PÁXINAS AMIGAS

viernes, 8 de septiembre de 2006

DIARIO DA EXPEDICIÓN Ó MUZTAGH ATA 2006


Si, cada momento da vida, agás o que fagamos, ten a súa canción e as súas circunstancias… aquí hai cousas que nunca lle contei a nadie, poden parecer pouco importantes pero eu vivino así.

-DÍA 2 DE AGOSTO DE 2006. QUIROGA – MADRID.
A viaxe iniciase en Quiroga, como sempre, a eso das 10h30’. Despois de solucionar unha pequena avaría no coche que nos atrasou considerablemente, ás 16h estou no aeroporto de Barajas co meu petate, a miña ilusión e como sempre, ou tal vez máis, as miñas dúbidas. Un pouco máis tarde a angustia consúmeme nun hotel preto do aeroporto agardando que cheguen outros dous membros da expedición que pola distancia da nosa residencia decidimos pasar esta noite en Madrid. Non pode ser, teño unha tose que non me gusta nada e paso mala noite, ademais molesto ós meus sufridos compañeiros de habitación.
-DÍA 3 DE AGOSTO DE 2006. MADRID – PARÍS – PEKÍN.
Levántome máis tranquilo do previsto. Toca marchar e parece que por fin asumo que haberá que centrarse un pouco no que teño entre as mans. Solucionamos os problemas normais á hora de facturar e cando me dou conta xa estou novamente metido nun avión cara a París. Xa estamos todos os membros da expedición agás os tres cataláns que agardan dende onte en París; Fernado, Fer, Juanjo, Octavio, Gustavo e Jose, saímos de Madrid ás 10h30’ para coller o voo que nos levará a Pekín, o traxecto foi moi movido, como non melloren as cousas agárdame moito sufrimento nos avións. En París únense a nos Pere, Miquel e Josep. Cando son as 16h57’ estou metido novamente nun avión enorme rumbo á capital chinesa, igual é un sono. Son as 19h21’ e o avión semella saírse do mapa, escribo porque teño un intre de angustia terrible: tanto tempo para pensar non é bo. 21h30’ puiden durmir un cacho e marchou o mal estar que me producen certos pensamentos, agora o meu corpo voa por enriba de Siberia, estou chegando a Omsk, calquera diría, semella incrible. En resumen foi un voo fisicamente tranquilo que chega a Pekín ás 2 hora española e ás 8 hora local do xa día 4 de agosto. De súpeto atópome en China, en Asia, non tiña estado nunca aquí, estou canso e confundido.
-DÍA 4 DE AGOSTO DE 2006. PEKÍN.
Pronto podemos comprobar o caótico que é Pekín, unha cidade enorme, desproporcionada e deslucida por un ceo brumoso procedente da contaminación ambiental. Do aeroporto ó hotel a primeira impresión é a dun lugar feo e con moitos chinos. Todo marcha segundo o previsto e estou tranquilo porque aínda non me podo comunicar con España, non son horas. Primeira ducha en territorio chinés e un rato para repasar as cousas e meditar, paso uns segundos de angustia aínda que xa sei que o teléfono funciona. Comeremos todos xuntos nun restaurante preto do hotel, só entrar baixa a alma ós pes, non podo soportar o cheiro e asumo que non poderei aguantar un mes sen xantar. Neste primeiro contacto coa comida chinesa, como puiden fun metendo algo. Despois deste xantar frugal hai cansazo e sono pero trátase de aproveitar a tarde nesta cidade visitando a Praza de Tianamen e a Cidade Prohibida, non son aínda moi consciente de onde estou pero fago un montón de fotos para lembrar cando todo pase. Neste lugar grandioso recibo novas de Quiroga e poderei aguantar ata a noite. A visita á Cidade Prohibida déixame un pouco desacougado, é inmensa e hai pouco tempo e moita xente. No solpor visitamos unha das rúas típicas do centro de Pekín; inmenso bazar con todo tipo de postos para xantar: ¡¡ese cheiro…xa non sairá do meu nariz en moito tempo!!. Para cear, pasta picante, no medio da rúa e con palillos. Esto está mellor, hai ambiente e parécese ó que eu tiña na cabeza. Nova comunicación con Quiroga e moi animado métome na cama despois de 34 h. sen durmir, con boas sensacións a pesar dos demos interiores. Estou canso e persiste unha tose moi fea que ameaza con arruinalo todo.
-DÍA 5 DE AGOSTO DE 2006. PEKÍN – URUMCHI – KASHGAR.
O espertador sona ás 5h 30’, foi un sono reparador pero que sabe a pouco. Almorzo apetitoso, aproveito para fartarme porque virán tempos peores. Ás 6h15’ empeza novamente o baile de avións. 10h54’ hora china, no avión Pekín – Urumchi, sinto o mesmo medo de sempre. 15h30’ dentro do avión Urumchi – Kashgar, cada vez máis presión polo esgotamento físico. Só penso en chegar e comunicarme. Chego a Kashi sen ningunha novidade agás moito cansazo aumentado pola presión de tantas horas nos avións. A cidade é totalmente árabe, aquí conviven uigures, kirghises e chinos (en minoría), nunha harmonía que fai deste lugar algo marabilloso. O solpor na praza da mezquita de Kashgar que é a máis grande de China, co muecín chamando á oración é arrepiante; estou só, tan lonxe de Quiroga como só cabe na imaxinación, nun intre que dura pouco síntome en paz comigo e co mundo. A primeira cea nesta terra é suculenta, esto xa é outra cousa… a fame e un pouco de adaptación, fan que goce da comida uigur. A partir de agora terei que concentrarme ou morrerei no intento, mañá empeza o que viñen buscar.
-DÍA 6 DE AGOSTO DE 2006. KASHGAR – KARKUL LAKE (3.600 m).
Levanto antes das oito para tratar de almorzar tranquilo. Non paso mala noite pero aínda teño sono. Como sempre, axiña chegan a cabeza un montón de cousas. O plan para hoxe é desprazarse de Kashgar a Karkul Lake, 3.600 m. Móvome satisfeito cara a montaña. De camiño parada para comer na aldea de Upal que amosa claramente cal é a realidade dunha zona miserable. En canto a Karakorum Highway gaña altura a paisaxe cambia de xeito radical e aparecen os primeiros glaciares pendurados de montañas de máis de 5.000 m. Dende o Karkul Lake xa se ven as grandes montañas desta rexión: O Kongur Shan (7.719 m.) e o Muztagh Ata (7.548 m). Realmente da medo pensar no que ven. As vindeiras dúas noites durmiremos nunha iurta kirguis; esto si que resulta como eu pensaba.
-DÍA 7 DE AGOSTO DE 2006. KARKUL LAKE – Pico 4.000 m.
Non está mal, virán tempos peores e agora seino. Pasou a primeira noite na iurta típica, ten o seu encanto. A cea nun restaurante chinés que cheira como sempre pero a comida está boa. O día de hoxe dedicarémolo a aclimatar aquí, aínda que nun principio o plan era subir o campo base directamente, con bo criterio pasaremos unha segunda noite a 3.600 m. Polo de agora non hai ningún problema coa aclimatación e para a miña sorpresa rematou a tose que me torturaba dende que saíra de Quiroga, si, é posible que fora producida polos nervios. Levantamos ás 7h30’, almorzo kirguís na iurta a base de té, pan e un doce parecido as orellas de entroido, non me atrevo coa leite de iac por precaución, non estivo mal. Para mellorar a aclimatación hoxe subiremos ata 4.000 m, o que nesta zona resulta doado, calquera dos outeiros ó carón do Lago Negro superan con amplitude esta cota. As vistas son abraiantes sobre a infinidade dos lagos e o macizo do Kongur que por momentos deixa ver o seu pico principal resultando arrepiante cos seus preto de 8.000 m. Pero a nosa vista detense unha e outra vez no Muztagh Ata, que aparece tímido entre a brétema por veces, novamente pon medo pensar no que ven. Moitas fotos e boa sensación. Temos que baixar de xeito precipitado porque nun intre a sarabia faise insoportable. O xantar de hoxe será nunha casa kirguís de adobe onde nos prepararon un arroz delicioso, ou é qué a fame empeza a ser determinante. Pola tarde descanso e aproveito para gozar do sitio no que me atopo, supoño que non haberá en todo o mundo un lugar con tanta beleza xunta como a que ofrecen as ribeiras do Karkul Lake. Pola noite probo por primeira vez os famosos “kebabs”, pinchos de carne de cabra á brasa; un manxar, todo para dentro. Despois, nun espectáculo musical en directo, cumpro o sono de escoitar a dous intérpretes de laude árabe, foi un momento bonito e cargado de emoción. Ás 22 h, estou metido no saco para pasar unha noite tensa, mañá toca subir o campo base e o sufrimento virá pouco a pouco, como ven sempre. Novamente atópome no lugar adecuado aínda que noto que as sensacións estanme a superar e agora leo no meu caderno cousas que me xean o sangue.
-DÍA 8 DE AGOSTO DE 2006. KARKUL LAKE 3.600 – C.B. 4.445 m.
Non foi unha mala noite, co día volven a cabeza os mesmos pensamentos negativos de sempre, pero trato de superalos. Preparativos. Pronto en coche ata o poboado de Subash, punto de partida cara ó campo base e principio da andaina. Fártome de facer fotos, o paraxe a 3.700 m é impresionante; por unha banda a Karakorum Highway, e pola outra unha enorme planicie verde pola que discorre o río Amu Daria, máis aló o deserto, con burros ananos, camelos… e auténticos kirguises nómades, sempre coa mole do Muztagh Ata ó fondo e pechando o val a pantasmagórica presencia do Kongur Shan. Comezo a camiñar con tranquilidade, sen ningunha présa aínda que o resto do grupo voa polo deserto, eu sei que teño que ir a modiño, imaxineino así e levareino a cabo. O terreo gaña altura suavemente sen apertar demasiado os corpos malia unha lixeira pesadez na cabeza; a aproximación o campo base lembra a andaina ata Praza de Mulas (C.B. do Aconcagua) aínda que con espacios máis grandiosos e abertos, menos pechado de montañas. Como sempre eu vou o meu, tratando de gozar e non mancar o organismo coa altura. Vexo as marmotas que habitan nestas montañas. Atópome ben e en tres horas e media chegamos ó campo base, pouco antes das 13h, con tempo xusto para a primeira comida. O C.B, está instalado nunha chaira entre as morenas dos glaciares Kamatolja e Kartamak, parece un sitio moi tranquilo cunhas infraestructuras moito máis modestas que noutros sitios. Despois dun xantar copioso toca montar as tendas individuais, compartirei con Pere unha tenda grande que non suscita problemas de espacio, ademais entendémonos ben dende o principio. O resto da tarde pasa entre a organización do material e unha merenda que se xunta coa cena, hai que almacenar para os días de privacións que seguro que virán. Estou ben, polo de agora ningún síntoma do mal de altura, déixao que xa aparecerá. Teño dúbidas, ó mesmo tempo nótome moi centrado no tema. Ás 21h no saco.
