martes, 31 de julio de 2007

Lembro perfectamente o mes de setembro do ano 2006, chegaba contento pero desfeito do Muztagh Ata; non, non foi a montaña... De todas as posibilidades desenvolvéronse as peores previsións.

Agora marcho outra vez, non sei moi ven a onde, pero marcho coas cousas collidas con alfinetes... o destino dirá. As urxencias históricas xa non me preocupan tanto, alí vou eu despois dun mal inverno no que non fun quen de definirme e sabendo que tiña que facelo.

A Mezquita Roxa de Rawalpindi agardaba con sorpresas para as datas previstas, non fun quen.

lunes, 30 de julio de 2007

Novamente 11 minutos, de xeito aproximado claro. Interesante: -Onde vas de vacacións este ano. -Pois polo de agora a ningún sitio... Colleume por sorpresa... tería que dicir: -Non vou a ningún sitio, rompín e aínda non conseguín volver. Teño que empezar de cero. Esa e a verdade. 
Eu tiña que estar en Paquistán, o pais está revolto pero tiña que estar alí... a culpa e do inverno, non pasei un bo inverno.

Corpo contra corpo,/ pel con pel,/ luz do sol de media noite,/ murmurio de auga./ Non hai tregua,/ racha o silenzo,/ sen prisa,/ as cousas pasan,/ quedará o sangue...

jueves, 26 de julio de 2007

A que sabe o aire sen osíxeno?. Lembras...



Cando miro aquí recordo perfectamente o sabor característico do aire enrarecido.


Descansa o corpo que estivo do outro lado da liña vermella, na "zona da morte" que dirían os grandes. Na cabeza un montón de paxaros. Por moito que imaxinara non sabía o que estaba por vir; dor ata romper e ter que volver ó principio con moitas posibilidades de non chegar de novo o mesmo punto. Aí andamos...


-E que pasa?. -Pois nada, non pasa nada. Cada quen que aguante do seu.

miércoles, 18 de julio de 2007

Larga é a espera...

Oxalá que os cans atravesen o ceo...

lunes, 16 de julio de 2007

De pronto, véxome novamente nunha parede loitando contra o meu interior. Nalgún instante, dos que duran uns segundos síntome en paz. Boca seca, mente baleira, non estás... só rocha, pel, suor e liberación. Lembro un día lonxano: -igual non volvemos nunca máis ó lugar encantado, -non digas esas cousas.... Tardei, pero volvín e sentinme viaxeiro; a distancia non importa, és viaxeiro cando podes mirarte dende fora.

martes, 10 de julio de 2007

E rozas o meu brazo,/ man de xeo que di pouco,/ nada./ Máis do que eu pensaba,/ sabes que a ferida é fonda,/ xa non hai sangue pero dura,/ testemuña cega e muda do medo,/ medo a saber quen és,/ medo a escoitar a voz que berra no interior,/ medo a non querer oír con claridade, /medo a lembrar cousas que eu non vivín,/ medo...,/ frío..., /escuridade...,/esquecemento.../ E véxote enteira, sen esquinas,/ miro e véxote enteira...



Once minutos, máis ou menos, como se non tivera pasado nada, sén dúbida é o mellor.  En agosto, si, en agosto; pero non irei na procura do xeo a ningures, -por que?, -porque estou roto. O aire que non é aire negariase a entrar nos meus pulmóns. Farei algo para min: non irei en busca do frío.

lunes, 2 de julio de 2007

Creo que foi algún diaño o que dixo: La palabra es plata, pero el silencio es oro. Entón haberá que calar...

domingo, 1 de julio de 2007

Bermello pálido,/ luz sen brillo,/ forza esmorecida,/ brétema que non remata,/ recunchos negros, non grises./ Agardo,/ que?,/ agardo nada...

Algún día:


Vólvome home lento, percorro o mesmo camiño en sentido contrario, recollo en anacos os soños de xeo, neve e rocha, lembro o aire que non se pode respirar; lonxe, só, feliz...