PÁXINAS AMIGAS

viernes, 5 de enero de 2001

COVAS NATURAIS, O PATRIMONIO AGACHADO DA SERRA DO CAUREL.

Publicado na Revista do Caurel "A CANDEA", Nº 5, en decembro do ano 2001. Páxinas 17-20.

Agora que salta ás páxinas dos xornais unha nova que non sorprende nos tempos que corren, “O plan das Covas do Rei Cintolo, en Mondoñedo, contempla unha escaleira de caracol, varias pasarelas e ramplas no interior para facilita-lo percorrido ós preto de 40.000 persoas que visitarán cada ano as covas no caso de materializarse o plan”, conviría facer unha serie de matizacións sobre o enorme potencial espeleolóxico inédito nas numerosas cavidades naturais que atesoura a Serra do Caurel, para que despois non teñamos que lamenta-la inadecuada canalización do turismo cara uns ecosistemas tan fráxiles e irrecuperables como son as covas que se desenvolven, neste caso, no calcario.
Presentouse na Deputación Provincial de Lugo un proxecto que supostamente contén un plan de explotación turística “racional” da coñecida cova do Rei Cintolo, a de maior lonxitude das que existen na comunidade galega. Pois ben, parece ser que a comunidade científica non ten nada que dicir, ou polo de agora non dixo nada. Eu pregúntome, que pasará cos restos arqueolóxicos?, que pasará cos restos paleontolóxicos?, que pasará coas numerosas especies catalogadas de insectos que habitan neste ecosistema?, que pasará coa colonia de morcegos?, en definitiva, que pasará con este ecosistema? Hai constancia de que existen pero, a ninguén lle importan os danos que causará esta usurpación? Que non veñan agora con que son actuacións reversibles, os exemplos da “estupidez” humana neste fráxil medio son innumerables, supoño que tamén coa idea orixinal de eliminar os elementos artificiais se a idea non funciona.
Despois deste “por si acaso” hai que indicar que no Concello de Folgoso do Caurel hai inventariadas un total de 37 cavidades naturais (seguramente o número real será moito maior), ao que habería que engadirlle as existentes en concellos limítrofes e que de algún xeito tamén forman parte da unidade estructural destas serras; en Pedrafita constan neste inventario 36 cavidades, no Incio 3, en Samos 17 e en Triacastela 19. Números importantes para unha zona calcaria relativamente pequena e de escasa potencia que de tódolos xeitos ofrece exemplos moi significativos da importancia espeleolóxica deste espacio. Sería moi complicado ofrecer aquí datos sobre a lonxitude e profundidade das covas coñecidas do Concello de Folgoso do Caurel, aínda que para que o lector se faga unha idea do medio do que falo sinalarei as máis importantes tendo en conta as súas dimensións e non a potencialidade científica que albergan:
-COVA DE TEIXEIRA, parroquia de Moreda, lugar de Teixeira: Segundo estudos e plano recentemente realizados por membros primeiro do S.E.C.M.FERROL, e despois do G.E.LUGO, esta cavidade acada máis de 3.000 metros de lonxitude coñecida e unha profundidade próxima aos 70 metros.
-COVA ARADELAS, parroquia de Esperante, lugar de Campelo: Segundo estudos e plano realizados por membros, primeiro do E.C.A de VIGO, e despois po do G.E.M e A.L. VAL DA NÉBOA de MONFORTE, acada unha profundidade coñecida de 145 m o que a converte na máis fonda das exploradas en Galicia.
-COVA DA ARCOIA, parroquia de Visuña, lugar de Céramo: Segundo estudos e plano realizados por membros do G.E.A de QUIROGA, acada unha lonxitude coñecida de 1.100 metros e 42 metros de profundidade.
-COVA DA CEZA, parroquia de Noceda, lugar de Noceda: Segundo estudos e plano do G.E.S. ÁRTABROS de A CORUÑA, acada unha lonxitude coñecida de 680 metros.
-COVA DA BURACA DAS CHOIAS, parroquia de Visuña, lugar de Visuña: Segundo estudos e plano realizados por membros do G.E.S. ÁRTABROS da CORUÑA, acada unha lonxitude coñecida de 210 metros.
-POZO DAS CHOIAS, parroquia de Seoane, lugar de Mercurín: Segundo estudos e plano do G.E.S.C.M. CELTAS de VIGO, acada unha profundidade coñecida de 55 metros.
-COVA LONGO DE MEU, parroquia de Seoane, lugar de Mostad: Segundo estudos e plano do G.E.S. ÁRTABROS da CORUÑA, acada unha lonxitude coñecida de 160 metros.
-COVA DO TARELO, parroquia de Seoane, lugar de Parada de Moreda: Segundos estudos e plano do G.E.S. ÁRTABROS de A CORUÑA, acada unha lonxitude coñecida de 43 metros e unha profundidade de 11 metros.
-COVA DE TRASLACOSTA, parroquia Meiraos, lugar de Paderne: Segundo estudos e plano do G.E.M. AL. VAL DA NÉBOA de MONFORTE, acada unha lonxitude coñecida de 73 metros e unha profundidade de 37 metros.
-COVA DA TARA, parroquia de Visuña, lugar de Visuña: Segundo estudos e plano do G.E. BRÍO de QUIROGA, acada unha lonxitude coñecida de 195 metros e un desnivel de 43 metros.
-COVA SUMIDOIRO DO GARGANTÓN, parroquia de Meiraos, lugar de Paderne: Segundo estudos e plano do G.E.M. A.L. VAL DA NÉBOA de MONFORTE, acada unha lonxitude coñecida de 87 metros e unha profundidade de 59 metros.