-DÍA 9 DE AGOSTO DE 2006. C.B. 4.445 m. – C.1. 5.450 m – C.B. 4.445 m.
Paso unha noite estupenda, sorpréndeme e non quero confiarme. Ás 7h40’ empezan os preparativos, o almorzo ás 8h. Cando aínda non son as 9h estou listo para saír cara arriba. Sinto as primeiras molestias no estómago, nada serio. A subida ó C1 é larga e hai que gañar uns 1000 m de altura, vou confiado pero moi a modo, sen carga e tratando de beber todo o posible. A subida difire pouco daquela pendente infernal do Aconcagua ata Niño de Cóndores, tal vez un pouco máis tendida; a vista dos glaciares e a proximidade da neve por arriba fano distinto e impresionante. Avanzo sen ningunha molestia e na parada para o aperitivo podo comer e beber sen problemas, incluso moito. Por momentos voume crecendo aínda que non quero confiarme. Un novo empuxón e xa estamos nas primeiras tendas do C1, outra vez nas alturas, atópome como se non fóra comigo, como, bebo e móvome sen molestias. A altura aquí semella menos severa que no Aconcagua. Baixo moi satisfeito, como nunha nube, pensando que con humildade pode saír ben. Ás 14h 30’ estou novamente no base sen correr na baixada e despois dunha parada no glaciar para coller auga; en canto chego bebo coma un tolo, hai que manter a disciplina. Despois do xantar e aproveitando que non vai moito frío tocará coidar algo do aseo persoal, nun pequeno porraco do regato que baixa do glaciar Kartamak, consigo lavarme enteiro cunha boa dose de vontade e gracias a almofía dun italiano moi amable. As cousas aquí vense de xeito ben distinto, vólveste completamente primario e canto antes o asumas máis doada resulta a vida; a modiño, como sempre, vou comprendendo onde estou.
-DÍA 10 DE AGOSTO DE 2006. C.B. 4.445 m.
Hoxe toca quedar no C.B traballando arreo para organizar todo o que levaremos ós campos de altura: comida, gas, tendas, cordas… e material persoal, deberán quedar perfectamente listos para a xornada de mañá. Non quero ser moi optimista pero agás pequenas molestias atópome perfectamente. Como sempre aquí, toca madrugar, ás 8 h xa estou na tenda comedor almorzando. A perspectiva dos preparativos nun principio asusta un pouco pero con calma as cousas veñen ó seu sitio; primeiro racións de altura e marcha, gas e material colectivo, logo o material persoal, á tarde as tendas e os fornelos. Arriba compartirei tenda con Gus e Oc, os dous mexicanos. A alimentación en altura consistirá no mesmo de sempre, ademais de embutido que trouxemos de España e que a bo seguro saberá a gloria. O contacto coa neve e o xeo e inminente e cáusame ansiedade pero en definitiva é o que viñemos buscando. Os vindeiros días serán decisivos para o desenvolvemento da expedición, hai dúbidas pero estamos animados e as risas son continuas o que facilita moito as cousas. Ceo pouco porque non me gustan os “nudels”.
-DÍA 11 DE AGOSTO DE 2006. C.B. 4.445 m – C.1 alto. 5.550 m.
Ben, agora a cousa xa vai en serio. Levántome ás 7h15’ para ter toda a carga preparada para os porteadores ás 8h, non hai complicacións xa que onte quedou todo ben organizado. As primeiras ramplas sempre cravan un pouco pero éntrase rápido en calor e non hai maior dificultade. Sigo atopándome moi ben, non hai rastro dun mal de altura que aparecerá. Podo comer e beber durante toda a subida. A chegada o C1 resulta un pouco caótica, ademais non vexo o petate subido polos porteadores e noto que non podo axudar a montar a tenda depósito con tanta alegría como sería de agardar. Comida frugal pero con apetito a base de xamón e queixo traídos de España. Decídome a mandar mensaxes que non sei si terán resposta, nun punto do C1 baixo hai cobertura de móbil, Ubaldo e Carol que cumpriu anos onte (seguro que nunca tivo unha felicitación dende tan arriba), confío en que resultará tranquilizador, non me atrevo a chamar porque é hora de traballo nun mundo tan lonxe de todo esto que ata da medo. Hai outras realidades. Só queda unha pa de neve duns 100 m de desnivel e xa estarei no noso C1, xa na neve, baixo unha barreira de seracs e inmerso nunha paisaxe próxima á irrealidade. A chegada despois do esforzo realizado resulta satisfactoria aínda que levemente empezo a notar os efectos da altura; aproveitando unha plataforma xa medio feita instalo a primeira tenda de altura. Agora sei o que pasará, falta de apetito, cansazo e mal estar. Cunha boa organización, malia o pouco espazo, axiña conseguimos varios litros de auga para cociñar e para beber na xornada de mañá, comer algo agora sería difícil. Ven unha noite longa e dura, en definitiva inesquecible. Penso e existo, tamén escoito música.
-DÍA 12 DE AGOSTO DE 2006. C.1. alto. 5.550 m. – C.2 6.190 m. – C.B. 4.445 m.
O espertar é malo como sempre a primeira noite que dormes a esta altura, gustaríame que non fose así. Ó saír da tenda as cousas melloran aínda que os preparativos son lentos e fatigosos. Almorzo un té que entra a duras penas. O día non está malo e hoxe está previsto facer un primeiro porteo ó campo 2 para montar unha tenda depósito na que deixaremos gas e comida. Coa mochila ben cargada, vou para arriba con incerteza, hai xente que xa está tocada e non sabemos si todo o grupo poderá chegar a este campo, de non ser así haberá que coller máis peso para deixar abastecido o emprazamento. A primeira rampla, sobre o C1 é moi inclinada pero vaise subindo paseniño, parece que en principio hai forza. A paisaxe entre os campos 1 e 2 é espectacular, circúlase por un terreo cheo de seracs e fendas do glaciar, a visibilidade non é completa pero permite gozar da zona máis bonita da ascensión. Por este terreo progreso encordado con Gus e con Oc; o primeiro inconveniente serio chega cando Gus, cada vez máis lento, cuspe sangue varias veces seguidas. Momento de tensión e indecisión, terá que baixar o antes posible; o saír da zona dos seracs, decídese que baixará acompañado por Josep, que tampouco anda moi fino. Máis carga para o lombo. Despois deste treito entre xigantesco bloques de xeo e despois dunha pausa para repoñer forzas, segue unha forte pendente; ascendo tranquilo, mesmo algo emocionado, estou onde sempre quixen estar e podo ver o meu corpo dende fóra, son un viaxeiro. Chego o C2, canso, xusto de forzas e cústame bastante axudar a montar a tenda depósito. Por riba a montaña semella infinita, sen referencias de onde está o emprazamento do C3 e aínda menos do cumio. Consigo comer algo e para abaixo con ganas de vomitar, ó final sen problemas, en canto perdo altura o corpo mellora de xeito espectacular. Pequena pausa no C1 para deixar parte da roupa e continúo baixando ata a tenda azul do C1 baixo. O resto da baixada, correndo polo sendeiro, 1 h e estou no Campo Base despois dunha xornada esgotadora. Ceo ben e axiña para o saco. Paso boa noite pero soño cousas que non me axudan moito…
-DÍA 13 DE AGOSTO DE 2006. C.B. 4.445 m.
Repouso absoluto no Campo Base, da para pouco pero é totalmente necesario: comer, hidratarse, asearse, comer outra vez, completar preparativos para os porteos e xa é a hora da cea. Atópome ben aínda que con dúbidas, Gus tivo que baixar a Karkul Lake para tratar de mellorar dun principio de edema pulmonar, Josep volverá para arriba pero non está demasiado ben. Métome no saco agardando as vindeiras xornadas que serán duras e decisivas.
-DÍA 14 DE AGOSTO DE 2006. C.B. 4.445 m. – C.1. alto. 5.550 m.
Primeiro día dos que prometen moito, entramos na fase decisiva da expedición. Non é preciso madrugar moito chegaremos con tempo suficiente para durmir no C1. Ás 11 h, iníciase a terceira subida, con indecisión xa que neva lixeiramente. En 3h 30’ estamos no C1 baixo, a aclimatación nótase e malia a neve o ascenso faise doado. Só penso en chegar á tenda azul para comunicarme con Ubaldo, coa mesma emoción de sempre dende estas alturas. Métome na tenda depósito e como o que podo, sobre todo embutido que entra moi ben, a xente vai aparecendo e as condicións meteorolóxicas non son moi boas. Pronto chego a tenda, aínda non hai ninguén, agora cae sarabia… cando para teño tempo suficiente para fundir bastante neve no exterior así a angustia é más tolerable. Chega Oc, temos máis espacio dentro da tenda porque Gus está abaixo tentando recuperarse do seu principio de edema; pola cabeza pasa que podería ser eu, pero ando aguantando como podo, coas miñas dúbidas e un pouco desconcentrado… Por primeira vez caio na conta de que teño que pensar máis en non subir que en subir, será mellor. Finalmente cando son ás 18h, prepárome para unha noite larga cun tempo espantoso; está a nevar moitísimo. Entrei en calor e non teño fame. Novamente dentro dunha carpa roxa, a 5.550 m, sen presa claro… como se pasa unha noite?, pois esperando a que pase, entre durmido e esperto. A neve cae constantemente e preocúpame que tape a abertura que deixamos na porta para que pase o aire. Non é doado vivir nestas condicións, pero non hai outra cousa…
