PÁXINAS AMIGAS

domingo, 23 de abril de 2017

CARROZO DA FREITA OU BARRANCO DE EIRIZ. EIRIZ. FOLGOSO DO CAUREL

O carrozo da Freita é o derradeiro afluente do río Lóuzara antes da súa desembocadura no río Lor. Corto, cómodo, vertical e de grande e sostida intensidade. É un dos barrancos clásicos da Serra do Caurel que se ven repetindo, con total seguridade, dende a década dos noventa do século pasado. Probablemente despois da exploración e equipamento do Ferreiriño, o Selmo entre a Seara e Vieiros e o Rego do Aceval en Ferramulín, se descenderan por primeira vez as grandes fervenzas verticais de Eiriz, pero… quen o sabe?
Imprescindible para comprender a esencia dos barrancos da Serra do Caurel.
Só é necesario un vehículo.

Aproximación: descríbese as dúas opcións que consideramos máis rápidas dende Folgoso do Caurel.
-Na saída da vila de Folgoso, en dirección a Semana do Caurel, collemos a estrada LU-P-4701 que nos leva ata Baldomir (4 Km); unha vez na ponte de Baldomir, desvío a dereita pola estrada que atravesa Baldomir (a 200 m da ponte está o Bar Costa, magnífico lugar para facer unha parada e obter algunha indicación si é necesaria) para dirixirse primeiro á Pendella (570 m) e logo O Touzón (1 Km); atravesamos a aldea do Touzón polas súas estreitas rúas con moita precaución para seguir 650 m, pola estrada que leva á principal de Eiriz, ata unha curva moi pechada á esquerda onde deixamos o coche, xusto na entrada do camiño que nos conduce ata o mesmo leito do río 200 metros máis adiante.
-Na saída da vila de Folgoso, en dirección a Seoane do Caurel, collemos a estrada LU-P-4701 que nos leva a Baldomir, Vilarmor, Froxán etc. Dende o desvío de Folgoso ata o seguinte cruzamento, unha vez pasamos por Baldomir, hai cinco quilómetros; aquí colleremos a estrada que leva a Eiriz, para deixala 1’9 km máis adiante desviándonos á dereita pola estrada que leva a aldea de O Touzón pola que circularemos 800 m ata unha curva moi pechada á dereita; neste punto deixamos o coche xusto na entrada do camiño que nos conduce ata o mesmo leito do río 200 metros máis adiante.

Descenso: aínda que non presenta grandes dificultades técnicas agás as propias da altura das súas fervenzas, compre avaliar caudal, con moita auga son especialmente complicados o primeiro resalte (R-8) moi encaixado e o derradeiro (R-37,6) que despois de superados os primeiros 17 metros ten forma de funil antes de abrirse nunha espectacular cola de cabalo. Todos os resaltes fanse normalmente empregando os ancoraxes naturais da esquerda, con moito caudal é preferible empregar os da dereita e no último con abundante caudal o máis adecuado e fraccionar o descenso en dúas tiradas de 17,6 m e 20 m, sempre sobre ancoraxes naturais á dereita.
Sempre moita precaución coa aproximación ás cabeceiras dos resaltes.



MELLOR ÉPOCA: Todo o ano. Despois de choivas prolongadas, desxeo, ou treboadas, moito ollo co caudal.
Compre ter en conta que o retorno máis espectacular faise por un treito do río Lóuzara (ata a ponte de Sudrios) que é un dos ríos importantes da Serra do Caurel. Con moito caudal pode resultar perigoso xa que é moi acuático e hai zonas de pozos e rápidos.
MATERIAL NECESARIO:
-Casco.
-Traxe de neopreno completo. Aínda que no verán para as fervenzas do barranco é suficiente co peto, compre ter en conta que o retorno polo río Lóuzara ata a ponte de Sudrios é moi acuático e a auga deste río e bastante fría.
-Dúas cordas de 40 m.
-Equipo de descenso e ascenso.
-Cabos de ancoraxe.
TEMPOS ESTIMADOS:
Só é necesario un vehículo.
-Acceso: 5 minutos.
-Retorno: 20 minutos, dende a ponte de Sudrios ata o coche a través da aldea do Touzón.
-Descenso (barranco+treito do río Lóuzara ata a ponte de Sudrios): 2 h 30' para un grupo pequeno e desenvolto.

R-8 m

R-30 m

R-26,50 m

R-37,60 m

No río Louzara, onde se chega despois do descenso da derradeira fervenza