PÁXINAS AMIGAS

viernes, 1 de diciembre de 1995

O CASTRO DE VILAR DO CAUREL.

O Castro de Vilar do Caurel ocupa practicamente a totalidade do cumio dunha crista rochosa alongada cunha clara orientación norte-sur, elevándose perpendicular en todo o seu perímetro sobre a beira esquerda do álveo do Río Lor.
O asentamento, que pertence á serie de castros altos que defenden o camiño ou camiños que circulan polas beiras do río, precisou para a súa construción a modificación de boa parte da superficie a ambos os lados da crista, mediante socalcos de altos muros ou ben desenvolvendo un enorme traballo de picado sobre a rocha nai. O esforzo empregado no acondicionamento deste poboado non garda proporción coa superficie total acondicionada para unha mínima habitabilidade e, á vista do contorno, sempre sorprende que non empregaran a crista contigua que mantén a mesma dirección, e o que é máis importante: coa metade do esforzo acadarían unha superficie completamente chan, con maiores dimensións e as mesmas defensas naturais por tres das súas caras.
Hoxe en día chégase ao Castro de Vilar por unha estrada asfaltada e de forte pendente que, partindo do Alto do Boi, baixa ata a aldea de Vilar, onde colleremos por un camiño ben sinalizado, aínda que con dubidoso gusto, que atravesa primeiro un fresco e frondoso souto e despois unha sucesión de terras de labra. Despois de percorrer uns 650 metros chegamos á zona do antecastro onde se asenta a capela de San Roque, pequena peza de raizame popular. Unha vez no xacemento, existen dúas posibilidades de completar un fermoso paseo polos camiños que xa empregaron os primeiros habitantes do castro: o primeiro baixa pola ladeira oriental, cruza o río Lor e condúcenos ata Vilarmor cara ao norte; o segundo baixa pola ladeira occidental e, atravesando tamén o río, diríxese cara ao sur polos lugares de Froxán e Castro de Portela.
O asentamento castrexo é un espectacular macizo de lousa de natureza moi agreste onde se traballou a esgalla en toda a superficie para, como dicía con anterioridade, configurar camiños, construír defensas e achaiar o terreo necesario para a construción dun reducido número de vivendas. Este macizo rochoso constitúese inaccesible na totalidade do seu perímetro, excepto polo sur, onde atopamos os máis variados recursos defensivos.
Daquela, en canto á estrutura formal, podemos distinguir varias zonas de características ben diferenciadas: na banda occidental, sitúase o lugar de habitación do castro; na banda oriental, atopamos numerosos socalcos que orixinaban pequenos anacos de terreo achaiado; no vértice do espolón, pola cara norte, o poboado remata cunha defensa integrada por un conxunto de foxo e muralla de menor importancia que no sur, xa que a defensa imposta pola propia configuración natural semella un atranco máis que suficiente.
A entrada ao Castro realizábase, como na actualidade, polo sur, o que motivou unha enorme concentración de elementos defensivos nesta zona. Neste lugar o sistema de protección baseábase sobre todo en catro foxos consecutivos, aparecendo o terreo, inmediatamente anterior ó primeiro, sementado de pedras fincadas para dificultar o avance, sistema defensivo empregado tamén noutros castros do Caurel (Castro de Foz, Castro da Torre, Castro de Brio, etc). O camiño de acceso ao asentamento realizaríase sorteando o primeiro foxo polo oeste, onde se controlaría o paso dende un torreón de planta practicamente cadrada. Unha vez superado o primeiro oco, atoparemos un gran complexo construtivo que defende o paso polo leste mediante unha torre situada na zona máis elevada.
Dende a torre e cara ao flanco oriental aínda podemos ollar os restos, entre abundante vexetación, dos socalcos compostos por unha serie de macizos graduados co paramento exterior redondeado.
No norte, a defensa realízase mediante dous pequenos promontorios rochosos cun espazo interior pechado por unha muralla de 11,50 m. de lonxitude e un grosor comprendido entres 2,50 e 2,75 m.
O núcleo principal de habitación preséntase moi concentrado nun sector da ladeira occidental. Aquí atopamos once vivendas visibles na superficie que nos permiten ter unha idea do máximo aproveitamento do terreo; daquela, algunha presenta planta completamente irregular para acomodarse ao espazo que se preparou labrando na mesma rocha ou enriba de pequenos socalcos. A ausencia de espazo suficiente obrigou nalgúns casos a amorear as construcsóns, chegando algunha vivenda a compartir treitos comúns do paramento. Polos mesmos condicionantes da falla de espazo, as dimensións das casas tamén son variables.
En canto á cronoloxía do Castro, despois da intervención de limpeza desenvolvida no ano 1.993, os arqueólogos chegaron á conclusión de que a estrutura deste xacemento racha cos esquemas normais dos castros e o afasta das súas cronoloxías para achegalo cara ao noso tempo. Daquela, no seu conxunto, lembra o prototipo de fortaleza medieval de cronoloxía moi temprana, que podería establecerse ao carón dos séculos IV-V da nosa era.
Malia as numerosas conclusións que podemos obter cunha simple visita, aínda resta moitísima información por extraer deste libro aberto de cara ao noso pasado. Sería moi agradable que as distintas administracións con competencias na materia decidiran a urxente intervención arqueolóxica nun xacemento destinado pola súa situación a desaparecer en poucos anos, sen ter realizado nin tan sequera unha pequena investigación sobre el.


Información tirada de:
-Excavaciones arqueológicas en España: El Caurel. J.Mª.Luzón Nogue, F.J.Sánchez-Palencia Ramos y otros. Edit. Ministerio de Cultura. Dirección General del Patrimonio Artístico, Archivos y Museos. 1.980.

No hay comentarios:

Publicar un comentario