-DÍA 15 DE AGOSTO DE 2006. C.1. 5.550 m. – Camiño ata 5.890 m. – C.1. 5.550 m.
Aínda non o sabíamos pero esta noite foi decisiva para o desenvolvemento da ascensión. A tremenda nevada deixou uns 60 cm de neve no C1, máis arriba…?. As primeiras horas do día son de indecisión porque non hai pegada e segue a nevar. Non pasei mala noite e único rastro da altura é unha lixeirísima dor de cabeza que pasa con paracetamol. Todo indica que non poderemos subir ó C2 pero tampouco baixaremos ó base. Despois dun bo almorzo, decidimos saír cara arriba para ir abrindo a pegada ata a zona de fendas, sen máis, e pasar o resto do día e a noite no C1; será duro polo aburrimento pero interesante porque axudará a completar a aclimatación. Subo probando as raquetas de neve por primeira vez, non introduce ningunha dificultade; ascender sen carga fai que as cousas se vexan doutro xeito aínda que podo dicir que ata agora ningún porteo me deixou esmagado. Descenso rápido e comida frugal a base de embutido español, moi socorrido, baixo unha intensa nevada, logo un rato ó saco. Ás 16h o tempo cambia e pódese saír da tenda, as vistas son espectaculares e hai novos veciños alemáns que van chegando atordados pola falla de aclimatación. Especie de merenda. Ás 17h55’ móntase unha tormenta tremenda con neve, trono e lóstregos… Como sempre ata o de agora a noite pasa nun estado de soño tedioso, hai que ter en conta que ás 19h xa estou intentado durmir e non empezará unha nova xornada ata ás 8h do seguinte día coa incerteza de non saber moi ben cara onde iremos. En principio parece claro que cara a abaixo porque nas primeiras horas da noite está a caer unha nevada de impresión e a moral de todos nós empeza a estar baixa, literalmente estamos un pouco atrapados no C1. Non ceo moito, e a noite vaise entre sonos e reflexións que, como sempre, non me axudan nada.
-DÍA 16 DE AGOSTO DE 2006. C.1. 5.550 m. – C.B. 4.445 m.
O día trae pensamentos terribles, tanto que teño que parar e facer un tremendo esforzo para abandonalos. As dúbidas despéxanse rápido cando vemos o panorama, baixaremos ó base, a neve da por riba dos xeonllos e progresar cara arriba resulta moi duro. Sensación contradictoria, prefería subir a instalar o C2 pero ó mesmo tempo virá ben descansar unha xornada abaixo. O descenso ata o C1 normal é rápida por unha neve sen pegada. Lévame pouco máis de 1h chegar ó base por unha neve que facilita un camiño en liña recta, pouco despois das 12h estou novamente na civilización só a 4.445 m, despois de dous días esgotadores, física y sobre todo para a miña maltreita cabeza. Como todo o que podo aínda con risco de indixestión, aséome o mellor posible e reflexión: se non mellora o tempo non poderemos chegar ó cumio. Son as 15h50’ e camiñarei 1h30’ ata as antenas para intentar comunicarme.
-DÍA 17 DE AGOSTO DE 2006. C.B. 4.445 m. – Glaciar Kamatojlia ata 4.650 m.
Día de descanso. De que…? Supoño que virá ben para comer e beber, a xente do base anda tranquila. A mañá transcorre sen présa entre risas, charlas e cambios de impresións. A temida reunión do “jour x” chega e faime tremer novamente. Como se porán as cousas máis arriba?. Penso pouco en como será non chegar o cumio. Sei dende agora 21h04’ que todo esto terá valido a pena con ou sen cima pero a cabeza non o acepta porque teño unha débeda comigo mesmo. Estou no disparadeiro da montaña da miña vida, ou cando menos dunha delas, porque virán cousas difíciles. Novamente teño que pensar que non sei onde me meto, ou si que o sei pero non podo nin quero volver atrás… A comida a base de “kebabs” foi espectacular, ata fartar porque haberá días moi malos, días que non son doados de esquecer. Despois, pola tarde, paseo suave ata o glaciar Kamatolja; paisaxe que non se pode describir con palabras pola súa grandiosidade e pureza, lección da forza da natureza desatada, e aquel val no fondo…! De volta o C.B meu compañeiro de tenda está moi desanimado, chora como un cativo; non me gusta e faime ver o primarios que somos aquí, moito. Pola noite outra enchenta na cea, nun ambiente moi animado, agora síntome ben. Queda unha noite fantástica, vexo a estrela que indica o norte e penso nas miñas cousas… Hai vida máis aló deste mundo…? Non será mellor nin peor, simplemente distinta…
-DÍA 18 DE AGOSTO DE 2006. C.B. 4.445 m. – C.1. 5.550 m.
Estou ben físicamente pero algo tocado no ánimo, xa sabes: “pao porque aras, pao porque non aras”. Non sei si poderei por aí arriba cos pensamentos que me asaltan, un intre de dúbida, outro cacho estou animado, será posible que eu salia adiante coas cousas que hai na miña cabeza? Agora estou só no C1 alto, nunha tenda prestada polos alemáns, vai moitísimo frío, o bolígrafo escrebe mal, choro…non sei ven por que. A tarde paseina sen molestias físicas pero con incerteza, tanta grandeza serve de pouco; semella incrible, diante dos meus ollos, a esquerda o Karakorum e a dereita o Pamir, nun solpor de película, nembargantes cal é o meu sitio… Xa saín do base coa moral torta, as prediccións de tempo non son boas, vento forte e moito frío en altura, o de ir o cumio semella complicado; só agardo poder gozar sen facerme demasiado dano. Ata aquí a subida non resultou mala pero a miña mochila sempre é moi pesada, trae de todo: o necesario e o innecesario. Hai un montón de incógnitas aínda que as veces son capaz de comprender onde estou, sempre quixen algo así, pero tamén sempre quixen non estar só e non sei si chegarei a conseguilo… Paso moito frío durante a noite, o corpo tarda en quecer e incluso por primeira vez véxome na obriga de pechar o saco ata arriba. Entre a incerteza do que está por chegar e o meu angustioso estado mental, a noite é interminable con pouco sono, sorte que a aclimatación parece boa e teño unha preocupación menos. O tempo está estable, frío e sen rastro do vento anunciado… un solpor así non axuda moito no meu estado de ánimo, fártome de tirar fotos e choro… eu que sei por que?
-DÍA 19 DE AGOSTO DE 2006. C.1. 5.550 m. – C.2. 6.180 m.
Pasou a noite e sigo vivo… Toca prepararse para saír sen moita presa cara o C2, se todo segue segundo o previsto instalarémonos alí e quedaremos a pasar a noite coa idea de desmontalo á mañá seguinte e subir ó C3, este será o momento decisivo; unha vez desmontado o C2, non hai máis remedio que ir a polo cumio. Os preparativos sempre son lentos. Gus xa está outra vez no grupo e semella bastante recuperado para intentalo. Ademais do equipo persoal haberá que subir máis gas e a parte da tenda que lle corresponda a cada un: o resultado é unha mochila que pesa como nunca. Parece que a miña cabeza quedou descansada de tanto bulir durante a noite e móvome como unha pantasma polas primeiras ramplas sobre os seracs do C1. Estou ben fisicamente e sei que farei o posible por chegar ó C3. A pegada está aberta pero a neve está pesada aínda que vai frío. O treito de fendas e seracs entre os campos 1 e 2 é un lugar máxico malia a brétema que entrou de súpeto; esta montaña non concede descansos, hai pouco lugar para as alegrías. Despois dunha pausa para repoñer forzas empeza a zona máis inclinado desta xornada, hai que tomalo con calma, xa sabes: un pé diante do outro e a mente voando… que curioso, gozo sempre neste esforzo ata emocionarme. Qué cousas ten a mente! Entre a néboa, e despois de 5h de esforzo, aparecen as tendas do C2. Non vexo este campo, miro cara arriba, a montaña non remata, tende ó infinito; a silueta dalgún escalador que descende ó lonxe indícanos a inmensidade do que hai por riba de nós. Non pode ser, aquel puntiño, alí arriba, é unha persoa! En cuestión de minutos abriuse o ceo e loce o sol, no C2 hai un movemento frenético; toca preparar unha plataforma na neve e instalar a tenda. Non hai problema parece que o organismo responde perfectamente e en cuestión de algo máis de media hora o campo está montado; son as 16h24’. Síntome mal, xa empezamos, trato de beber algo quente e meto paracetamol e lansoprazol… en media hora estou bastante recuperado e podo saír novamente para falar un cacho con Juanjo e Fer, sempre me fan rir coas súas ocorrencias aínda que non teña ganas. Cea lixeira, fundir neve e de novo para o saco… no meu reproductor mp3 soa música pasteleira… Sigo a pensar e a existir. Estou vivo?
-DÍA 20 DE AGOSTO DE 2006. C.2. 6.180 m. – C.3. 6.900 m.
Non é o momento, pero non soño, só lembro… estou tan lonxe, que este lugar case non aparece nos mapas. A noite non foi a peor malia o pouco espazo da tenda e que non estivemos moi finos a hora de achaiar a plataforma. Aínda é cedo 7h30’ pero os preparativos para ir ó C3 son lentos e complícanse por momentos; hai que subilo todo e a carga da mochila asusta… Cando todo está listo, a mesma rutina de sempre, un pé diante do outro e a mente voando. Por riba do C2 a montaña convértese nun deserto de neve e xeo sen puntos de referencia, afiándose cada vez máis entre os glaciares Kamatolja e Kartamak ata desaparecer no cumio en tremendos abismos. Din que un fachuzo de bambú sobre rochas negras indican o punto culminante do “pai das montañas de xeo”, igual ninguén estivo nunca alí… Progreso lento pero firme, tentando gozar do que está a pasar, demasiado pronto Oc vaise esgotando, o resto do grupo semella non ter problemas e o día non permite moitas alegrías, como sempre, as veces neva e hai moita brétema. Unha mochila abandonada sinalizada con bambú, dúas tendas perdidas sobre 6.500 m e moitas dúbidas. Agora Oc e Gus camiñan moi, moi lento, haberá problemas porque terán que chegar ó C3, decidimos que eu vaia esperando por eles coa radio aberta e o resto do grupo irá o seu ritmo cara ó último campo. Vou ben fisicamente pero cando perdo de vista a xente, entre a brétema, sinto medo. Pasan as horas, o altímetro sinala 6.850 m, xa non pode faltar moito, os mexicanos desanímanse pero agora hai que chegar como sexa. Nun intre a néboa desaparece e vexo o emprazamento do C3, a radio anuncia que os compañeiros xa chegaron e hai boas plataformas para montar as tendas, ben, non todo vai ser negativo. A chegada a 6.900 m foi emotiva, nos últimos metros ata o campamento adiántome dos mexicanos e vexo como sofren para chegar ata aquí, uf!!, veñen problemas: “¡¡Esto es un chingo gallego, esto es un chingo…!!”. Fotos, risas, non estou mal. Chamo o meu irmán, non vai e o pouco devólveme a chamada, comunicamos dende case 7.000 m, no mesmo Himalaia dos soños, nunca pensamos unha cousa así. Monto parte da tenda mentres Oc e Gus collen folgos, vexo con preocupación como Oc ten mala cara; as cuncas dos ollos empezan a poñérselle amarelas… Hostia…!. Dende o base Akbar fala con Fernando: hai un alemán desaparecido cando baixaba do cumio… Son un pouco máis das 18 hora chinesa: “Que chingadera carnal, case no me puedo mover…”. Intento apurar o que podo para rematar de montar a tenda. Vai un frío do diaño, haberá que meterse dentro aínda que o tempo mellorou durante a tarde e hai unhas vistas espectaculares. Gus e Oc xa están dentro, non se atopan demasiado ben, case non se moven… teño que fundir neve e preparar polo menos unha infusión para meter algo quente no corpo aterecido. Hoxe probarei o té de coca que veu de México, non está mal pero crávaseme no estómago… Intento durmir, contento, sen pensar demasiado no día de mañá… preséntase outra noite realmente inesquecible.
-DÍA 21 DE AGOSTO DE 2006. C.3. 6.900 m. – Intento cume ata 7.350 m. – C.3. 6.900 m.
Un movemento no saco e tremenda arcada… tres segundos, o tempo suficiente para abrir a cremalleira e vomitar na bolsa do neve para fundir que está no avance da tenda. Son as 5h, mal empeza o día de cumio; parece que está bo día e non hai rastro do vento anunciado… Prepararse para saír non é unha tarefa doada, todo sucede lentamente. Os mexicanos están un pouco mellor e tamén participarán no intento. Xa hai movemento no C3. Vou completando a miña vestimenta segundo pasan os minutos… 6h45’ só queda a carcasa da bota é o máis complicado. Non levarei mochila, todo o necesario irá nos petos do plumas e acomodado contra o corpo… tampouco preciso moita cousa para esta viaxe. 7h10’, saio ó exterior, vaia día… quen o ía dicir. De almorzo unhas galletas e uns tragos de auga que case non pasan pola gorxa… é difícil de crer pero é así, eu non podo comer a esta altura aínda que non me atopo moi mal. 7h30’, calzo as raquetas, o grupo xa está preparado. As nosas miradas inquedas están fixas no fungo prendido na zona superior da montaña, ninguén di nada pero todos sabemos o que significa unha nube lenticular no cumio… ¡¡hostia, hostia…!!, dúbidas. 7h42’’ Vámonos xa, a mente voando, en Quiroga a xente estará durmir, un paso, outro paso… a neve está pesada; aproveitamos a pegada dos esquiadores pero non é suficiente, cada pisada supón un esforzo: hai unha capa delgadiña de xeo e por baixo a neve branda dos días anteriores. Cada paso supón enterrar a perna por riba do nocello malia as raquetas, nun principio non parecía un inconveniente importante pero resultou definitivo… a marcha é lenta e fatigosa. Os máis frescos tornámonos na cabeza para abrir a pegada, 50 pasos cada un e descanso na cola. O altímetro marca pouco máis de 7.100 m, imos demasiado lentos e a xente de outras expedicións non colabora nada, veñen sempre detrás. Fer rifa continuamente con eles en inglés, pero o máis doado é facerse o tolo. 7.150 m, Gus e Oc anuncian a súa retirada, chegaron o seu cumio… “Esto es un chingo, gallego…”. Mágoa pero bo criterio, non van nada ben. 7.200 m, Juanjo non aguanta máis; non se ve fino, dará volta cun esquiador catalán, déixanos a risa contaxiosa deste gran home. Media mañá, péchase a brétema, ¡¡uf!!. Fernando, Fer, Jose e eu seguiremos subindo, Pere e Miquel andan un pouco por riba cos seus esquís… aínda creo que podemos chegar, nunca penso o contrario ata esgotalas posibilidades. 7.290 m, parada para “xantar” e avaliar a situación, meto algo de xel, un anaco dunha barriña enerxética dura como unha pedra e dous grolos contados de auga. Todo moi rico e moi abundante… Vai frío e xa non hai visibilidade… un paso, outro paso… voan as horas. 13h34’ o altímetro marca 7.360 m, ninguén o di pero todos o sabemos, haberá que pegar volta; o avance é demasiado lento e o tempo empeora cada minuto. Uns metros máis, non merece a pena, non haberá cume… os esquiadores que nos levaban vantaxe tamén abandonan o seu intento. Hoxe ninguén chegará arriba. ¿Pensaría o suficiente cómo sería non subir…?. En Quiroga son as 9h34’, saco do peto o avionciño azul de peluche… chegou ben arriba, fotos, pensamentos rápidos, aquí hai moita xente comigo… non se ve pero estou moi preto do ceo… Imponse baixar, xa sei por outras veces que agora ven o máis enfastiado e as condicións non son boas, o que pode complicarse sempre se complica. O grupo permanece unido para non perder a pegada nunha brétema tan espesa que parece mesmo dificultar a respiración. Cando levamos pouco máis de 20’ baixando empeza unha cifra infernal; a montaña converteuse nunha rateira e nos levábamos uns días invitados a esta festa…non pode ser… de pronto o aire está cargado de electricidade estática e a cifra semella cravarse como alfinetes nas mans e na cabeza… eu nunca tivera que afrontar algo así. As baixadas son sempre complicadas pero hoxe a cousa está moi negra, o feito de non ter chegado o cumio ocupou a miña cabeza durante cinco minutos e agora só me concentro en chegar o C3, alí está a verdadeira cume desta montaña. Tranquilo, non pasa nada, non hai que desesperarse, pero cada minuto que pasa o tremendo “marrón” no que estamos envoltos tórnase máis insoportable, véxome obrigado a sentarme na neve cada poucos pasos; teño a mesma dor aguda na parte esquerda do abdome que aparece sempre durante as baixadas, nunca o consultei pero supoño que será un efecto máis do mal de altura. Recorremos ó GPS para orientarnos, sinto berros en francés de alguén que avisa dos lóstregos, ¡¡hostia…!!, xa me vexo de novo dicindo ¡¡qué pena!!, ¡¡qué pena!!. Por diante, Fernando xa ten localizadas as tendas, eu aínda non as vexo, estou bastante máis arriba cun catalán, que curiosamente tamén se chama Ramón, baixa tocado e procuro non perder en ningún momento o contacto visual. Son as 17h, estou esgotado pero, en principio, a salvo no C3, a miña faciana ten unha costra de xeo e semella máis a imaxe dunha pantasma que alguén deste mundo… gústame ver estas fotos porque son transparentes, podo mesmo ver o meu interior. Lembro, un paso no sol e outro na sombra; o fío que separa sol e sombra e demasiado estreito. O que vexo no interior da miña tenda, chantada no medio da tempestade non é moi alentador, os mexicanos non fixeron auga, están enfastiados. Oc ten os ollos fundidos nunha cunca que agora, xa sen dúbidas, é completamente amarela e a lingua cuarteada. Non se moven para nada, sinto medo… Descansarei un cacho e logo prepararei auga para que podamos meter algo quente no corpo. Fóra anoitece, demasiado tempo de descanso, derreto neve e fago unhas infusións… sabor difícil de esquecer… os meus compañeiros de tenda non son capaces nin de beber malia os repetidos intentos. Ven unha noite mala e unha xornada moi dura, seino… sinto medo.
-DÍA 22 DE AGOSTO DE 2006. C.3. 6.900 m. – C.B. 4.445 m.
As noites a esta altura pasan lentas e deixan pegada, estou acurrunchado no meu saco de durmir, non son quen nin si queira de pensar ou mellor dito, non lembro que pensei esta noite: no intento frustrado de cumio, na tormenta da baixada, no meu estado físico, nos meus compañeiros, no que queda por sufrir para baixarse de aquí, na miña xente,…? Supoño que sería un bulebule de cousas que che deixan o cerebro tremendo. Pero ata o malo ten o seu remate. Ás 8h todos fóra das tendas, esa é a idea; non recordo cando empecei a prepararme para baixar, posiblemente bastante cedo… como sempre levoume un cacho. Gus incorporase no saco pero non pasa de aí. Oc non se move, ten os ollos pechados. “Venga, muévanse que hay que bajar…” non fan caso, non poden facer caso. Pasa o tempo, decido non saír para seguir intentando que os mexicanos non se abandonen… Gus semella algo mellor e con lentitude vaise vestindo, Oc segue sen moverse… teño que pedir axuda para que completen a indumentaria de Gus xa no exterior, hai que evitar as conxelacións. Cando está todo recollido póñome mans a obra, por sorte Oc meteuse no saco completamente vestido agás a roupa de plumas: “muévase carnal, es hora de bajar…”. Primeiro sacareino da “bolsa para durmir”, paro continuamente para respirar axeitadamente, sufócome con facilidade, agora hai que lle poñer as botas… dous pares de botas na mesma mañá é moito. Axúdame un pouco co fío de forza que lle queda pero a operación levoume uns 20’, segue cos ollos afundidos en cuncas amarelas e fala pouco, claro que vai dicir, se fora eu teño claro que estaría todo o rato dicindo: “¡¡qué pena!!”, “¡¡qué pena!!”