PÁXINAS AMIGAS

martes, 15 de agosto de 2006

Muztagh Ata 2006: C.1. 5.550 m. – Camiño ata 5.890 m. – C.1. 5.550 m.

Aínda non o sabíamos pero esta noite foi decisiva para o desenvolvemento da ascensión. A tremenda nevada deixou uns 60 cm de neve no C1, máis arriba…?. As primeiras horas do día son de indecisión porque non hai pegada e segue a nevar. Non pasei mala noite e único rastro da altura é unha lixeirísima dor de cabeza que pasa con paracetamol. Todo indica que non poderemos subir ó C2 pero tampouco baixaremos ó base. Despois dun bo almorzo, decidimos saír cara arriba para ir abrindo a pegada ata a zona de fendas, sen máis, e pasar o resto do día e a noite no C1; será duro polo aburrimento pero interesante porque axudará a completar a aclimatación. Subo probando as raquetas de neve por primeira vez, non introduce ningunha dificultade; ascender sen carga fai que as cousas se vexan doutro xeito aínda que podo dicir que ata agora ningún porteo me deixou esmagado. Descenso rápido e comida frugal a base de embutido español, moi socorrido, baixo unha intensa nevada, logo un rato ó saco. Ás 16h o tempo cambia e pódese saír da tenda, as vistas son espectaculares e hai novos veciños alemáns que van chegando atordados pola falla de aclimatación. Especie de merenda. Ás 17h55’ móntase unha tormenta tremenda con neve, trono e lóstregos… Como sempre ata o de agora a noite pasa nun estado de soño tedioso, hai que ter en conta que ás 19h xa estou intentado durmir e non empezará unha nova xornada ata ás 8h do seguinte día coa incerteza de non saber moi ben cara onde iremos. En principio parece claro que cara a abaixo porque nas primeiras horas da noite está a caer unha nevada de impresión e a moral de todos nós empeza a estar baixa, literalmente estamos un pouco atrapados no C1. Non ceo moito, e a noite vaise entre sonos e reflexións que, como sempre, non me axudan nada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario