PÁXINAS AMIGAS

martes, 22 de agosto de 2006

Muztagh Ata 2006: C.3. 6.900 m. – C.B. 4.445 m.

As noites a esta altura pasan lentas e deixan pegada, estou acurrunchado no meu saco de durmir, non son quen nin si queira de pensar ou mellor dito, non lembro que pensei esta noite: no intento frustrado de cumio, na tormenta da baixada, no meu estado físico, nos meus compañeiros, no que queda por sufrir para baixarse de aquí, na miña xente,…? Supoño que sería un bulebule de cousas que che deixan o cerebro tremendo. Pero ata o malo ten o seu remate. Ás 8h todos fóra das tendas, esa é a idea; non recordo cando empecei a prepararme para baixar, posiblemente bastante cedo… como sempre levoume un cacho. Gus incorporase no saco pero non pasa de aí. Oc non se move, ten os ollos pechados. “Venga, muévanse que hay que bajar…” non fan caso, non poden facer caso. Pasa o tempo, decido non saír para seguir intentando que os mexicanos non se abandonen… Gus semella algo mellor e con lentitude vaise vestindo, Oc segue sen moverse… teño que pedir axuda para que completen a indumentaria de Gus xa no exterior, hai que evitar as conxelacións. Cando está todo recollido póñome mans a obra, por sorte Oc meteuse no saco completamente vestido agás a roupa de plumas: “muévase carnal, es hora de bajar…”. Primeiro sacareino da “bolsa para durmir”, paro continuamente para respirar axeitadamente, sufócome con facilidade, agora hai que lle poñer as botas… dous pares de botas na mesma mañá é moito. Axúdame un pouco co fío de forza que lle queda pero a operación levoume uns 20’, segue cos ollos afundidos en cuncas amarelas e fala pouco, claro que vai dicir, se fora eu teño claro que estaría todo o rato dicindo: “¡¡qué pena!!”, “¡¡qué pena!!”... Cando está preparado sae da tenda gateando e con axuda do exterior, eu aínda tardarei algo en recoller as súas pertenzas na mochila. Estou esgotado e a xornada aínda non fixo nada máis que comezar. Non falta moito para as 8h e estou listo para saír, a xente xa ten desmontadas as súas tendas, segue un tempo do diaño; qué marrón. Oc está vestido pero tirado no chan contra a súa mochila, haberá que repartir entre todos os que podan o seu peso. Os preparativos fanse interminables e aínda nos atrasan na saída, as mochilas que na subida xa eran moi pesadas, son agora insoportables. Despois das 8h empeza a baixada, cando menos haberá que chegar ó C2. Remitiu a cifra pero segue unha brétema tan mesta que non permite case nin ver o teu propio corpo. A posibilidade de que Oc teña un principio de edema cerebral está no pensamento de todos e antes de empezar a andar subministrámoslle unha dose de dexametasona, estamos preocupados, tense en pé a duras penas e non é consciente da súa situación; Fer anímao constantemente e de momento descende sen axuda pero cada paso semella custarlle a vida… Ninguén o dixo pero aínda cabía, de non terse complicado as cousas como se complicaron, a posibilidade de facer un novo intento ó cumio dende aquí: as pésimas condicións meteorolóxicas e o estado de saúde de Oc fixeron inútil calquera posibilidade máis; é igual, os nosos corpos castigados sen descanso seguro que non ían aguantar malia que sempre se saca forza de non se sabe moi ben onde… Por radio comunicamos cos porteadores que están no C1 para pedirlle axuda, Oc empeora co esforzo e xa hai que levalo entre dous para que poda andar. Estou esgotado, séntome cada pouco e a dor na parte esquerda do abdome case me fai laiar… pasan as horas, debe ser media mañá e recoñezo a rampla que está encima do C2, uns pasos máis e distingo as tendas na distancia, entre a brétema, xa non quedan moitas, a xente correo montaña abaixo en canto se formou o “marrón”. Entre as cousas que recordarei para sempre desta expedición está a rampla por riba do C2: despois dunha pausa para avaliar unha situación que non pinta ben, animámonos uns ós outros, incluso Fernando semella un pouco tocado… Oc négase a camiñar, non pode, igual hai que arrastralo… “¡¡hostia!!... pensamos inxectarlle unha nova dose de dexa… mellor agardamos ata o segundo campamento. Uns pasos máis e estou na rampla, distingo un punto parado no medio, pasan uns minutos, non se move… despois dun rato máis vexo con sorpresa como o escalador quita a mochila das costas e a bota a rolos pola pendente abaixo… ben, polo menos está consciente… sigo baixando, o outro non se move aínda que creo que o intenta, os seus compañeiros que xa están no campo tratan de animalo dende a súa posición… ¡¡¡hostia, que fai este!!!, de pronto vexo como se bota a rolos cara abaixo… en cuestión de segundos interminables detense na chaira onde están as tenda que quedan do C2. Con moito sufrimento chego ó depósito que deixamos instalado aquí, os cataláns que baixaron esquiando teñen té quente, gracias, haberá que facer un esforzo para metelo