... Cando está preparado sae da tenda gateando e con axuda do exterior, eu aínda tardarei algo en recoller as súas pertenzas na mochila. Estou esgotado e a xornada aínda non fixo nada máis que comezar. Non falta moito para as 8h e estou listo para saír, a xente xa ten desmontadas as súas tendas, segue un tempo do diaño; qué marrón. Oc está vestido pero tirado no chan contra a súa mochila, haberá que repartir entre todos os que podan o seu peso. Os preparativos fanse interminables e aínda nos atrasan na saída, as mochilas que na subida xa eran moi pesadas, son agora insoportables. Despois das 8h empeza a baixada, cando menos haberá que chegar ó C2. Remitiu a cifra pero segue unha brétema tan mesta que non permite case nin ver o teu propio corpo. A posibilidade de que Oc teña un principio de edema cerebral está no pensamento de todos e antes de empezar a andar subministrámoslle unha dose de dexametasona, estamos preocupados, tense en pé a duras penas e non é consciente da súa situación; Fer anímao constantemente e de momento descende sen axuda pero cada paso semella custarlle a vida… Ninguén o dixo pero aínda cabía, de non terse complicado as cousas como se complicaron, a posibilidade de facer un novo intento ó cumio dende aquí: as pésimas condicións meteorolóxicas e o estado de saúde de Oc fixeron inútil calquera posibilidade máis; é igual, os nosos corpos castigados sen descanso seguro que non ían aguantar malia que sempre se saca forza de non se sabe moi ben onde… Por radio comunicamos cos porteadores que están no C1 para pedirlle axuda, Oc empeora co esforzo e xa hai que levalo entre dous para que poda andar. Estou esgotado, séntome cada pouco e a dor na parte esquerda do abdome case me fai laiar… pasan as horas, debe ser media mañá e recoñezo a rampla que está encima do C2, uns pasos máis e distingo as tendas na distancia, entre a brétema, xa non quedan moitas, a xente correo montaña abaixo en canto se formou o “marrón”. Entre as cousas que recordarei para sempre desta expedición está a rampla por riba do C2: despois dunha pausa para avaliar unha situación que non pinta ben, animámonos uns ós outros, incluso Fernando semella un pouco tocado… Oc négase a camiñar, non pode, igual hai que arrastralo… “¡¡hostia!!... pensamos inxectarlle unha nova dose de dexa… mellor agardamos ata o segundo campamento. Uns pasos máis e estou na rampla, distingo un punto parado no medio, pasan uns minutos, non se move… despois dun rato máis vexo con sorpresa como o escalador quita a mochila das costas e a bota a rolos pola pendente abaixo… ben, polo menos está consciente… sigo baixando, o outro non se move aínda que creo que o intenta, os seus compañeiros que xa están no campo tratan de animalo dende a súa posición… ¡¡¡hostia, que fai este!!!, de pronto vexo como se bota a rolos cara abaixo… en cuestión de segundos interminables detense na chaira onde están as tenda que quedan do C2. Con moito sufrimento chego ó depósito que deixamos instalado aquí, os cataláns que baixaron esquiando teñen té quente, gracias, haberá que facer un esforzo para metelo para dentro. Os compañeiros que baixan a Oc aínda están no principio da endiañada rampla, xa vai un rato que o teñen que arrastrar pola neve… gustaríame ter a forza suficiente como para volver arriba e botarlle unha man, non podo… mátame a dor no abdome… cáenme ás lágrimas… Descargo parte do peso da mochila, sobre todo as cousas de Oc que quedarán aquí para os porteadores que soben a axudarnos, pero non dan chegado… angustia. Entre os alemáns que desmontan o campo hai unha médica, polo menos saberemos como seguir tratando a Oc. Pasan minutos eternos e por fin temos ó mexicano no C2, son ás 15h aínda quedan moitas horas de luz para tentar chegar ó base, o tempo non axuda moito pero non está a tarde tan mala como a anterior, o peor é a brétema. A doutora alemana confirma que o tratamento de Oc, en principio, parécelle correcto; agora está tirado xunto a unha mochila cunha cunca de té na man e parece durmido… o peor destas situacións e pensar que si o deixamos nesa posición quedaríase así para sempre… hai unha fotografía que me arrepía cando a vexo: a liña que separa o sol da sombra é aquí demasiado estreita. Temos que seguir baixando, o descanso sentounos ben e a medida que perdemos altura o organismo vai mellorando dentro do esgotamento acumulado en varios días a moita altura; non hai rastro dos porteadores que terían que vir a botarnos unha man. Os que estamos máis tocados continuamos cara abaixo, antes xa saíran os esquiadores, Fernando e Jose quédanse con Oc, as radios están abertas porque non se descarta un vivac… ¡¡hostia!!. Nas ramplas que preceden á zona dos seracs sobre o C1 agárdannos Pere e Miquel: “venga que pareceis bailarinas, pasos más grandes…”, xa vai un rato que quitamos as raquetas e calzamos os crampóns, para atravesar o complicado pasaxe de fendas e bloques de xeo… por riba a brétema segue pechadísima e Juanjo ten que sacar o GPS para saber por onde andamos. Nun rápido vistazo á ladeira vexo que non lle levamos moita vantaxe ó grupo de Oc; pola radio comunícannos que se encontra bastante mellor, os medicamentos e a perda de altura fan que se vaia recuperando de xeito case milagroso. Ben, non todo vai ser malo nesta retirada inesquecible, Fer anímanos continuamente nos treitos de cordas fixas, aínda podo sacar a cámara e facer espectaculares fotos. Baixo os seracs esmorécese a néboa, o Pamir está outra vez diante dos nosos ollos, tamén vexo as tendas do C1, en poucos minutos as cousas cambian radicalmente, agora só queda aguantar unhas horas e estaremos confortablemente no campo base. Son as 18h, recollo cousas que quedaban na tenda do C1 e deixo o petate listo para os porteadores co meu equipo e máis o de Gus e Oc, atopámonos cos porteadores que viñan a axudarnos no C1 alto; a radio comunica que sigan subindo para recoller as cousas do C2 pero que Oc vai ben e xa baixa só… No C1 normal, naquela tenda azul, dende onde se ve a antena de Karkul Lake, mando unha mensaxe: “Estoy bien, nos retiramos, se acabaron las animaladas …”, non é moi elocuente pero levoume media hora polo reloxo escribir estas palabras, paso un bo cacho a rir eu só porque non son capaz de atopar as letras, axito o móbil como se fose culpa do aparato. Síntome liberado e sei que nunha hora e pouco máis de esforzo estarei como na casa. Miro demasiado para arriba, canso pero satisfeito, a xente está espallada ladeira abaixo. Fer e Juanjo, van un pouco por diante, non falan pero seguro que tamén están contentos.Fernando, Jose, Oc e Gus, descansan no C1 alto, tamén baixarán ó base, todo vai sorprendentemente ben. Penso na posibilidade de beber algo que non sexa auga nin té, algo con gas, coca cola; son totalmente primario. Sorpresa, vexo que Agmehd ven polo sendeiro cara arriba, non pode ser trae unha lata: “Thank you my friend…”. O espectáculo que ofrece o Pamir no solpor é indescritible, os múltiple regatos no fondo do val resplandecen coa pouca luz que queda… momento máxico, gustaríame có sentiras. Son as 20h30’, abrázome con Fer, con Juanjo e con Pere, pouso a mochila ó carón da tenda do campo base, está a nevar e vai frío… non parecía posible porque a miña alma non está aquí pero nun intre que non dura máis cuns poucos segundos, son un viaxeiro… xa sabes, segundo a miña teoría es viaxeiro cando a alma abandona o corpo e pódeste ver dende fóra; é unha recompensa de risa, non o podo explicar mellor pero un esforzo tan grande merece a pena só por experimentar esta sensación… Xa é noite e distinguimos as luces dos que faltaban, chega Jose, despois Oc e Gus, Fernando ven máis arriba, sempre se retira o último da montaña, supoño que tamén está contento despois de cómo se complicaron as cousas. Cea abundante, risas, parabéns e ó saco. Hoxe si, noite sen sonos: non fai falla soñar, basta con recordar.
-DÍA 23 DE AGOSTO DE 2006. C.B. 4.445 m.
Pode parecer algo raro pero non foi unha noite de moito sono, máis ben tería que dicir que a ansiedade superou o cansazo; a conciencia está tranquila, hai alegría nos membros da expedición, pero… sempre é o mesmo a mente do ser humano non acouga. Igual non era o día, non estábamos ben aclimatados, é demasiado para nosoutros… non, non e non: o esforzo realizado na tentativa estivo ben e o planeamento tamén, o tempo non. Acabouse. No almorzo reina a alegría, todos estamos satisfeitos de cómo saímos da montaña e nas facianas refléxase esgotamento pero tranquilidade. Cambio de impresións e continuas risas coas ocorrencias de Fer e os chistes de Jose, o grupo está consolidado e cada un aporta algo para que os demais se sintan ben. É difícil lembrar un momento da expedición na que Juanjo non tivera o sorriso nos beizos ou unha palabra amable para algún compañeiro. Tampouco é fácil atopar unha soa vez na que Fernando perdera os papeis do que tiña entre mans… ¡¡ommm!!. Ja, Ja. O resto da mañá dedicámolo ós preparativos para emprender o regreso. Primeiro facer contas para pagar ós sufridos porteadores, logo secar todo o material húmido despois de tantos días nos campos de altura, deixamos para a tarde o labor de ordenar o material colectivo. Nesta maña tivo lugar un dos feitos máis emotivos para min nesta expedición: Yertal, o pequeno kirguis que fixera boas migas comigo veu a reclamar o que lle prometera, eu de broma intentei darlle caramelos e chocolate como o resto dos días, pero el sinalou o peto superior da mochila onde sabía que eu gardaba o meu avionciño de peluche, recordo moi especial do aniversario de alguén moi especial; resulta sorprendente que alguén que cumpre anos faga regalos ós invitados ¿non?. Pois si, hai xente así. No seu