PÁXINAS AMIGAS

martes, 21 de octubre de 2014

ALEJANDRO GUITIAN DE ARMESTO: ALCALDE DE QUIROGA ENTRE 1853 e 1859

Alejandro Guitian de Armesto

Nacido en Santa María de Rendar (O Incio) no ano 1812.
O día 12 de marzo de 1843 acadou, pola Universidade Literaria de Santiago, o grado de licenciado en Xurisprudencia para poder exercer a avogacía.
Ao ano seguinte, 1844 é elixido alcalde de Rendar e en 1845 reelixido de novo por unanimidade. Durante este período matou ao famoso ladrón chamado Mourillón e capturou ao seu compañeiro "el aragonés". Este e outros méritos valéronlle para que o 1 de novembro de 1845 o xefe político da provincia de Lugo o recomendara para formar parte do goberno de Isabel  II.
Ocupou a alcaldía de Quiroga o 28 de decembro de 1853 e cesou neste cargo en 1859 segundo consta nunha carta ao Conde de Torre Novaes do día 30 de decembro de 1959 onde lle manifesta o seu interese pola súa reelección.
No ano 1860 acada o cargo de deputado provincial por Quiroga (partido Conservador). Nestes anos alcanzou unha grande influencia e posición na provincia de Lugo, mantendo importantes amizades entre as que destaca a do Conde de Torre Novaes co que mantén un constante cambio de impresións a través do correo.
A súa labor, nos anos como deputado, pode considerarse de grande importancia xa que foi un dos principais impulsores do ferrocarril cuxas primeiras liñas empezaron a construírse en Galicia nos anos 60. Da súa fluída correspondencia co Conde de Torre Novaes pódese tirar que traballou sen descanso para rebaixar as contribucións para Quiroga ademais de impulsar as obras de restauración da Igrexa de San Salvador do Hospital, que fora obxecto de numerosos danos na súa portada por parte das tropas francesas comandadas polo Mariscal Soult na súa retirada cara a meseta en xuño de 1809. Aínda que as obras de recuperación iniciáronse cara a 1830 segundo o proxecto do arquitecto Alejo Andrade Yáñez cun presuposto de 22.250 reais de vellón("Las encomiendas gallegas de la O.M. de San Juan de Jerusalén. Estudio y edición documental". T.II-1: La encomienda de Quiroga. Isidro García Tato, Eleutino Álvarez)., non se executaron na súa totalidade ata anos despois polo que pode verse nesta correspondencia. Tamén se deben o seu impulso as obras do cárcere de Quiroga, que foron atrasándose no seu inicio debido aos problemas para conseguir os planos e o elevado presuposto das mesmas. Todo parece indicar que o arquitecto que recibiu o encargo para a redacción do proxecto foi Faustino Domínguez, o mesmo que se encargou do deseño do cárcere de Becerreá.
No 1862 nomeárono promotor fiscal de Mondoñedo e pediu a súa substitución na Deputación Provincial.  Antes de cesar nas súas funcións intentou deixar no seu posto a unha persoa da súa confianza pero tardou en conseguilo debido a que o elixido atopábase entón en Madrid.

Esta información está tirada do impresionante arquivo particular da súa bisneta Mª Ángel Quiroga Novo. Unha pequena parte deste arquivo, posto á miña disposición pola súa propietaria, foi trascrito pola historiadora Yajaira Enríquez Martín.




No hay comentarios:

Publicar un comentario