PÁXINAS AMIGAS

domingo, 1 de abril de 2001

QUIROGA, ARTE E HISTORIA.


Inmerso nun privilexiado marco natural, conta o Concello de Quiroga cun singular e máis que notable legado Histórico-Artístico.
As manifestación culturais, pegadas do pasado, adquiren aquí un sabor característico, marcado de especial xeito por dous elementos ou acontecementos salientables; -a estadía dos romanos dende finais do século II d. de C. ata primeiros do século V, e –o especial carácter que souberon imprimi-los Cabaleiros da Orde de San Xoán de Malta, dominadores espirituais e temporais desta comarca dende finais do século XIII ata ben entrado o século XIX.
Dende o pretérito prehistórico atopamos neste concello a presencia do home; daquela hai que salienta-los hábitats troglodíticos descubertos hai anos na parroquia de Pacios da Serra, no coñecido como val da “Cova do Oso”.
Moito máis numerosa e frecuente é a existencia de asentamentos de tipoloxía castrexa, e, aínda que non é doado afirma-la presencia do pobo celta nos mesmos, non o é tanto constata-la súa posterior romanización, posto que a maioría pódense vincular á defensa da rotas polas que transportaban ouro e outro tipo de minerais procedentes das cuncas dos ríos Sil, Lor, Soldón, e Selmo e o mesmo Quiroga. A proba máis palpable desta ocupación é o impresionante túnel de Montefurado, o máis antigo e de maiores dimensións dos túneles artificiais perforados na Península Ibérica. A xigantesca obra permitiu ós romanos desvia-lo canle do río Sil fendendo o lóbulo do meandro que forma nesta zona o lendario río, para beneficiarse máis e mellor das areas que arrastraba a auga.
A antigüidade da implantación do cristianismo na Comunidade Galega, ven marcada polo chamado “Crismón de Quiroga”, peza datada entre finais do século IV e primeiros do século V, procedente do santuario da Virxe dos Remedios da Ermida, onde, a xulgar por varias pezas como o capitel incrustado na sancristía e as basas de columna que hoxe actúan como pilas de auga bendita, podería ter existido no mesmo lugar, ou nas inmediacións, unha basílica ou mausoleo romano.
Outro dos factores singularizadores da Historia desta Comarca é a Orde de San Xoán de Xerusalén, que fixo desta terra cabeza dunha Encomenda o que supuxo o xerme dunha dinámica artística moi importante para as terras de Quiroga. Dúas fábricas, producto do anterior, destacan de xeito especial e constitúense como emblemáticas; o Conxunto do Castelo de Torrenovaes, onde xa existía unha torre á que lle foi engadida outra construcción tipo pazo a finais do século XIII, constituíndose na primeira sé da Encomenda como aínda indica airosa a Cruz de Malta que coroa a porta principal do pazo.
Tamén, e estreitamente ligado ó anterior conxunto, aparece o núcleo do Hospital, que conxuga un importante número de elementos do legado cultural de varias épocas centrado pola Igrexa Parroquial de San Salvador, de cronoloxía imprecisa, pero á que cabe atribuírlle unha orixe prerrománica na Capela de San Xoán, onde podemos olla-las lápidas de ilustres Quirogas e Losadas e que constitúe a cabeceira do edificio actual notablemente ampliado en sucesivas etapas. Outras pezas de especial importancia dentro do mesmo edificio son o retablo maior barroco, o Cristo Crucificado, o San Bartolomé Vello e tamén o Novo, e a pila Bautismal.
Completan o importante núcleo do Hospital a arruinada Casa Torre ou de Tor, pazo cunha orixe máis que probable no século XVI e non moi lonxe desta a Casa de Carballedo, con escudo de armas do mesmo século. Nun radio de poucos quilómetros, as Casas de Outeiro, Veiguiña e Lamela ofrecen muda testemuña dun esplendoroso pasado ligado a orde de San Xoán.
O que poderíamos denominar “Cultura da Encomenda” non queda relegada ós século centrais da Idade Media, baixo a súa tutela realizáronse moitas obras durante os séculos XVI ó XVIII, período no que é especialmente salientable a imaxinería e os retábulos de moitas das Igrexas do Concello. Así o constatan as Parroquiais de Santa María Madalena da Seara, Santa Eulalia de Bendollo, Santa María de Bendilló, San Mamede de Fisteus, Santa María de Cereixido e Santa María de Quintá do Lor, sen esquecer, aínda que non ligada a Encomenda, o impresiónate templo de San Miguel de Montefurado con numerosas reminiscencias da arte castelán desta época, palpables na súa concepción arquitectónica e en cada un dos seus retablos e imaxes contidas no edificio.
Tamén ó abeiro dos “cabaleiros-monxes”, nalgúns casos, a cultura do ferro ten unha importante presencia no Concello de Quiroga. Polo seu estado de conservación na actualidade, hai que mencionar en primeiro lugar a Ferrería da Rodela, da que resta en bo estado o banzado, e do demais, os muros e unha pequena parte que foi posteriormente acondicionada como central hidroeléctrica. Non se coñece exactamente a data da súa construcción, pero sábese que os seus promotores foron os monxes de Samos.
As ferrerías de Gorgueira en Paradaseca, Paleiras en Pacios da Serra, Quintá no Hospital, Rugando en Paradapiñol, O Mazo no Soldón da Seara e Roxa Longa en Vilarbacú, aínda que con distintos graos de deterioro, ofrecen na actualidade unha magnífica perspectiva do que foi a incipiente Industria do Ferro no Concello de Quiroga.
Na capitalidade municipal, a Igrexa Parroquial de San Martiño, levantouse entre os anos 1.864 e 1.870 dentro dun marcado estilo Neoclásico, con planta de cruz latina e dúas airosas torres que comprimen a fachada.
Outro edifico emblemático na vila é a Casa do Concello, obra igualmente da segunda metade do século XIX, construída coa característica mampostería de lousa do Pombeiro e cunha fachada coroada pola torre do reloxo.