Galería ricamente decorada. Cova da Arcoia.

A existencia de numerosas cavidades diseminadas por toda a Serra do Caurel que segundo informacións populares, xa proporcionaran varios restos arqueolóxicos catalogados no ano 1.968, foi un dos primeiros motivos que impulsaron a un equipo multidisciplinar de profesores da Universidade de Compostela a prospectar varias covas naturais deste concello durante o ano 1.980, van xa 21 anos! Os resultados obtidos, aínda que sitúan as grutas que conteñen restos no nivel superficial e apuntan algunhas ideas como a máis que necesaria escavación no futuro, non permiten realizar unha completa avaliación do que supuxo culturalmente a súa ocupación en época pre e protohistórica.


Pequeno inciso, xa estamos no futuro e xa se levan investido no Caurel unha morea de millóns, non?, pois seguen igual ou peor agardando que algunha mente lúcida das que abundan na actualidade decida colocar en algunha delas pasarelas de formigón ou escadas de caracol para facilita-lo acceso turístico e despois que?: pois nada, acabouse o tema. Entre nós, xa hai algúns anos soou por primeira vez unha idea deste tipo tendo como protagonista a Cova da Arcoia, unha das máis interesante do Caurel se valoramos a cantidade e variedade de restos óseos atopados no seu interior a nivel superficial, parece ser que a idea polo de agora foi abandonada. Neste caso xa obra en poder das autoridades pertinentes un informe elaborado polos doutores Aurora Grandal e Xoán Ramón Vidal no que consta un inventario de 38 restos óseos recuperados nesta cova e o lugar onde se atopan depositados. Descoñezo si existe contestación.



Restos humanos atopados na Cova da Arcoia a nivel superficial.


Cráneo en norma lateral de (Ursus arctos). Cova da Arcoia.
Depositado no Laboratorio Xeolóxico de Laxe. A Coruña.