día, aínda que igual non me fixeron caso, eu prometera que o ía poñer ben arriba… o Muztagh xa estaba na miña cabeza naquela cea. Yertal insistiu en sinalar o peto e eu saquei o avincioño e cumprín a miña palabra, regaleillo; non poderei esquecer mentres viva escoitar as vosas voces a 7.000 m, pero tampouco podo nin quero esquecer nunca a mirada de gratitude deste neno de 10 anos cando lle din o peluche… agacho a cabeza para que non se me noten as bágoas nos ollos, Yertal nunca entendería porque choro; os nenos Kirguises só choran cando a súa nai os obriga a lavarse nas frías augas que baixan do glaciar Kartamak. Non valemos nada… Aínda tiven tempo de mercar dúas pulseiras a outro pequeno dos que viven no base coa mediación do meu amigo nativo ¿qué estará facendo agora?; son ben bonitas e tamén son para alguén que é como un neno grande, cando lle contei que viña o Himalaia só dixo: -tío, tráeme algo. Segue preocupado polas dimensións destas montañas, pero presume continuamente coa súa pulseira kirguís. O xantar, como sempre nestes días de recuperación, a morrer. Xorde a idea de mercar unha cabra para comela en kebabs. Fernando fixo a xestión co cociñeiro e cando dixo que non habería problema, Fer espetou: -bueno pues que vayan amenazando ya a la cabra. Nótanse os corpos cansados e hai que moverse a pouco, hoxe non irei ata as antenas para comunicarme: na miña cabeza estades, pero tampouco teño moito que dicir, mellor dito, diría tantas cousas que prefiro non dicilas hoxe. Despois dun intento de sesta toca desfacer os petates que baixaron os porteadores dos campos de altura. Diante da tenda comedor semella unha batalla: gas, cordas, comida, tendas, fornelos, roupa mollada, raquetas, arneses, mosquetóns… quen será capaz de poñer outra vez todo no seu sitio. A modiño, como sempre, as cousas volven a normalidade e entre risas, cando nos decatamos está preparado agás as tendas que haberá que secar durante máis tempo. O resto da tarde pasa entre deambulacións mentais e paseos polo base, achégome ata unha zona onde está instalada unha expedición iraniana, son moitos, pero semella que son tres veces máis. Fer tenlle a guerra declarada porque di que aínda que non os entendeu, claro, pareceulle que falaban de nós cando baixábamos ó base. Ja, ja. Agarda outra cea copiosa, o estómago está a punto de dicir xa basta, pero foron días intensos sen comer practicamente nada. Un dos momentos máis surrealistas desta viaxe foi cando Fer intentou demostrar na tenda comedor, eso si, despois da cea, que os peidos arden: só direi que foi un espectáculo dantesco. Outra velada para non esquecer e volta ó saco. Fóra, está a nevar. No interior recupero a calor dentro do saco e síntome contento de estar vivo. Non sei como serán as cousas cando volva, pero agora, estou vivo…
-DÍA 24 DE AGOSTO DE 2006. C.B. 4.445 m. – Glaciar Kartamak ata 4.550 m. – C.B.
Todos sabemos que a nosa estancia no base chega ó seu remate. Hoxe será un día tranquilo, hai pouco que facer; só resta gardar as tendas de altura e organizar a comida sobrante. O labor ocúpanos pouco tempo, entre todos axiña o tíñamos preparado. Reclama a nosa atención a marcha da expedición inglesa, a máis numerosa do campo base, empregarán para baixar ás súas cousas preto de 40 camelos e como sempre é un espectáculo ver ós porteadores colocar a carga. Sorpresa, os ingleses, moi potentes, tiñan ó seu servicio a catro sherpas nepalís. Fer achégase ata eles e despois do preceptivo “namasté” inicia unha conversa en inglés: que xente máis amable, estivemos un bo cacho cambiando impresións sobre o Muztagh con eles. Cando marcharon achegáronse ata o noso emprazamento para despedirse… Fíxome moita ilusión. A cabra está morta e os “kebabs” cocíñanse xa sobre as brasas, ademais haberá deliciosos “chapatis”: vaia enchenta, tratábase de comer ata non poder máis e penso que acadamos o noso obxetivo con éxito. O estómago… non pode máis. Hoxe tampouco irei ata as antenas, mañá cando chegue á civilización xa tratarei de contar algo. Empezo a sentir medo… pero medo de que?, medo terrible do que poda vir… pero a expedición está a piques de rematar?, xa, pero hai outro mundo, hai outras cousas… ¿qué pasa gallego?: no pasa nada… o depende… Non resisto dentro da tenda e vou ata as antenas, mágoa, non hai cobertura, canto chego de novo ó C.B entérome de que fai dous días que non funciona o teléfono. Está unha tarde bastante boa e decidimos dar un pequeno paseo ata a parte superior da morrena do Glaciar Kartamak: os corpos doídos polo esforzo dos días pasados camiñan lentamente aínda que non hai demasiada distancia. Dende esta parte da montaña, as vistas, son novamente espectaculares sobre a parte superior do glaciar e sobre a Meseta do Pamir; anoitece e a multitude de regatos que percorren o fondo do val reflicten as derradeiras raiolas do sol… teño medo. Aínda fomos quen de cear, non moito pero algo metémoslle ó corpo; risas e máis risas na sobremesa e cediño no saco, mañá haberá que iniciar o regreso á civilización.
-DÍA 25 DE AGOSTO DE 2006. CB. 4.445 m. – SUBASH 3.700 m. – KASHGAR.
Despois de dous días no C.B ultimando os preparativos xa hai gañas de baixar. O día de hoxe empeza pronto, toca ter as cousas preparadas antes das 8h para almorzar e agardar a chegada dos camelos, despois todo se atrasa, como sempre e non sairemos ata pasadas as 10h. Cústame meter o material no petate e véxome na obriga de baixar cunha mochila demasiado cargada. Levo dous días sen poder comunicarme síntome oprimido aínda que hoxe pola tarde dende a civilización comunicarei o meu estado. Despois de presenciar con curiosidade a carga dos camelos, sempre un espectáculo rechamante e de outra época, a marcha do campo base empeza lentamente unha vez realizadas as despedidas protocolarias. A vista atrás continuamente, como se tivéramos o “síndrome de Estocolmo”, para ver por primeira vez dende a nosa chegada, a grandeza dunha montaña enorme pero que non se deixou facer. Hoxe é o primeiro día dende que viñemos que pode contemplarse sen a nube chantada no seu cumio, consola un pouco saber que a neve caída durante a noite tampouco será boa para escalar nesta xornada. Baixada lenta e con moitas fotos interesantes. Por momentos o pouco peso da mochila faimo pasar mal e semella como se tivera problemas para respirar, que parvada se estou perdendo altura. Ás 14h aproximadamente chegamos a Subash con grande alivio, rematou o sufrimento, aínda que non sentín o mesmo que na saída do Parque do Aconcagua, estou satisfeito. Xantar improvisado na pradería a carón da aldea de Subahs, a estas alturas da expedición xa se come de todo, incluso salchichas chinesas sen cociñar. Despois de media hora cargamos o autobús e empezamos a viaxe rumbo a Kashgar, últimas vistas das montañas e ás 18 h estamos novamente na cidade, en principio a noite de hoxe pasarémola nun hotel diferente. Primeira cea na cidade, a morrer, moito, máis do necesario. Noite sen sono.
-DÍA 26 DE AGOSTO DE 2006. KASHGAR.
O hotel no que estamos aloxados non é todo o bo que sería necesario e o primeiro trámite do día consiste en cambiar para o mesmo que tivemos durante a chegada á cidade, o que implica ter que mover de novo tódolos vultos. Visita o Banco Nacional de China e a media mañá instalámonos nun hotel que para atoparse neste canto do mundo resulta ata luxoso. Cando quero darme conta estamos novamente sentados diante da mesa dun magnífico restaurante uigur, máis comida rica, nótase que hai fame e estamos adaptados á comida da zona moito mellor que a china. Á hora de repousar a comida empeza un percorrido polos monumentos da cidade: primeiro as tumbas das xentes procedentes do deserto que fundaron a cidade, logo unha fábrica de alfombras e por último a mezquita de Kashi, que pasa por ser a máis grande de China. Despois pola nosa conta percorremos unha parte sorprendente da cidade: canta miseria, supón como retroceder á Idade Media. O día remata como sempre con outra cea a fartar, nesta ocasión nun restaurante típico da cidade frecuentado por occidentais, sálvese quen poda…
-DÍA 27 DE AGOSTO DE 2006. KASHGAR.
Este día como todos empeza demasiado pronto, aínda que estando neste mundo todo o tempo semella pouco, ata que se viran as cousas da mente. Hoxe celébrase o Sunday Market, nos libros consta como o mercado máis grande do mundo e ten a súa orixe cando Kashgar era unha das cidades máis importantes da ruta da seda. A primeira visita é o mercado gandeiro que resulta como moitos que levo vistos na miña vida pero con xentes e animais distintos, mesmo vexo as famosas cabras de cachemira, ovellas do himalaia, burros ananos, … e moita miseria. Ben, imos o mercado do domingo; como todo aquí hai poucas palabras para a súa definición. Compro cousas para levar de recordo coa presión de sempre pero tendo en conta que aquí gástanse poucos cartos, os regateos resultan entretidos e forman parte da vida deste pobo. Ó medio día comida nunha especie de McDonald con sabor chino. Regreso ó hotel para deixar as compras e descansar un rato, despois de 20’ xa estou novamente na rúa eu só para percorrer a parte árabe da cidade como sempre soñara, non hai ningún problema, ninguén che presta atención. Paso un rato apoteósico, sobre todo cos músicos fronte á mezquita, tocan durante horas unha melodía con poucas variacións: percusións e duduk, mesturase co muecín chamando á oración, arrepiante… novamente convértome nun viaxeiro. Hoxe cearemos froita no hotel, xa non hai sitio no estómago para máis comida.