para dentro. Os compañeiros que baixan a Oc aínda están no principio da endiañada rampla, xa vai un rato que o teñen que arrastrar pola neve… gustaríame ter a forza suficiente como para volver arriba e botarlle unha man, non podo… mátame a dor no abdome… cáenme ás lágrimas… Descargo parte do peso da mochila, sobre todo as cousas de Oc que quedarán aquí para os porteadores que soben a axudarnos, pero non dan chegado… angustia. Entre os alemáns que desmontan o campo hai unha médica, polo menos saberemos como seguir tratando a Oc. Pasan minutos eternos e por fin temos ó mexicano no C2, son ás 15h aínda quedan moitas horas de luz para tentar chegar ó base, o tempo non axuda moito pero non está a tarde tan mala como a anterior, o peor é a brétema. A doutora alemana confirma que o tratamento de Oc, en principio, parécelle correcto; agora está tirado xunto a unha mochila cunha cunca de té na man e parece durmido… o peor destas situacións e pensar que si o deixamos nesa posición quedaríase así para sempre… hai unha fotografía que me arrepía cando a vexo: a liña que separa o sol da sombra é aquí demasiado estreita. Temos que seguir baixando, o descanso sentounos ben e a medida que perdemos altura o organismo vai mellorando dentro do esgotamento acumulado en varios días a moita altura; non hai rastro dos porteadores que terían que vir a botarnos unha man. Os que estamos máis tocados continuamos cara abaixo, antes xa saíran os esquiadores, Fernando e Jose quédanse con Oc, as radios están abertas porque non se descarta un vivac… ¡¡hostia!!. Nas ramplas que preceden á zona dos seracs sobre o C1 agárdannos Pere e Miquel: “venga que pareceis bailarinas, pasos más grandes…”, xa vai un rato que quitamos as raquetas e calzamos os crampóns, para atravesar o complicado pasaxe de fendas e bloques de xeo… por riba a brétema segue pechadísima e Juanjo ten que sacar o GPS para saber por onde andamos. Nun rápido vistazo á ladeira vexo que non lle levamos moita vantaxe ó grupo de Oc; pola radio comunícannos que se encontra bastante mellor, os medicamentos e a perda de altura fan que se vaia recuperando de xeito case milagroso. Ben, non todo vai ser malo nesta retirada inesquecible, Fer anímanos continuamente nos treitos de cordas fixas, aínda podo sacar a cámara e facer espectaculares fotos. Baixo os seracs esmorécese a néboa, o Pamir está outra vez diante dos nosos ollos, tamén vexo as tendas do C1, en poucos minutos as cousas cambian radicalmente, agora só queda aguantar unhas horas e estaremos confortablemente no campo base. Son as 18h, recollo cousas que quedaban na tenda do C1 e deixo o petate listo para os porteadores co meu equipo e máis o de Gus e Oc, atopámonos cos porteadores que viñan a axudarnos no C1 alto; a radio comunica que sigan subindo para recoller as cousas do C2 pero que Oc vai ben e xa baixa só… No C1 normal, naquela tenda azul, dende onde se ve a antena de Karkul Lake, mando unha mensaxe: “Estoy bien, nos retiramos, se acabaron las animaladas …”, non é moi elocuente pero levoume media hora polo reloxo escribir estas palabras, paso un bo cacho a rir eu só porque non son capaz de atopar as letras, axito o móbil como se fose culpa do aparato. Síntome liberado e sei que nunha hora e pouco máis de esforzo estarei como na casa. Miro demasiado para arriba, canso pero satisfeito, a xente está espallada ladeira abaixo. Fer e Juanjo, van un pouco por diante, non falan pero seguro que tamén están contentos.Fernando, Jose, Oc e Gus, descansan no C1 alto, tamén baixarán ó base, todo vai sorprendentemente ben. Penso na posibilidade de beber algo que non sexa auga nin té, algo con gas, coca cola; son totalmente primario. Sorpresa, vexo que Agmehd ven polo sendeiro cara arriba, non pode ser trae unha lata: “Thank you my friend…”. O espectáculo que ofrece o Pamir no solpor é indescritible, os múltiple regatos no fondo do val resplandecen coa pouca luz que queda… momento máxico, gustaríame có sentiras. Son as 20h30’, abrázome con Fer, con Juanjo e con Pere, pouso a mochila ó carón da tenda do campo base, está a nevar e vai frío… non parecía posible porque a miña alma non está aquí pero nun intre que non dura máis cuns poucos segundos, son un viaxeiro… xa sabes, segundo a miña teoría es viaxeiro cando a alma abandona o corpo e pódeste ver dende fóra; é unha recompensa de risa, non o podo explicar mellor pero un esforzo tan grande merece a pena só por experimentar esta sensación… Xa é noite e distinguimos as luces dos que faltaban, chega Jose, despois Oc e Gus, Fernando ven máis arriba, sempre se retira o último da montaña, supoño que tamén está contento despois de cómo se complicaron as cousas. Cea abundante, risas, parabéns e ó saco. Hoxe si, noite sen sonos: non fai falla soñar, basta con recordar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario