Sol, neve, moito frío... a vida que pasa. Perdín a cámara dixital coa que atravesei o mundo. Aínda así veño satisfeito. Hoxe almorzo coa nova da enfermidade de alguén que compartíu moitos momentos comigo no monte, aquel que respondeu a miña pregunta: -por que fas covas?: pola cobiza. Pola cobiza da súa beleza, por solpores máxicos ás saídas, por viaxes impensables... todo se perde pero segue aí. Aquelas cousas axudáronnos a ser o que somos: eu un día cando saín da travesía de Valporquero con eles, quixen ver máis, quixen unha vida distinta, no momento de elexir, xa sabía que pola noite tamén se camiña: -e ti que queres ser de maior, -eu quero ver o mundo dende arriba.
O desenvolvemento das cousas está a demostrar que hai que rir tódolos días, que o final do camiño está aí, o malo e que un non pode elexir cando e porque se sinte ben ou mal. Malia a que queda moita xente preto, o final do meu camiño igual estaba no Pamir, se fora can, como volvo a ser agora seguro que daría algún paso máis despois de estar xa lonxe da raia vermella. E seguro que aínda que non son de moita risa, quedaríame cun sorriso nos beizos... é unha postura egoista porque así mancas ós demais, pero son dous días. Que va! non son ideas suicidas é a vida e o compromiso comigo mesmo... xa sabes: y si tengo miedo, que no lo tengo, susurro y pienso.