PÁXINAS AMIGAS

domingo, 11 de diciembre de 2016

DEVESA DO CERVO. O MAZO. QUIROGA

Ritual.
Agardaba pola ponte de decembro como moitos outros anos. Sempre coincide por aquí así...
Ando lento.
Ando atento.
Non vou a ningures molesto por un sol que non corresponde. Rabexo. Mágoa de tempo...
A verdade xa é un pouco tarde, xa o sabía dende os días anteriores de camiño á Seara pero non quero faltar á cita con Bárbol (Treebeard). Tal vez este ano, como moitas outras veces, tamén apareza.
Si, aquí está, no mesmo recuncho de sempre, onde o bosque é máis vello, onde o bosque é máis tranquilo, onde o bosque cheira a humidade, onde o bosque é... brutal.
Séntaste e fuxes deste mundo para entrar nun mundo antigo... ents, ucornos (Huorns)...
Quen sabe cando será o primeiro xiro deste ano; o aire aínda non trouxo neve para quedarse...

Track .gpx ruta O Mazo-Devesa do Cervo-Fervenza do Cervo-Pico Montouto.

No camiño do Mazo á ferrería

No camiño do Mazo á ferrería

Recuncho do rego de Montouto na parte baixa, fóra do camiño

Rego que baixa de Rinán a carón dunha das fervenzas, fóra do camiño

Fervenza no rego de Montouto, fóra do camiño

Bosque vello, devesa do Cervo

Bosque vello, devesa do Cervo

Devesa do Cervo, lección de Xeoloxía. Así é unha montaña por dentro. Flanco do Sinclinal da Serra do Caurel

Fervenza do Cervo

Parte baixa da devesa do Cervo

Parte baixa da devesa do Cervo

Devesas do Cervo e Mazales, a esquerda

A lúa sobre a devesa do Cervo

Solpor no val do río Soldón, ao fondo o pico da Torca

13 comentarios:

  1. Non deixes de ofrecernos as túas palabras núas, a túa ollada mística e lúcida de camiñante e soñador. Son moi belas.Balsámicas para tí e para nós.Segue abrindo camiños.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Moitas grazas pola visita e comentario. Síntome abraiado pola síntese. A miña anarquía mental non sempre me permite manter este espazo pero a procura dun bálsamo traeme por aquí unha e outra vez dende hai unha morea de anos.

      Eliminar
    2. É admirable o teu anceio de ir máis alá da realidade sensible, a que se pode captar cos ollos, para chegar á realidade esencial, aquela que só se pode albiscar co corazón, como dicía o principiño. Quizais só as palabras, a poesía e imaxes como as túas, poden acercarnos a ese horizonte que foxe cando pensabamos que o tiñamos ao alcance da man.A poesía quizais sexa o noso último refuxio, esa cabana no camiño que nos permite abrigarnos do frío e acougar e, daquela, tentar desvelar o misterio, o sentido último do home chantado no tempo, á mercede da historia. De aí quizais a necesidade de andarmos unha e outra vez os nosos nobres carreiros, as olvidadas rotas doutrora. Eses vieiros infindos do val e da serra, os mesmos polos que antes se adentraran Uxío ou Moreiras "subindo e baixando costas nun soño de idas e voltas" e nos que a montaña nos fala, e os ríos e as aguias, na súa (nosa) fala nepalí.

      Onde andará destas horas o alfareiro de Bhaktapur?

      Eliminar
  2. Cada día estou máis convencido de que a "realidade esencial" existe... nunca pensara en poñerlle nome, pero si, pode ir por aí a cousa. Como dice Kurk Diemberguer que é un dos máis grandes himalaistas de todos os tempos (e está vivo), o sétimo sentido é o que nos permite afondar nesta realidade que só se percibe co corazón; a maioría das veces só consiste en escoitar... sempre me gustou moito máis escoitar que falar.
    O alfareiro de Bhaktapur sempre me pedía unhas rupias para tabaco a cambio das fotografías, sen sabelo quedará para sempre na nosa memoria. A rapaza á que lle preguntei quedouse moi extrañada de que un occidental lle preguntara por un "simple" alfareiro... expliqueille cal era o motivo da miña teima, non creo que me entendera.

    ResponderEliminar
  3. Que título fermoso: "O alfareiro de Bhaktapur". Perdoa unha última pregunta: quen é Bárbol?

    ResponderEliminar
  4. Bárbol é un personaxe ficticio do Serñor dos aneis. Treebeard na versión orixinal e Fangorn en élfico gris, nada menos que era un Ent ou pastor de árboles...ademais do ser vivinte máis vello da Terra Media...

    ResponderEliminar
  5. Non sabía que erades amigos... e que tamén lle gustaban as nosas devesas e a Seara.

    ResponderEliminar
  6. Pastor de árbores!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Gústanlle os sitios tranquilos como aos osos. Sempre me pareceu marabilloso a historia do pastor de árbores...

      Eliminar
    2. Moi estimado Ramón: mira o blog En busca da cagalla do lagarto, onde seguimos falando destas cousas. Vai baixando as páxinas e repara na sección de 'Vilas Literarias: Quiroga'. Mira se che parecen acaídas as reseñas sobre os novos (e os vellos) creadores do val.

      Eliminar
    3. Moitísimas grazas polas túas palabras. Non sabía que as miñas imaxes e comentarios foran todo iso... de todas as formas como xa puxen en algún comentario paréceme unha síntese xenerosa, máis cando pos meu nome xunto co dos fotógrafos, músicos e escritores aos que sempre admirei. Recordo continuamente os teus artigos sobre os músicos da comarca e lle falo a xente das túas recensións sobre Felisa, os Celtas etc.
      Creo que a clave de todo está na paixón coa que se fan as cousas; o resto é escoitar nalgúns casos e deixarse atrapar pola luz noutros (tamén é unha forma de escoitar). Os teus traballos sobre os músicos tamén reflexan e transmiten paixón...
      Non coñecía o teu blog, un agradable descubrimento, desde logo. Ireino disfrutando con tempo e comparto, claro.
      @s curios@s saben onde atopar as miñas cousas na rede, polo de agora é todo. Para outros proxectos hai que ter un tempo e unha vontade que de momento non teño; xa se verá no futuro.

      Eliminar
  7. Un día díxome unha alumna: "indo ao teatro aprendín a escoitar". Moi sabia a súa observación. E alguén tamén dixo:" cando me escoitas, estasme permitindo ser". Habería que escribir sobre a didáctica e a poética do silencio, esoutra luz. Moitas veces non reparamos no seu valor nin sabemos xa convivir con el. E se temos unha boca e dúas orellas, será por algo...
    Pd: o blog é de Roque Soto, un xornalista de Sequeiros que vive en Vigo.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Non coñezo a Roque Soto, polo menos non me dou conta. De todas formas o seu blog xa está entre os meus blogs amigos... e vou lendo as túas aportacións e outras, sempre da gusto atoparse na rede con espazos que falan da nosa contorna.
      En canto ao de escoitar... a xente xa non escoita e é unha pena. Pola miña afección á montaña teño estado en sitios que cortan a respiración en todos os sentidos e pensas: este é o mellor sitio do mundo para estar calado... e sempre hai alguén que fala, fala, fala e pensas para que!

      Eliminar