Na actualidade non se coñecen estudos máis fondos deste tipo de interesantísimos xacementos, e no escuro e agachado lugar no que permanecen non parece probable que vexan a luz a curto prazo, xa que as campañas arqueolóxicas e o interese científico diríxese cara a cousas máis palpables; importantes tamén, pero non únicas.
Cando menos deberíase reclamar a realización dun inventario de cavidades que conteñen restos, deste xeito poderían protexerse, xa que non pode protexerse o que non se coñece.
Nun foro que considero importante escoitei algo que chamou a miña atención e me preocupou; o relator era un especialista en ecoloxía, non sei porque chegou a falar das cavidades naturais do Caurel (ninguén as ten en conta) e da abundantísima colonia de morcegos que habitan nelas, apuntou sen ningún reparo, que, tendo en conta algúns comentarios que lle tiñan feito, as covas aquí son pequenas e delicadas (certo) e debería prohibirse a entrada nelas (non tan certo). Pareceume que pisaba nun terreo descoñecido, cousa frecuente nos que axiña, sen ningún tipo de razoamento falan de prohibir, e pregunteille si realmente cría que a colonia de morcegos cavernícolas era importante nas covas do Caurel, contestoume que non tiña datos precisos; eu engadiría que ademais de imprecisos os seus datos serían cando menos antigos, na actualidade e por pura observación de profano a colonia de quirópteros das cavernas do Caurel é moi pequena. Como se pode facer a proposta de prohibir sen saber polo menos onde están as covas?
Nesta dirección, cabe salientar a importante iniciativa tomada na zona de Sarria, onde baixo o proxecto denominado Val do Sarria e Val do Mao, realizouse a prospección e inventario do patrimonio arqueolóxico existente nestas dúas demarcacións, incluíndo, cómo non, o existente nas cavidades naturais. Sen dúbida unha boa medida.
Outra iniciativa espectacular e exemplo da importancia que ten o estudio dos xacementos cavernícolas atopámolo no metódico estudio realizado na Cova de Eirós, no Concello de Triacastela, pola paleontóloga Aurora Grandal e o xeólogo Xoán Ramón Vidal da Universidade de Ciencias da Coruña. O xacemento de Oso das Cavernas de Cova Eirós constitúe na actualidade o límite occidental eurasiático na distribución da especie. Desta especie obtivéronse polo de agora uns 4.000 restos óseos, principalmente de Ursus Speleaus. As datacións absolutas realizadas nas coladas estalagmíticas por debaixo dos niveis fértiles proporcionaron idades comprendidas entre os 117.000 e 28.000 anos.
Aínda que se trate dun exemplo do campo aberto nestas serras encamiñado ao estudo dos seres orgánicos no que os restos se atopan fosilizados, permítenos a comprensión, cando menos “a priori”, do potencial arqueolóxico que podemos supoñer nas covas do Caurel; onde tamén foron estudados, aínda que non con tanta precisión, numerosos restos óseos atopados en cavidades deste concello e concellos limítrofes. Como mostra significativa é preciso sinalar os restos que foron retirados polo mesmo persoal que na cova de Eirós, das covas da Arcoia, Tarelo e Ceza, no Caurel; Purruñal, Valdeabraira e Sumio de Chan do Lindeiro, no Cebreiro e Praducelos e Cancelo, no concello de Triacastela.
Restos óseos fosilizados. Cova do Tarelo.


Corno fosilizado. Sumio de Chan do lindeiro.
No campo puramente arqueolóxico, produto da campaña de prospección do ano 1.980, mencionada con anterioridade, prospectáronse un total de catro covas no Concello de Folgoso do Caurel cos seguintes resultados:
-COVA DO OSO, parroquia de Moreda. Segundo estudos e plano do G.E.S. ÁRTABROS da CORUÑA, ten unha lonxitude coñecida de 20 metros. Está localizada nun paquete calcario georgiense que aflora entre esquitos de lousa do Cámbrico e Ordovícico. A aliñación destas calcarias leva dirección NW-SE.
Trátase dun pequeno complexo calcario con tres entradas moi próximas entre si. A máis importante é a que recibe en realidade o nome de Cova do Oso. O seu percorrido componse dunha galería principal con dirección Oeste-Sur-Oeste e remata practicamente cegada por un laminador. Da galería principal, parte no primeiro cambio de orientación, unha pequena ramificación moi estreita que con dirección Norte-Oeste percorre 6,90 metros. Aquí recolléronse restos de cerámica e unha abundante cantidade de ósos, de igual xeito recolléronse algúns fragmentos na galería principal.
O interese da cerámica atopada e o recheo que aparece na entrada e na pequena ramificación da cova conceden unha evidente importancia ao xacemento con vista a unha posible intervención arqueolóxica.
Os achados cerámicos desta cova, tres anacos de vasilla de barro amarelo escuro, delgado e de superficie lisa, con decoración na parte media da panza, adorno inciso de riscos finos dispostos en xeito de palma separada por unha franxa punteada con liñas lonxitudinais trazadas a punzón, ademais doutros fragmentos de menor tamaño, constituiron un caso totalmente illado na arqueoloxía galega, polo que foi imposible relacionalo con nada similar nunha área máis o menos preto desta zona. De todos os xeitos, a decoración de incisións en espiga e os puntos que leva na panza amosan paralelismos aproximados tanto na cerámica do tipo “Penha”, coma en exemplares da época castrexa. Non obstante, a decoración con incisións pouco fondas e en claro perfil en “S”, lavaron aos investigadores a datala nos inicios da cerámica castrexa, é dicir, entre os últimos anos do Bronce Final e os inicios da Idade do Ferro.

O coñecemento desta cova debeuse ás informacións do Señor Xosé Novo Fernández, que facilitou os materiais e a súa localización ao Sr. Vázquez Seijas, que no ano 1.969 era o director do Museo Provincial de Lugo.
-COVA LONGO DE MEO, parroquia de Moreda: Segundo estudos e plano do G.E.S. ÁRTABROS da CORUÑA, ten unha lonxitude coñecida de 160 metros. Forma parte do mesmo afloramento calcario que a Cova do Oso. Presenta numerosas ramificacións e varias entradas. Dende o punto de vista arqueolóxico ofrece mellores posibilidades que a anterior, en primeiro lugar porque nunha das entradas hai unha considerable acumulación de terras que permitirían incluso unha escavación estratigráfica. Asemade, xunto a unha das bocas hai un pequeno abrigo no que se aprecia un recheo con potencia suficiente para xustifica-la súa escavación.
-COVA TARO DA LASTRA, parroquia de Esperante: Segundo estudos e plano do G.E.S. ÁRTABROS de A CORUÑA, ten unha lonxitude coñecida de 140 metros. Atópase nun afloramento calcario do mesmo tipo que as anteriores. A boca oriéntase cara o NW e dá acceso a unha primeira sala de 4x3,5 metros onde un recheo de terra aconsellaría unha escavación. O resto da cova non presenta moito interese arqueolóxico, xa que en todo o seu percorrido aflora a rocha.
-COVA DO EIXE, parroquia de Seoane: Segundo estudos e plano do G.E.S. ÁRTABROS da CORUÑA, ten unha lonxitude coñecida de 27 metros. Recibe este nome porque a boca está partida en dous por unha columna estalagmítica practicamente na entrada da cova. Accédese a ela por unha sala de 6,5x3 metros, na que se detectan grandes derrubamentos sobre o que posiblemente teña maior interese arqueolóxico. A mencionada sala é habitable e máis cómoda que a do Oso, pero os únicos restos atopados polos prospectores foron algúns fragmentos óseos, aínda que hai datos fiables do espolio desta cova da que se retiraron varios fragmentos de cerámica de características similares ás descritas na cova do Oso. Esta circunstancia e a relativa proximidade entre ambas indican que posiblemente as covas da zona serviran como lugar de habitación antes da época castrexa.
A importancia desta cova viuse incrementada na actualidade, xa que os únicos exemplares do insecto denominado “Galaicodytes caureliensis” atopados polo de agora en todo o mundo teñen o seu hábitat nesta gruta da serra do Caurel e os seus parentes máis próximos viven na selva centroamericana. O achado deste coleóptero de seis a sete milímetros de lonxitude, sen ollos nin ás, débese aos biólogos José María Salgado e Vicente Ortuño, catedráticos da Universidade de León e da Autónoma de Madrid e a súa existencia deuse a coñecer na revista científica internacional European Journal of Enthomology. Ortuño, V.M. & Salgado, J. M. 2000. Galaicodytes Caurelensis gen. n., sp. n., the first troglobitic species of Platynini (Coleoptera: Carabidae: Pterostichinae) from the westem Palaeartic region. Eur. J. Entomol., 97: 241-252.
O achado dende o meu punto de vista de profano, é impresionante e así o recoñecen os especialistas. Aparecen nos xornais titulares como “Un insecto único en el mundo aparece nunha gruta do Courel” , e levado pola curiosidade seguín con interese as novas sobre o insecto e mesmo rastrexei nas publicacións científicas internacionais en busca de máis datos, pero de pronto, atopeime con titulares como “Piden que se cierre la cueva de O Courel en la que viven insectos de una especie única” e despois “Medio Ambiente podría cerrar una cueva de O Courel donde vive un insecto único”. Eu pregúntome, e no resto das cavidades onde se atoparon restos a nivel superficial e grandes acumulacións de materias susceptibles de investigación que?, pechámolas tamén? Pero onde están?, cales son interesantes?. Resposta: -a Administración descoñéceo.
Ademais, xa está ben; protexer, non significa prohibir, máis ben habería que relacionar o termo con investigar, coñecer e divulgar.
INFORMACIÓN TIRADA DE:
-Excavaciones arqueológicas en España. El Caurel. J.M. Luzón Nogué, F.J. Sánchez Palencia Ramos y otros.
-Revista “Furada”. Nº 7. pp. 18-22. Edita. Federación Galega de Espeleoloxía. Aurora Grandal e X.R. Vidal.
-Macromamíferos del Pleistoceno Superior de Galicia (NW de la Península Ibérica). Cuaderno Lab. Xeolóxico de Laxe. A Coruña. 1.991. vol 16, pp 7-22.
-Revista Don Camilo. Edit. Irmandade de Fillos e Amigos de Quiroga. Apuntamentos sobre os xacementos arqueolóxicos en covas naturais na Serra do Caurel. Ramón Vila Anca. Nº 13. pp 7-8.
-Informe Cova Arcoia, J.R. Vidal Romaní e Aurora Vidal D’Anglade. Inédito.
-Inventario de Cavidades Naturales de Galicia. Federación Galega de Espeleoloxía. Inédito.
-Boletín de la comisión de monumentos de Lugo.
-Diario La Voz de Galicia: 14/05/01, 15/05/01, 18/05/01 (Edic. Val de Lemos).


