno grande, cando lle contei que viña o Himalaia só dixo: -tío, tráeme algo. Segue preocupado polas dimensións destas montañas, pero presume continuamente coa súa pulseira kirguís. O xantar, como sempre nestes días de recuperación, a morrer. Xorde a idea de mercar unha cabra para comela en kebabs. Fernando fixo a xestión co cociñeiro e cando dixo que non habería problema, Fer espetou: -bueno pues que vayan amenazando ya a la cabra. Nótanse os corpos cansados e hai que moverse a pouco, hoxe non irei ata as antenas para comunicarme: na miña cabeza estades, pero tampouco teño moito que dicir, mellor dito, diría tantas cousas que prefiro non dicilas hoxe. Despois dun intento de sesta toca desfacer os petates que baixaron os porteadores dos campos de altura. Diante da tenda comedor semella unha batalla: gas, cordas, comida, tendas, fornelos, roupa mollada, raquetas, arneses, mosquetóns… quen será capaz de poñer outra vez todo no seu sitio. A modiño, como sempre, as cousas volven a normalidade e entre risas, cando nos decatamos está preparado agás as tendas que haberá que secar durante máis tempo. O resto da tarde pasa entre deambulacións mentais e paseos polo base, achégome ata unha zona onde está instalada unha expedición iraniana, son moitos, pero semella que son tres veces máis. Fer tenlle a guerra declarada porque di que aínda que non os entendeu, claro, pareceulle que falaban de nós cando baixábamos ó base. Ja, ja. Agarda outra cea copiosa, o estómago está a punto de dicir xa basta, pero foron días intensos sen comer practicamente nada. Un dos momentos máis surrealistas desta viaxe foi cando Fer intentou demostrar na tenda comedor, eso si, despois da cea, que os peidos arden: só direi que foi un espectáculo dantesco. Outra velada para non esquecer e volta ó saco. Fóra, está a nevar. No interior recupero a calor dentro do saco e síntome contento de estar vivo. Non sei como serán as cousas cando volva, pero agora, estou vivo…

No hay comentarios:

Publicar un comentario