-DÍA 28 DE AGOSTO DE 2006. KASHGAR.
O día presentábase incerto aínda que eu confórmome con pasear unha e outra vez polas rúas ateigadas de xente, só necesito estar alí entre eles para pasalo ben. Teño que volver a dicilo: as chamadas a oración polo muecín resultan arrepiantes. Non madrugamos moito aínda que o almorzo obriga a non durmirse. Nun principio íamos ter a mañá libre pero despois cambio de plans, iremos a oficina de correos para mandar parte do equipo. Non pode ser: 14 kg e o que queda para levar no avión. Paréceme imposible ter tanto peso eu non sei como fixo o resto da xente. Esta tarefa prolóngase durante boa parte da mañá nunha oficina de correos que parece funcionar bastante ben. Regreso paseando ata o hotel, uns minutos de reflexión e novamente a comer; moita comida e moi rica, o típico da dieta uigur: arroz, kebabs, polo…

-DÍA 29 DE AGOSTO DE 2006. KASHGAR – URUMCHI – PEKÍN.
-DÍA 30 DE AGOSTO DE 2006. PEKÍN.
-DÍA 31 DE AGOSTO DE 2006. PEKÍN.
-DÍA 1 DE SETEMBRO DE 2006. PEKÍN – PARÍS – MADRID.
-DÍA 2 DE SETEMBRO DE 2006. MADRID – QUIROGA.