Delicadísimas formacios calcarias, Cova de Traslacosta.

10 comentarios:

  1. ola, aqui che deixo algumhas fotos de tres covas da comarca que me passarom hai uns dias:

    http://www.blogoteca.com/madeingaliza/index.php?cod=61236

    parabens pola página

    ResponderEliminar
  2. gústanos, saúde
    www.cdrportasabertas.org

    ResponderEliminar
  3. Moitas grazas polos vosos comentarios.

    ResponderEliminar
  4. Hola Ramón, encontré este blog por casualidad. Me alegro de que sigas en la brecha divulgando el patrimonio de la zona. osotros por nuestra parte seguimos con los estudios paleontológicos... desde aquí y después de tantos años te agradezco de nuevo tu colaboración con nosotros. Un abrazo, Aurora Grandal

    ResponderEliminar
  5. Hola Aurora, cuanto tiempo!, ya ves; una pequeña contribución para dar a conocer el patrimonio subterráneo y ayudar a protegerlo desde su divulgación racional. Aquellas colaboraciones estuvieran muy bien y nos ayudaran a entender un poco más lo que esconde la tierra en sus entrañas. A ver si algún día volvemos a coincidir. Un abrazo. Ramón Vila.

    ResponderEliminar
  6. Hola,
    Qué información tes sobre da Cova de Tras da lastra (Mostaz... estiven a visitala o día 16 de outubro. (podo enviarche algunha foto- sobre todo da desfeita que fixeron arrincando as formacións calcáreas...)
    Gracias
    guillediaz_es@yahoo.es

    ResponderEliminar
  7. hola Ramon, soy Maria, unha aficcionada a visitar covas naturais, esta aventura compartoa coa miña pequena pandilla,7 en total. A nosa ultima escapada a estas belezas foi fai cousa de 15 dias, a cova da ceza, e gustounos moitísimo. A próxima en visitar temos pensado que sexa a cova do eixo, e como non, facela ruta do val das mouras, poderíasme dar informacion? e que da cova do eixe non atopo imaxes en internet e tampouco sei se queda lonxe unha cousa da outra pra poder velas na mesma xornada. moitas gracias e un saudiño. sktopline@hotmail.es
    12 de novembro do 2011

    ResponderEliminar
  8. Hola Ramon, aqui outro usuario que comparte aficions e inquietudes contigo , a verdade e que queda un abraido con toda a informacion que manexas e declarandote profano...
    Non deixes nunca de protexer e fomentar estudos nas nosas covas, fas unha gran labor, a maioria dos galegos non sabemos ben o que temos, e cando visitamos as grutas moitas veces non nos damos conta do que estamos a observar, estaria ben que esta informacion chegase a mais xente.
    Un cordial saudo

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Moitas grazas pola túa visita e as túas palabras. Este é un artigo vello e superado que pensei en quitar do blog, pero seguro que algo pode tirarse del nos tempos que corren. Si queres profundizar máis neste mundo permítome aconsellarche que visites este sitio, contén moita máis información: https://www.espeleoloxia.org/web/es/furada/ Aquí podes atopar todos os números da revista Furada que edita dende hai moitos anos a FGE, aínda hai un número, o 13, que non está dispoñible pero que xa se pode conseguir. Un cordial saúdo.

      Eliminar