“Sí, fui, ya lo sabes, ya lo sabe todo el mundo, lo que no sabe nadie es que mi alma se quedó aquí y no puede hacerse algo así sin alma…”

jueves, 7 de septiembre de 2006

UNA SOLA PUERTA DE TRES ABIERTA, UNA SOLA PUERTA...

O primeiro blog: UNA SOLA PUERTA DE TRES ABIERTA, UNA SOLA PUERTA..., aberto o día 7 de setembro de 2006, comezaba así. Mantíveno con moita actividade ata que todo se me foi das mans, agora recupero o que é posible. Máis ou menos a primeira entrada era así:


"La magia del espíritu humano se resume en aquella mirada que busca, con entusiasmo sin límites, la proxima montaña desde la cumbre. Por eso, cuando llegues a la cumbre, sigue subiendo".
Darío Bracalli.

"Me voy a ir andando por caminos de soledades para ir sembrando en sus orillas mis libertades".
Manolillo Chinato.

"El alpinismo no es seguro, pero una persona prudente tiene bastante probabilidad de sobrevivir en este juego. Cada uno está entre la fuerza que le lanza a crear (el séptimo sentido) y otras que lo retienen (que puede ser la razón ó el sexto sentido)".

Kurt Diemberguer

"El camino hacia la cima es, como la marcha hacia uno mismo, una ruta en solitario" Alessandro Gogna.

"Un día soñando en un sueño soñé que estaba soñando contigo...".
Muchachito.

"Busca la belleza, es la única protesta que merece la pena en este asqueroso mundo"

"Debemos ir serenos y alegres por la tierra, atravesar espacio tras espacio sin aferrarnos a ninguno como si fuera una patria; el espíritu universal no quiere encadenarnos: quiere que nos elevemos, que nos ensanchemos, escalón tras escalón".
Hermann Hesse

Si la montaña viene hacia ti... ¡¡¡Corre!!!. Es un derrumbe.
Les Luthiers

"Solo hay dos cosas infinitas en el mundo: el universo y la estupidez Humana".
Albert Einstein